05/11/2019
Felipe Lage é o novo presidente da Asociación de Produtoras Independentes
A Asociación Galega de Produtoras Independentes, Agapi, ven de renovar por unanimidade a súa Xunta Directiva por un período de dous anos, tal e como establecen os Estatutos. Felipe Lage Coro, de Zeitun Films, será o novo presidente da Asociación neste período, ao que acompañará como vicepresidente, X.Lois Ledo de Nós Produtora Cinematográfica Galega. O cargo de secretaria seguirá en mans de Luisa Romeo de Frida Films e a tesourería pasa a incorporar a Andrea Vázquez de Miramemira. Continúan como vogais Ignacio Vilar de Vía Láctea Filmes, J.Antonio Velo de Ástrágalo Studio e Manolo López de Tex45. Incorpóranse ao equipo Dolores Ben de Cinemar Films e Daniel Froiz de Matriuska. A nova Xunta Directiva asume o cargo con ilusión e compromiso de traballo a prol do audiovisual galego como se leva facendo desde a constitución de Agapi no ano 1994 e fai un chamamento a todas as produtoras independentes a unirse á asociación. A próxima actividade de Agapi, en colaboración coa Deputación da Coruña, será a xornada
A PRODUCIÓN AUDIOVISUAL A DEBATE que terá lugar o vindeiro xoves 21 de novembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na Praza das Praterías (Santiago de Compostela) na que se tratarán temas como a distribución ou o papel das administracións nas axudas á produción..
Amplía a nova>>
04/11/2019
O festival Curtas de Vilagarcía premia as películas 'Brotes' e 'El cumple'
Pechouse a 47ª edición do festival internacional de cine e banda deseñada Curtas de Vilagarcía de Arousa non sen antes repartir o palmarés da súa sección oficial deixando atrás nove premios colocados e cun gran protagonismo para a produción cinematográfica galega. A curtametraxe
El cumple (Producciones Labarouta, 2019) primeira película dirixida polos guionistas Pablo Alen e Breixo Corral levou o premio do festival á mellor curtametraxe na sección oficial internacional; na sección propia de curtametraxes galegas resultou premiada
Brotes, de Jorge Fernández Meneses; Fran X. Rodríguez levou o premio ao mellor director galego polo seu traballo coa produción
Neno bonito. O documental sobre a afectividade sexual durante a posguerra e a ditadura
Eu tamén necesito amar, dirixido por Antonio Caeiro para Ollomol Audiovisual de Gondomar e a Asociación Cultural O Faiado da Memoria de Vilagarcía de Arousa, levou o premio de mellor documental galego..
Amplía a nova>>
31/10/2019
O Cineuropa 33 proxectará case douscentos filmes
A trixésima terceira edición de Cineuropa, primeira sen Xosé Luís Losa como director, proxectará en Compostela case douscentos filmes ao longo do mes de novembro. A presentación oficial do evento, que se desenvolveu na mañá deste 31 de outubro, revelaba que a sección oficial contará con 103 filmes nas cinco categorías en competición, cun apartado de animación como novidade. No conxunto do programa poderán verse dezanove estreas estatais e outras nove preestreas de filmes que aínda non chegaron a salas..
Amplía a nova>>
28/10/2019
A Semana do Cine de Lugo premia a 'As tres caídas de María Santiso' e 'Marusía'
Cinco premios e ata dezasete mencións especiais do xurado conforman o palmarés que dexia tras de si a XLI Semana do Cine de Lugo, deprendida por primeiro ano do seu apelido "de autor", como levou durante as 40 edicións anteriores. Este domingo deuse a coñecer a lista de nomes das películas destinatarias en cadansúa categoría e nas seccións de longametraxe e curtametraxe galegas o público elixiu respectivamente a
As tres caídas de María Santiso, de Roberto Alvite e
Marusía, de Pedro Sancho como merecedoras do premio entre as 20 obras que se presentaron. Na Sección Oficial foi a cinta irlandesa
O pan da guerra de Nora Twoney a que acadou a maior puntuación dos asistentes; mentres que Xurado premiou na Sección Documental a cinta de Nata Moreno
Ara Malikian: una vida entre las cuerdas, sobre a traxectoria do violinista. Ademais o público lugués tamén premiou a curtametraxe
Happy Friday de José Antonio Campos Aguilera. Pola súa banda o Xurado deixou ata 17 mencións especiais polo especial tratamento dos temas, ás persoas e ao cine. Entre elas están as producións galegas
Mariñeiro, de Juan Galiñanes;
Narote, de David Vázquez Vázquez;
Devalar, de Mar García;
Limbo, de Daniel Viqueira;
Cambio, de Iago de Sant;
Pedrón de Freixo, de Ángel Cordero Gómez. .
Amplía a nova>>
25/10/2019
O 33 Cineuropa porá os acentos na perspectiva propia da ollada feminina
A 33ª edición de Cineuropa, a primeira na súa historia que non dirixe José Luís Losa, xa deixa ver algunhas diferencias respecto ás anteriores, a primeira é a presentación en dúas diferentes roldas de prensa cunha semana de diferencia. A de hoxe facíase para presentar a nova equipa directiva e debullar as grandes liñas do evento cinematográfico compostelán que comezará o 7 de novembro baixo o lema
Cuestión de perspectiva. A responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, presentou a que será a directora do festival este ano, Laura Seoane, e o coordinador de programación, Javier Trigales. Os dous coruñeses levarán as rendas pola empresa La Tropa Produce. Os tres, acompañados tamén polo director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron o cartel deste ano, que xa amosa a relevancia da ollada feminina que será a protagonista na sección oficial e terá especial importancia tamén nas seccións paralelas dun xeito transversal en todo o evento. A potencia observada das películas presentadas polas realizadoras na produción actual motivou a necesidade de facer este enfoque para a directora, Laura Seoane, que asegurou que o 40% das películas do programa están dirixidas por mulleres. .
