Novas | 991 a 1000 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

26/08/2019
O XVIº Curtocircuíto acollerá unha proxección especial de ‘O que arde’ de Oliver Laxe

A película O que arde, o último filme de Oliver Laxe, producido pola galega Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula e Kowalski Films, segue a acender titulares neste mes de agosto. O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, que se celebrará entre os próximos 28 de setembro e 6 de outubro, acollerá na súa décimo sexta edición unha preestrea do filme. Esta sesión especial terá lugar o martes 1 de outubro ás 22:30 h no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme. O pasado mes de maio, O que arde fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial Un Certain Regard de Cannes e o Premio á Mellor Creación Sonora da sección. O filme, que ven de converterse nun dos catro españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo, terá a súa estrea estatal no festival de San Sebastián no mes de setembro. Ademais nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos como Toronto ou Nova York antes de chegar ás salas comerciais o próximo 11 de outubro da man de NUMAX Distribución.. Amplía a nova>>

22/08/2019
'O que arde' entra na lista de candidatos aos premios da Academia Europea de Cine

A película O que arde de Oliver Laxe segue a ser fonte de boas novas para o audiovisual galego. A Academia Europea de Cine (EFA) ven de facer público que o filme, rodado en galego, é unha das 46 películas de ficción seleccionadas como candidatas aos Premios de Cine Europeos (European Film Awards) deste 2019, na que será a 32ª edición dos galardóns. O filme de Oliver Laxe é un dos catro con produción española que aparecen no listado da EFA, xunto con El reino, de Rodrigo Sorogoyen na que actúa o compostelán Luís Zahera, premiado cun Goya pola súa interpretación; Dolor y gloria, de Pedro Almodóvar e La noche de 12 años, de Álvaro Brechner. Na mesma lista que Laxe están as produción de realizadores moi recoñecidos a nivel internacional como Agnieszka Holland, Ken Loach, Olivier Assayas e Danny Boyle entre outros. As 46 películas pre-selecionadas foron elixidas por un comité formado pola directiva da EFA máis un panel internacional de expertos convidados. . Amplía a nova>>

19/08/2019
Eloy Enciso premiado como mellor director pola crítica de cine independente

O cineasta Eloy Enciso ven de ser galardoado pola Asociación da Crítica de Cine Independeente co premio Boccalino D'Oro ao mellor director pola súa película filmada en galego Longa Noite. O fallo da asociación deuse a coñecer tras a súa exhibición no marco do 72 Festival internacional de Cine de Locarno, en Italia este pasado sábado. Enciso xa estreara anteriormente neste festival a súa primeira longametraxe documental, Arraianos, en 2012. O filme, Longa noite é unha reflexión sobre as relacións humanas e a auxe do fascismo ambientada na Galicia da posguerra. Longa Noite cometía tamén na sección oficial do festival de Locarno pero non recibiu ningún dos recoñecementos do palmarés oficial do evento. Longa Noite participará na 44 edición do Festival de Toronto e no Festival de Nova York. A estrea en terras galegas de Longa Noite terá lugar na sala Numax o vindeiro 5 de decembro.. Amplía a nova>>

09/08/2019
Sete filmes en galego obteñen axuda para a súa difusión en salas da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña destina máis de cen mil euros para que sete filmes recentes do novo cinema galego cheguen ao público da provincia na nosa lingua. Os novos títulos de Oliver Laxe, Eloy Domínguez, Jaione Camborda, Eloy Enciso, Alexandre Cancelo e Berio Molina, Rita Azevedo e Lois Patiño son as beneficiarias da nova liña de axudas ás que nesta edición se destinaron 105.515,38 € tal como se vén de publicar na resolución definitiva. A convocatoria neceu coa vontade de eliminar os grandes atrancos do cinema en galego para a súa distribución en salas de exhibición da provincia da Coruña. O que arde de Oliver Laxe, Hamada, de Eloy Domínguez, Arima de Jaione Camborda, Longa noite de Eloy Enciso, 7 Limbos de Berio Molina e Alexandre Cancelo, A portuguesa de Rita Azevedo e Tempo Vertical de Lois Patiño son os títulos que se distribuirán coa liña de axudas da área de Cultura da Deputación da Coruña pola que reciben achegas desde 5.927 € até 25.500 € segundo criterios obxectivos do proxecto presentado para a exhibición.. Amplía a nova>>

09/08/2019
Xa están dispoñibles na rede todas a producións do último Chanfaina Lab

Os traballos de 23 cineastas que participaron na última edición do Chanfaina Lab están xa na rede. O web desta iniciativa audiovisual que convida a creadores a realizar os seus filmes durante un día neste concello completou a publicación en Youtube de todos os proxectos que se desenvolveron ao longo da última xeira. Un total de 23 curtas da man de Catalina Rodriguez Rico, Adrián Canoura, Natalia Fernández, The sungirls, Bieito Beceiro, Ángela Arnosa, Cibrán Tenreiro, Iago Lourido, Margarita Ledo, Javier Seoane, Irene Beceiro, Simone Saibene, Sebastian Rodríguez, o equipo de Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón, Fran Bermudez, Aser Álvarez, Lucía Estevez, Abel Vega, Andrés Goteira, Pablo Martínez, Helena Girón e Samuel M. Delgado; Mar Catarina e Rubén Domínguez, e mais Gabriel Tizón. . Amplía a nova>>

