17/12/2019
Agadic lanza a convocatoria mellorada de axudas a festivais audiovisuais para 2020
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de subvencións a festivais do sector audiovisual para 2020 cunha dotación de 190.000 euros, o que supón un incremento de máis dun 11% respecto á de 2019. Os festivais audiovisuais proliferan polas localidades galegas dando presenza e saída a diversos xeitos de achegarse ao audiovisual. Só dentro da coordinadora de festivais Proxecta hai 14 destes eventos, pero fanse aínda moitos máis. As bases da convocatoria especifican que esta se dirixe tanto a persoas físicas e xurídicas privadas como a entidades locais organizadoras de certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2019 e o 31 de outubro de 2020, sempre que conten cunha duración mínima de catro xornadas (cando menos, con 20 proxeccións), e teñan realizado tres edicións consecutivas en anos anteriores. Entre outros requisitos, a proposta de programación debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá día 18 de decembro e ata o 17 de xaneiro.
Amplía a nova>>
17/12/2019
O Museo de Pontevedra presenta un documental de Xurxo Lobato sobre Leopoldo Nóvoa
A conmemorar o centenario do nacemento do falecido pintor Leopoldo Nóvoa, o Museo de Pontevedra presenta na tarde deste 17 de decembro un documental sobre a súa figura. O fotógrafo Xurxo Lobato dirixe
Nóvoa 1919-2019, un filme de 18 minutos de duración no que reúne "as opinións de diferentes persoas ligadas, persoal ou profesionalmente, ao artista pontevedrés" para conformar un perfil deste creador. Rosario Sarmiento, guionista da peza, Celestino García Braña, Xerardo Estévez, Ramón Rozas, Román Pereiro, Sofía Santos, Antón Patiño, Manuel Quintana Martelo, Xavier Seoane ou Adolfo Sobrino son algúns dos nomes que participan no filme. A presentación, que se desenvolve no Sexto Edificio a partir das 19 horas, ten entrada libre..
Amplía a nova>>
16/12/2019
O filme 'Longa Noite' gaña a sección internacional do festival peruano Transcinema
O recentemente estreado filme
Longa noite de Eloy Enciso acadou esta semana un novo recoñecemento no circuíto internacional ao resultar gañador na sección de competencia internacional do Festival Transcinema , o "festival independente de cine contemporáneo, no-ficción y otras transgresiones cinematográficas" de Lima, Perú.
Longa noite chegou aos cines o pasado día 5 de decembro exhibíndose ata en 15 salas e, segundo os últimos datos do Ministerio de Cultura e Deporte, leva un acumulado de cerca 1.500 espectadores. .
Amplía a nova>>
13/12/2019
Hoxe chega as salas do país 'Eroski Paraíso', a película da obra teatral de Chévere
Hoxe é o día no que
Eroski Paraíso, a obra da compañía teatral Chévere, adquire a capacidade de estar en varios sitios a un tempo grazas ao seu paso ao formato audiovisual. Oito salas de cine da nosa comunidade, en principio, ofrecerán hoxe a estrea da película que leva á pantalla a obra de teatro, dirixida agora por Jorge Coira e Xesús Ron, e protagonizada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cris Iglesias.
Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que, despois dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, deciden converter en longametraxe. Segundo comentaban o equipo da película na preestrea levada a cabo no Auditorio de Galicia dentro do festival Cineuropa o pasado 24 de novembro, a intención era darlle máis ciclo vital á obra e capacidade para seguir chegando a máis sitios sen precisar da compañía teatral para iso. "O espectáculo tiña data de caducidade e a película é eterna, por iso a fixemos", dicía Miguel de Lira, protagonista de ambos formatos desta historia. Segundo Xesús Rón, a idea inicial de traspasar a obra a un formato audiovisual estaba tamén relacionada coas posibilidade de que a televisión pública galega fixese un formato de emisións de teatro ao estilo do histórico Estudio 1 de TVE, unha opción que desapareceu porque "non foi posible que a TVG se achegara a crear ese espazo", comentou Ron tras a proxección en Cineuropa coa que encheron a sala do Auditorio de Galicia e que rematou cunha ovación pechada á película..
