03/12/2019
Youtubeir@s entregou os seus galardóns
Unha gala o pasado 29 de novembro deu a coñecer os traballos premiados na III edición de Youtubeir@s. Aaron Vilariño foi recoñecido na categoría de Vídeo-Facermos por un traballo sobre o gas radón, mentres que Xacobo de Toro impúxose en Video-Opinarmos cunha produción que aborda a creación dos cantís da Praia das Catedrais. O mellor Vídeo-Cantarmos foi o de
O queimaserebros, de Blanca e Tinta, mentre Aquel-e foi recoñecido co premio á Mellor Canle..
Amplía a nova>>
02/12/2019
Culturgal mantivo o seu tirón con 14.000 asistentes
A feira das industrias culturais Culturgal pechou onte as súas portas acadando, segundo a organización, unha cifra de 14.000 visitantes nunha primeira estimación, o que deixa sentir unha estabilidade de público respecto ás anteriores edicións do evento. Neste ano Culturgal presentou aires renovados visibles xa na conformación de espazo e no deseño físico de postos, cuns materiais industriais que tiveron boa acollida xeral, pero aos que non faltou opinións contrarias entre os expositores que os consideraran pouco axeitados. A feira, conseguía, en todo caso e como era o seu lema desta edición, "darlle unha volta" ao que se viña facendo e refrescar un pouco o formato, mellorando de paso o fluxo do público dentro do propio recinto, nas horas de máxima afluencia. Este ano ademais foi moi visible a presenza do sector dos videoxogos, concentrado nunha "illa" propia no centro do recinto e unha xornada no Salón de Actos. A presenza de institucións, asociacións e grandes editoriais, ademais das iniciativas de economía social, acadaban postos destacados na feira. No relativo ás actividades o programa era denso e variado, cheo de oportunidades para coñecer as iniciativas máis dinámicas e salientables tanto públicas como privadas. A presentación do xornal NÖS, da Fundación Luzes, das axudas de O teu xacobeo e outras novidades pasaron polos seus espazos. As actuacións na carpa de Tanxugueiras e Dios ke te Krew acadaron un éxito de asistentes que deixaron pequeno o espazo. Tamén as proxeccións
Eroski Paraíso e
O que arde conseguiron atraer ao Salón de actos a centos de persoas. .
Amplía a nova>>
02/12/2019
Óliver Laxe e Benedicta Sánchez finalistas dos Premios Goya
A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España ven de facer pública a lista de finalistas para a 34ª edición dos Premios Goya, que se entregarán o vindeiro 25 de xaneiro en Málaga. A cinematografía galega acada este ano postos relevantes nesta lista sobre todo grazas a
O que arde, pero non exclusivamente. A película en galega máis vista en salas da historia ten agora mesmo opción como finalista en catro dos premios, un deles o de Mellor Película do ano. Óliver Laxe entra na fase final do premio á Mellor Dirección, colocándose entre figuras consolidadas como Alejandro Amenabar (
Mientras dure la guerra) e Pedro Almodovar (
Dolor y gloria), ademais de Aitor Arregi, Jon Garaño e José Mari Goenaga (
La frontera infinita). Tamén Benedicta Sánchez, actriz novel co-protagonista da película galega, entra con forza de finalista na categoría de Actriz Revelación. As opcións para
O que arde complétanse coa candidatura finalista para Mauro Herce polo seu traballo de fotografía na categoría de Mellor Fotografía. .
Amplía a nova>>
29/11/2019
'O que arde' é candidata finalista en cinco dos Premios Feroz
O filme de Oliver Laxe
O que arde comezou a semana co fito acadado de ser a película en idioma galego con máis espectadores da historia. Segundo os datos acumulados do Ministerio de Cultura, ata o 24 de novembro
O que arde rexistraba do seu paso en salas (no que aínda segue) un total de 63.746 espectadores, superando xa nese momento os 62.203 obtidos en 1989 por Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, ata o momento a máis vista. Nesas primeiras seis semanas de exhibición en cines a película de Laxe recadou un total de 346.617 euros. As noticias da produción para finalizar a semana tamén está á altura do comezo. Hoxe, venres, coñeceuse que a película ten cinco candidaturas finalistas para os prestixiosos Premios Feroz de audiovisual outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE). Nestes galardóns, considerados a antesala dos Premios Goya,
O que arde está entre a selección para os premios a Mellor Película, Mellor guión (Oliver Laxe e Santiago Fillol), Mellor dirección (Oliver Laxe), Mellor Trailer e Mellor Cartel. Nesta edición dos premios parte como gran favorita a película de Pedro Almodovar
Dolor y gloria, con dez candidaturas. Os premios entregaranse o xoves 16 de xaneiro en Alcobendas. No marco da feira Culturgal, este domingo, haberá un pase de
O que arde con presenza do director..
Amplía a nova>>
29/11/2019
A media voz leva o premio do Festival de Documentais de Amsterdam
O Festival Internacional de Documentais de Amsterdam (IDFA) recoñecía esta semana o filme
A media voz, da produtora pontevedresa Matriuska, co premio da súa sección oficial. O galardón ao mellor documental, dotado con 20.000 euros, foi para esta historia de dúas cineastas cubanas, Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández, que viven entre Galicia e Suíza. O documental foi considerado "unha refrescante reflexión sobre a madurez feminina, unha oda á perda, unha celebración da amizade, o desexo e a vulnerabilidade: unha demanda de esperanza e paixón; e un deliciosamente honesto diálogo cinematográfico confirman este máxico, orixinal e arriscado esforzo cinematográfico"..