08/08/2019
'O que arde' de Óliver Laxe seleccionada polo Festival de Cine de Nova York

O Festival de Cine de Nova York (NYFF) exhibirá este outono a película O que arde (Fire Will Come no seu título internacional) do cineasta Óliver Laxe dentro do seu Panel Principal. A película gravada integramente en lingua galega competirá en versión orixinal con outros 28 filmes de 17 países diferentes, nove deles tamén recoñecidos no festival de Cannes como a longametraxe de Óliver Laxe, así e o caso de Pedro Almodovar e a súa cinta Dolor e gloria. O evento neoiorquino celebra a súa 57ª edición este ano como a cita outonal co cine de referencia en EE.UU. e durará 17 días, entre o 28 de setembro e o 15 de outubro. No panel principal tamén se inclúe a estrea mundial da nova película de Martin Scorsese, The Irishman e filmes de Agnes Varda ou edward Norton entro outros moitos directores. Esta ocasión será a da estrea nos EE.UU da película sobre os lumes pirómanos de Galicia, asinada por Laxe.. Amplía a nova>>

05/08/2019
O sector cultural despediu a Celso Parada como compañeiro e referente fundamental do teatro

Coas súas propias verbas Celso Parada (Moaña, 1958- Vigo, 2019) daba o adeus desde a súa necrolóxica publicada onte no xornal Faro de Vigo: "Voume lixeiro con todo o saber do contador, meu pai Ventura e toda a alegría da miña nai Bernarda./ Xa non mirarei aos ollos do espectador, nin a sentir a grande vertixe do actor nas táboas./ Voume co inmenso pracer do traballo, o teatro como un océano...". Deste xeito convocaba desde o alén Parada a familiares e amigos a xuntarse no que foi o acto da súa despedida onte na súa localidade natal, Moaña. A noticia do seu pasamento tinguía de loito o pasado sábado 3 de agosto o mundo da cultura do país. Parada, falecía aos 61 anos no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, vítima dun cancro que levaba máis dun ano loitando. . Amplía a nova>>

30/07/2019
A actriz Luisa Merelas recibiu o premio Xociviga de Honra por ser un "referente para a profesión"

Trala proxección o dmingo da película Sempre Xonxa, iniciáronse as xornadas Xociviga 2019 no Carballiño coa sinatura dun convenio coa Fundación Carlos Velo para desenvolver obradoiros creativos no abeiro das xornadas e coa Gala oficial das xornadas, nas que foron premiados o produtor José Sousa (in memoriam), os socios fundadores do Cine Clube do Carballiño co gallo dos 50 anos da entidade e a actriz Luisa Merelas Gómez, que recibiu o premio "por ser un referente para toda profesión actoral de Galicia tanto no audiovisual como no teatro".. Amplía a nova>>

30/07/2019
O Premios Rebulir recoñecen á Coral De Ruada, 'Morris' e Rosa Cedrón

A Coral de Ruada, o actor Antonio Durán ‘Morris’ e a músico Rosa Cedrón fixéronse merecedores este ano de cadanseu Premio Rebulir de Cultura Galega nas modalidades de Premio Homenaxe, Artes escénicas e Música Galega, respectivamente. Os premios outorgados pola Asociación Cultural Rebulir, de Ramirás (Ourense) supoñen un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura tradicional nas súas diferentes manifestacións. A entrega do premio faise no marco da Gala central do FIR (Festival Internacional Rebulir) que este ano chega á súa XIVª edición en decembro e consiste na entrega dun diploma acreditativo e dunha estatuílla que sempre elabora algún artesán ou artista galego. Un xurado decidiu os nomes dos premiados de entre unha lista de finalistas que foi sometida previamente a votación popular entre os membros da asociación.. Amplía a nova>>

29/07/2019
Luís Zahera Premio Cinema Galego do FIC Bueu

O actor Luis Zahera, recente premio Goya, recibirá o Premio Cinema Galego no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro. Ademais, o público do FICBUEU 2019 poderá coñecer en profundidade a intensa traxectoria do actor compostelán no Encontro con Luis Zahera que se desenvolverá o sábado día 7 no Centro Social do Mar, a partir das 18 horas. Alí farase a proxección de tres traballos curtos: a curtametraxe O matachín, dirixida por Jorge Coira en 1996 e protagonizada por uns novísimos Zahera e Tosar, xa considerada un clásico do audiovisual galego; Marina, de Álex Montoya, (2010) e un capítulo de Entre pipas, a webserie que coprotagoniza canda Xúlio Abonjo. O acceso ao Encontro con Luis Zahera será de balde, pero debido ao aforo limitado da sala é preciso retirar no mesmo día un convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar, que estará aberto de 10 a 12:30 horas pola mañá e a partir das 17 horas na tarde.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org