Novas | 941 a 950 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

18/11/2019
'O que arde' mellor longametraxe internacional no festival de Mar de Plata

A "quinta provincia" galega tamén ven de sumarse aos recoñecementos ao filme máis premiado da cinematografía galega actual. O Festival Internacional de Cine del Mar de Plata, que pecha hoxe día 18 a súa 34ª edición en Buenos Aires, deulle a O que arde, de Oliver Laxe, o seu Astor de Oro á Mellor Longametraxe da competición internacional. Ademais a película engade ao seu palmarés que Laxe e Santiago Fillol tamén foron merecedores, segundo o xurado, do Astor de Plata polo mellor guión desa competición. Cabe destacar tamén a Mención Especial na sección Estados Alterados do festival obtida por Longa Noite (Eloy Enciso), outro filme galego que está a destacar en todos os festivais e pendente de estrea en salas. Segundo os datos máis recentes do Ministerio de Cultura e Deporte, a exhibición en cines españois de O que arde leva recadados 319.270 € en taquillas, con 58.791 espectadores.. Amplía a nova>>

18/11/2019
Álvaro Gago leva a Áncora de Ouro do Curtas Armadiña

O Curtas Armadiña, certame audiovisual que se celebra no Concello de Poio, fechaba este 17 de novembro as portas da súa quinte xeira coa entrega de premios. 16 de decembro de Álvaro Gago, conseguía a Áncora de Ouro á Mellor Curtametraxe nesta edición, mentres Uganda, de Fernando Tato era recoñecida polo público coa Áncora de Prata.. Amplía a nova>>

13/11/2019
A 29 Semana de Cine Submarino de Vigo homenaxeará o realizador Jorge Candán

A contraposición entre as ameazas aos océanos e a beleza que agochan estes espazos é o eixe da vixésimo novena edición da Seman de Cine Submarino de Vigo. O Teatro Afundación acollerá entre os días 20 e 22 de novembro a proxección de sete proxectos audiovisuais coa presenza dos directores Nuno Sá, que comentará o seu filme Mar, a última fronteira: continente e David Álvarez, que presentará O ocaso do rei. A cita que coordina a Universidade Olívica inclúe no seu programa unha homenaxe ao realizador vigués Jorge Candán, campión do mundo de vídeo submarino 2019, de quen se poderá ver o filme O retorno, unha distopía que especula cunha realidade na que os humanos non poden vivir na superficie do planeta. . Amplía a nova>>

12/11/2019
Jiajie Yu Yang revélase como grande vencedor na Mostra de Curtas Vila de Noia

Os premios á mellor dirección e ao mellor filme para Xiao Xian confirmaron o cineasta Jiajie Yu Yang como grande vencedor da XX Mostra de Curtas Vila de Noia, que pechou as súas portas o pasado 9 de novembro. Os galardóns de interpretación do certame, pola súa banda, foron ex aequo para Luisa Gavasa, por María e para Rosario Pardo, por Happy Friday, mentres Antonio Mayáns foi seleccionado como mellor actor polo seu rol en Perdóname.. Amplía a nova>>

11/11/2019
Recoñecementos en Grecia para 'O que arde' e o seu protagonista, Amador Arias

A película O que arde de Óliver Laxe suma e segue no seu paso triunfal polas slas de proxección e os certames. Ademais do éxito que supón para unha película independente e en galego o importante número de espectadores acadados desde a súa estrea en salas en España, superando actualmente os 50.000, o filme segue o seu percorrido en festivais e sacando recoñecementos. Neste caso foi o xurado da 60ª edición do festival grego de Tesalónica, o Thesaloniki International Film Festival que achou na produción a Mellor Longametraxe da súa competición oficial internacional e ademais recoñeceu a interpretación de Amador Arias, o protagonista, co premio ao Mellor Actor masculino. Estes éxitos de crítica e público son bos augurios do que poida pasar coa película de cara aos postos finalistas dos Premios Goya nos que busca opcións en 15 categorías e cuxos finalistas, os dará a coñecer a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España o vindeiro 2 de decembro. O posible protagonismo desta produción independente na vindeira entrega de dos Premios Mestre Mateo do cine galego xa se dá tamén por suposto arestora.. Amplía a nova>>

11/11/2019
A ampla presenza feminina marca os 42 Premios da Crítica

A Fundación Premios da Crítica de Galicia deu a coñecer este sábado en Vigo os galardoados na 42 edicións destes galardóns, que recoñecen a "excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia", e que se desenvolveron este ano baixo o lema "Teñamos o valor de darnos o futuro", de Manuel Álvarez Torneiro. Os xurados das diferentes categorías, formados por trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, seleccionaron uns galardóns nos que destacou a presenza feminina. . Amplía a nova>>

08/11/2019
Dezaseis novas películas e series recibirán axudas para iniciar a súa produción