Amplía a nova>>
28/11/2019
O Vïa XIV Curtas de Verín a punto de levantar o pano dunha nova edición
Este sábado. 30 de novembro, dará comezo a IVª edición do certame de curtametraxes FIC Vía XIV de Verín que se prolongará toda a semana ata o domingo, 8 de decembro. A selección oficial conta con máis de 50 pezas seleccionadas de case unha vintena de nacionalidades diferentes. As curtas serán exhibidas no marco de catro categorías diferenciadas, ao igual que outros anos: Outra Mirada, Horizontes, A Raia e Nova. Establécese un premio en cadansúa categoría de 750 euros, e outro adicional do público, cunha contía de 600 euros. Como cada ano, ademais, os responsables do Festival Internacional de Curtas de Verín programan unha serie de actividades paralelas arredor do cinema para involucrar a todos os verinenses no desenvolvemento do certame. Entre as actividades xa confirmadas, destaca unha retrospectiva de cinema sahariano no ciclo As dúas caras do Sáhara occidental e outra de curtas feitas en Cuba, así coma unha homenaxe á traxectoria da actriz Mabel Rivera. .
Amplía a nova>>
27/11/2019
Premios da Cultura Galega para Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta e Kukas entre outros
A Xunta de Galicia ven de comunicar a listaxe dos galardoados dos Premios da Cultura Galega 2019. Xesús Alonso Montero na modalidade de Letras; a artista e escultora Soledad Penalta (Noia, 1943) na modalidade de Artes Plásticas; a compañía Monicreques de Kukas no Premio de Artes Escénicas; Amancio Prada na modalidade de Música; no Premio de Audiovisual a serie de televisión
O sabor das margaridas; a profesora do IES da Pobra do Caramiñal Pilar Ponte Patiño no Premio de Lingua; o Premio de Patrimonio Cultural á restauración do Pórtico da Gloria e finalmente o proxecto
Galego en Londres desenvolvido por un grupo de alumnos e alumnas de lingua e cultura galegas do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, na modalidade de Proxección Exterior, son os merecentes este ano dos premios institucionais que outorga o Goberno autonómico. .
Amplía a nova>>
27/11/2019
As películas premiadas no 33 Cineuropa volven ao festival
A 33ª edición de Cineuropa celebrou onte a súa gala de clausura, pero aínda seguirá ata o xoves con proxeccións. De feito hoxe e mañá poderán verse as películas que onte foron obxecto de premios decididos polo público coas súas votacións, dando así unha nova oportunidade de achegarse a ver estas obras seleccionadas de xeito popular. É unha das novidades deste ano, que ademais coincide cunha ampliación dese palmarés pasando a dar ata cinco galardóns, un por sección, ademais dos outorgados polo Xurado Novo. A actriz Iria Sobrado conduciu onte no teatro Principal a gala de comunicación de premiados na que tamén interviron a directora do 33 Cineuropa, Laura Seoane, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Laura Seoane salientou que, nunha edición que tivo o feminismo como eixo transversal, as películas premiadas polo público recoñeceron tamén o traballo realizado por mulleres, con tres de cinco filmes asinados por realizadoras. Cineuropa chegará a súa fin definitiva o vindeiro xoves 28 coa entrega do terceiro premio do festival á actriz Emma Suárez como recoñecemento polo seu traballo. O acto será ás 20.00 horas no Teatro Principal..
Amplía a nova>>
22/11/2019
A XIIª Culturgal busca darlle unha volta aos seus espazos
A vindeira edición da feira das industrias culturais, Culturgal, ven de presentar hoxe o que será o seu programa completo e configuración. A XIIª edición da feira levará como
Dálle unha volta á feira en anticipo a un evento que terá importantes novidades. Entre elas destaca a redistribución espacial do recinto feiral e unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira baixo os nomes Infantil (con contacontos, baile, obradoiros, ciencia etc.), Foro (presentacións e encontros profesionais), Carpa (espectáculos, cunha capacidade máxima de 400 persoas), Libro (presentacións de lanzamentos, premios e outras novidades) e Cinema (traballos audiovisuais e avance dos que virán), ademais do espazo dedicado á arte contemporánea. Así, cos 85 expositores do recinto feiral e os 18 do devandito Espazo Arte Contemporánea, este percorrido busca ofrecer unha panorámica da actividade cultural galega con galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns e compañías, entre outras entidades. En canto á representación profesional e artística, Miguelanxo Prado, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Oliver Laxe, Ledicia Costas, Dios Ke Te Krew, Tanxugueiras e Mabel Rivera son algúns dos nomes que figuran no programa desta edición. Finalmente non haberá ese espazo especifico para contidos interactivos e tecnoloxía que se avanzaba o pasado mes de agosto..
Amplía a nova>>
21/11/2019
A Consellaría de Cultura prepara un novo estatuto para a Agadic
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciou este 20 de novembro ante o pleno do Parlamento que o seu departamento está a traballar nun novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En resposta a unha cuestión do BNG sobre a situación deste departamento, Rodríguez asegurou que a reforma potenciará a súa "transformación e modernización" e permitirá adaptar este ente aos cambios normativos e á evolución do sector..
Amplía a nova>>