Amplía a nova>>
24/10/2019
A SEMUÁ-Semana das Músicas do Audiovisual chega á súa cuarta edición
Esta semana que pon o foco no elemento musical das produción audiovisuais, organizada pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña, celebrarase entre o 27 de outubro e 1 de novembro na Coruña, baixo a dirección artística unha vez máis do compositor Nani García e co obxectivo de revalidar o éxito de público das tres edicións anteriores. A Semana das Músicas do Audiovisual-SEMUÁ, pon en valor o traballo dos profesionais da composición, produción e interpretación das músicas que acompañan as obras audiovisuais a través dun programa suxestivo que abarque a público de todas as idades. Na súa cuarta edición, a SEMUÁ dedicará unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid, compositor de bandas sonoras para máis de 60 películas e 30 series de televisión, entre as que destacan títulos como
El secreto de sus ojos, Gran Reserva, Loving Pablo ou
Fariña entre outras moitas. Jusid dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia no Teatro Colón dentro do programa
As nosas músicas; no que serán interpretadas algunhas das súas partituras máis coñecidas xunto a pezas dos compositores galegos Manu Riveiro e Pablo Barreiro, entre as que destacan unha suite a partir da banda sonora do filme galego
Sempre Xonxa no trixésimo aniversario da súa estrea..
Amplía a nova>>
23/10/2019
Preséntase a webserie de educación sexual S.E.X.
A produtora Illa Bufarda, en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paidea, vén de lanzar na rede a webserie S.E.X. como ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade destinada para adolescentes. Esta iniciativa, premiada na segunda edición do Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña, preséntase como un proxecto con diversas accións entre as que se inclúe unha canle de Youtube na que se publicará unha serie de seis capítulos que abordan de forma monográfica diferentes aspectos da esfera da sexualidade. A webserie S.E.X., protagonizada por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire (que fan os papeis de Sara, Eduardo e Xela, cuxas iniciais dan lugar ao título da serie), estreou o pasado martes 15 de outubro o seu primeiro capítulo na súa canle da plataforma Youtube e lanzará un novo vídeo cada mes.
Amplía a nova>>
21/10/2019
Bota a andar a 41 Semana de Cine de Lugo
Este 21 de outubro comezan os actos do programa da Seman de Cine de Lugo, que chega á súa 41 edición a perder a súa denominación "de autor". O ciclo que organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá bota a andar cunha homenaxe e a presentación dun libro sobre o actor lucense Antonio Mourelos, cun acto que se desenvolve a partir das 17 horas no Auditorio Gustavo Freire. Ademais, descubriranse as primeiras placas do novo Paseo do Cine en Lugo. Cada á dedicada ao propio Mourelos, inaugurarase unha que recoñece a Prudencia Grifell, grande dama do cinema mexicano nada en Lugo que a semana homenaxeara en 2004..
Amplía a nova>>
18/10/2019
O festival Curtas celebra en Vilagarcía a súa 47 edición
Vilagarcía acolle entre o 25 de outubro e o 3 de novembro a 47 edición de Curtas, o festival de audiovisual e banda deseñada. Desta volta, os eixes da chegada do home á lúa e mais da maxia e das lendas artellan a programación, cunha especial homenaxe a Harry Potter, que estará presente cunha exposición específica. O debuxante inglés Davyd Lloyd, o catalán Pasqual Ferry, Kiko da Silva, o divulgador e escritor de ciencia ficción Álex Riveiro, Loulogio, Diana López Varela, Antonio Seijas, Salva Espín, Eli Ríos ou Fernando Cimadevila son algúns dos convidados desta ocasión.
.
Amplía a nova>>
17/10/2019
INTERSECCIÓN consolídase na segunda edición tendendo pontes entre arte e cine de vangarda
INTERSECCIÓN, Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, celebrará na Fundación Luís Seoane da Coruña a súa segunda edición, do 24 ao 27 de outubro mantendo o seu obxectivo de dar visibilidade a obras creadas por artistas situados no cruce da arte contemporánea e o cine de vangarda. O festival ofrece unha completa programación que traerá a A Coruña a artistas de recoñecido prestixio internacional entre os que destacan o cineasta e antropólogo J.P. Sniadecki, a multidisciplinar Dora García e a portuguesa Salomé Lamas, unha das máximas expoñentes actuais da arte audiovisual lusa e creadora de pezas habitualmente comprometidas. Ademais a sección Galicia que contará con obras de artistas representativos tanto dentro de Galicia como en España ofrecendo a proxección de 13 obras das que nove son estreas mundiais e están asinadas por autores como Carla Andrade -que presentará dúas obras-, Carme Nogueira, Félix Fernández, Alberte Pagán ou Vázquez/Arrieta -Vicente Vázquez e Usue Arrieta. Nesta segunda edición, INTERSECCIÓN dedica una programación á Facultade de Belas Artes de Pontevedra repartida en dúas sesións independentes o primeiro día e último día do festival nas que se proxectarán 46 pezas do arquivo dos 26 años de docencia universitaria en materia de videoarte deste centro..
Amplía a nova>>