A Xunta de Galicia publica hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a adxudicación da convocatoria anual de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, a través da que achega 260.000 euros aos traballos de preprodución de 16 futuras películas e series para cinema e televisión. As propostas beneficiarias de 2019 son sete novas longametraxes de ficción, tres series e miniseries televisivas, catro documentais e dous traballos de animación. Entre os títulos beneficiarios, atópanse os filmes Océano titánico, de Frida Films; As escravas da Casa Salvañach, de Xamalú Filmes; Sinais, de Vizuals Lab; A parra, de Filmika Galaika; As neves, de Cósmica Producións; Starmucks, de Gaitafilmes, e O corno do centeo, de Esnatu Zinema, así como as series Sofía Casanova, obreira do pensamento, de Zenit Televisión; Dante, de CTV, e Tagdemonium, de Congo Producciones Audiovisuales y Gráficas, na modalidade A para proxectos de ficción cinematográficos e televisivos. Na categoría B para animación, recibirán axuda a serie Súper Valentina, de Abano Producións, e a longametraxe O labirinto de pedra, unha aventura en Santiago de Compostela, de Producións A Fonsagrada. Por último, na modalidade C para documentais obtiveron apoio Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser e María Casares: a muller que viviu mil vidas, de Agallas Films; O tempo do lume, de Madre Films, e A muller borrada, de Cósmica Producións.. Amplía a nova>>

08/11/2019
A película 'Longa noite' de Eloy Enciso estréase na sección oficial do festival sevillano de Cine Europeo

O filme Longa Noite de Eloy Enciso (Meira, Lugo, 1975) farás a súa estrea española o vindeiro luns no marco do 16º Festival de Sevilla de Cine Europeo que comeza hoxe. A cinta, na súa versión orixinal en galego, proxectarase (subtitulada en galego e inglés) con dous pases o propio luns ás 9 da mañá e ás 20:00 horas e tamén terá outra exhibición o martes 12. O filme de Enciso, que por esta película obtivo o premio Boccalino D'Oro ao mellor director da Asociación da Crítica de Cine Independente durante o festival de Locarno, entrou na Sección Oficial do festival internacional e conta a historia dun home que volve desde o estranxeiro á súa aldea de orixe no rural xa rematada a guerra civil e no escenario de represión de vencedores e vencidos da ditadura franquista. A estrea en terras galegas de Longa Noite terá lugar na sala Numax o vindeiro 5 de decembro.. Amplía a nova>>

07/11/2019
O Curtas Armadiña de Poio céntrase no audiovisual galego

A quinta edición do festival audiovisual de formatos curtos Curtas Armadiña de Poio, quenta xa motores para dar comezo o vindeiro día 11 de novembro. O certame organizado desde a Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña levou a cabo este ano unha modificación nas súas bases que o levan a ser actualmente a única cita audiovisual centrada nas producións galegas en exclusiva. Para seren aceptadas como “curtametraxes galegas” a organización define tres posibles criterios, un relacionado coa orixe galega dos realizadores ou a localización da empresa produtora na nosa terra, outro coa escolla lingüística do galego e outro coa localización en terras da nosa comunidade. Vinte e unha curtametraxes optarán a galardón na sección oficial de curtametraxes e dez na sección de videoclips este ano. O que xa se coñece é destinataria do premio Áncora de honra desta quinta edición, que será a actriz e directora viguesa Sonia Méndez, directora á súa vez do certame Carballo Interplay. O luns 11 darán comezo os obradoiros que forman parte do programa deste ano e que se prolongarán ata o mércores, o xoves 14 será un día dedicado ás crianzas nas actividades e xa o venres comezarán as proxeccións no Fogar Armadiña de Combarro. O domingo terá lugar a gala final coa entrega dos premios no Centro Cultural Illa Couto de Raxó.. Amplía a nova>>

06/11/2019
Unha ducia de retratos de artistas e escritores locais 'iluminan' Vigo

A revista viguesa A Movida é a responsable da montaxe As outras luces de Vigo que onte se inaugurou na rúa Príncipe diante do MARCO de Vigo. Adiantándose ao acendido de luces de Nadal do Concello a publicación quixo facer unha posta en valor da cultura local a través da presentación dunha ducia de paneis iluminados cos retratos de outros tantos personaxes da vida cultural da cidade, coñecidos en diferentes eidos da expresión cultural que van desde a música ata a literatura ou o audiovisual e a arte. Estes paneis cos retratos tomados por Pablo Vázquez poderán verse na rúa viguesa ata o vindeiro día 10 de novembro, no que a cidade acenderá as moi comentadas luces de Nadal. Os representantes da cultura de Vigo escollidos para esta acción e cuxas caras e nomes acompañan xa aos viandantes son: os actores Antonio Durán "Morris" e Marta Larralde; as escritoras Ledicia Costas, María Xosé Queizán e Silvia Penas; o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín; Patricia Moon, Tony Lomba, Eladio Santos, Julián Hernández, Kaixo e Silvia Superstar pola variada escena musical viguesa, e Lupita Hard pola arte. A revista chama a crear un tecido industrial en Vigo en torno á cultura facendo dela un motivo de orgullo de cidade.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org