As películas premiadas no 33 Cineuropa volven ao festival

As cinco producións máis valoradas polo público poderán verse hoxe e mañá

As cinco producións máis valoradas polo público poderán verse hoxe e mañá
Laura Seoane durante a gala de clausura Foto: Leo López para Cineuropa
A 33ª edición de Cineuropa celebrou onte a súa gala de clausura, pero aínda seguirá ata o xoves con proxeccións. De feito hoxe e mañá poderán verse as películas que onte foron obxecto de premios decididos polo público coas súas votacións, dando así unha nova oportunidade de achegarse a ver estas obras seleccionadas de xeito popular. É unha das novidades deste ano, que ademais coincide cunha ampliación dese palmarés pasando a dar ata cinco galardóns, un por sección, ademais dos outorgados polo Xurado Novo. A actriz Iria Sobrado conduciu onte no teatro Principal a gala de comunicación de premiados na que tamén interviron a directora do 33 Cineuropa, Laura Seoane, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. Laura Seoane salientou que, nunha edición que tivo o feminismo como eixo transversal, as películas premiadas polo público recoñeceron tamén o traballo realizado por mulleres, con tres de cinco filmes asinados por realizadoras. Cineuropa chegará a súa fin definitiva o vindeiro xoves 28 coa entrega do terceiro premio do festival á actriz Emma Suárez como recoñecemento polo seu traballo. O acto será ás 20.00 horas no Teatro Principal.

O filme danés Dronningen (Queen of hearts), asinado pola directora May El-Toukhy, foi o vencedor na sección oficial europea cunha historia que aborda a desestabilización dunha familia cando chega un novo membro. A película tamén conseguira o premio do público na categoría de drama (world cinema) no festival de Sundance. Na sección oficial internacional, a película que acadou máis apoio do público foi Papicha, unha coprodución entre Alxeria, Francia e Bélxica da realizadora Mounia Meddou. O filme sitúase en Alxeria en 1997 para contar a historia da protagonista, unha muller que decide loitar pola súa liberdade mentres a sociedade se volve cada vez máis conservadora. Outra directora conseguiu tamén o galardón da sección Docs Cineuropa. A siria Waad Al-Khateab alzouse co premio por For Sama, un documental que asina con Edward Watts filmado en Alepo durante a guerra de Siria. Nel, unha muller nova loita para unir o amor, a guerra e o seu papel como nai durante cinco anos nun contexto de guerra. O premio na categoría Latidoamericano foi para o guatemalteco Jayro Bustamante por La llorona. A historia narra como Enrique, un xeneral retirado, é absolto nun xuízo por un xenocidio que si cometeu. A súa nova ama de chaves planea vingarse para reparar un ditame que considera inxusto. Por último, a película española Un día más con vida, de Raúl de la Fuente e Damian Nenow, recibiu o premio na categoría Animaeuropa, a sección oficial que se estrea nesta edición. O filme mergúllase na historia do xornalista polaco Ryszard Kapuściński, que en 1975 viaxou a Angola, o último campo da Guerra Fría.
As decisións do Xurado Novo
Pola súa banda, o Xurado Novo do festival tamén deu a coñecer o seu palmarés, no que distinguiu á mellor película, dirección, guión e intérpretes. Zombi child foi recoñecida como mellor longametraxe desta edición, na que o tribunal outorgou o galardón á mellor dirección a Abbas Fahdel polo seu traballo en Yara. O premio ao mellor guión recaeu no texto de Bashtata (The father), escrito a catro mans por Kristina Grozeva e Petar Valchanov, mentres que Mariana di Girolamo foi recoñecida como mellor intérprete feminina polo seu papel protagonista en Ema. Finalmente, Alessandro Antonelli e Pietro Orlando obtiveron ex aequo o galardón ao mellor actor polo documental Selfie. A cerimonia, presentada por Iria Sobrado, rendeu homenaxe á obra do cineasta Jacques Demy, que dirixiu dous dos máis destacados musicais da cinematografia europea: Os paraugas de Cherburgo e As señoritas de Rochefort. A cantante Eider Esnaola e a pianista Rosa García foron as encargadas de interpretar algúns dos temas máis celebrados destes filmes.
Ligazóns