Amplía a nova>>
12/12/2019
Asociacións do teatro e a música queren parar os cambios estatutarios de Agadic a contra reloxo
Coa urxencia que dá un límite de 24 horas presentáronse ante os medios representantes da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) e da Academia Galega de Teatro para facer un comunicado apoiado tamén pola asociación Músicas Ao Vivo (MAV) esixindo a paralización do decreto que modifica os estatutos da Axencia Galega de Industrias Culturais. O proxecto de decreto, público a través do portal de transparencia da Xunta remata mañá o seu prazo de alegacións e foi elaborado sen negociacións coas asociacións representativas do sector, ata o punto que algunhas delas como a propia AAAG tiveron coñecemento del a través dunha comparecencia parlamentaria do Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o pasado 20 de novembro na que anunciou a súa inminencia. As asociacións que hoxe convocaron aos medios "para tratar de ser escoitados", anunciaron que presentarán alegacións pero que o que reclaman é unha “paralización” do proxecto de Decreto para que vaia a unha mesa de negociación entre a administración e os representantes do sector onde se chegue a consensos tanto sobre o Centro Dramático Galego (CDG) como sobre o Centro Coreográfico e sobre o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) que agora pasaría tamén a ser parte da estrutura orgánica de Agadic. O modelo das cabeceiras galegas públicas de teatro e danza levan desde fai tempo sendo obxecto de controversia entre o sector. .
Amplía a nova>>
10/12/2019
O III Animacción achega quince traballos internacionais
Os colectivos Sen Ánimo de Nome e Ánimas Anónimas presentan a terceira xeira de Animacción: Festival de curtametraxes de animación. A Coruña acolle entre o 12 e o 15 de novembro as proxeccións dos quince traballos seleccionados para esta xeira entre o cento de propostas remitidas a concurso. España, Bélxica, Arxentina, Francia, Portugal e os Países Baixos son os lugares de orixe das curtas, que inclúen unha de David Fidalgo, nominado aos Premios Goya por
Homomaquia. As proxeccións desenvolveranse o día 12 de decembro na Sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano, o 13 na Biblioteca Rego de Auga e o 14 no Centro Galego de Artes da Imaxe. O público asistente seleccionará o traballo gañador cos seus votos..
Amplía a nova>>
09/12/2019
'O que arde' aumenta o seu palmarés internacional no festival chinés de Hainan
Para a película
O que arde cada semana trae boas novas e esta non ía ser excepción, a que xa é a película en galego máis vista da historia ven de recoller o Premio Especial do Xurado da segunda edición do Festival Internacional da illa de Hainan, en China. En representación do filme acudiron ao evento parte do equipo de produción da galega Miramemira e a francesa 4 a 4 Productions así como `protagonista do filme Amador Arias. O equipo recolleu o certificado do seu galardón de máns da actriz francesa Isabelle Huppert. A francesa foi a presidenta dun xurado do que tamén formaron parte o director estadounidense Abel Ferrara, a actriz e directora chinesa Jiang Wenli, o realizador macedonio, Milcho Manchevski, o actor e director chinés Chen Sicheng, o crítico cinematográfico hindú Aruna Vasudev e op crítico francés Thomas Sotinel..
Amplía a nova>>
09/12/2019
O Novos Cinemas 04 chega cunha morea de estreas
O filme
Arima, de Jaione Camborda abre este martes dez de decembro a cuarta edición de
Novos Cinemas, o festival audiovisual de Pontevedra. O evento dedicado a creadoras e creadores emerxentes fechará as súas portas o vindeiro día 15 coa proxección de
Longa noite, de Eloy Enciso. Canda a eles, dentro das propostas galegas, Alfonso Zarauza presentará
Ons e Helena Girón e Samuel Delgado darán a coñecer o seu
Eles transportan a morte. No programa destaca tamén o ciclo que se lle dedica a Bas Devos, no que se repasarán os seus tres filmes ou a presentación do proxecto
Cinegalicia 2019, a homenaxe ás longametraxes fundacionais do cinema galego por parte de artistas de diferentes disciplinas..
Amplía a nova>>
05/12/2019
'O que arde' será finalista a mellor película europea nos Premios Gaudí cataláns
A Acadèmia del Cinema Català ven de anunciar hoxe as películas que optan a recibir os seus premios audiovisuais, os Premis Gaudí, e do mesmo xeito que está nos Premios Goya e nos Premios Feroz,
O que arde volve aparecer tamén nesta outra quiniela finalista e non é a única produción galega que ten oportundiade de sair de Catalunya cun galardón. A película de Óliver Laxe está entre as catro producións que optan ao Premio a mellor Película Europea do ano, premio no que compite xunto con
The Favourite (Reino Unido),
Lazzaro felice(Italia) e
Portrait de la jeune fille en feu (Francia). Ademais
O que arde opta, igual que na final dos Premios Goya ao premio á Mellor Fotografía para Mauro Herce polo seu traballo. .
Amplía a nova>>
04/12/2019
'Longa noite' de Eloy Enciso encara a estrea en salas aumentando palmarés
A unhas horas da súa estrea mañá, día 5, en salas comerciais, a longametraxe
Longa noite do lugués Eloy Enciso ven de acadar un novo galardón para o seu xa amplo palmarés cunha Mención Especial do xurado novo na Muestra de Cine de Lanzarote. Tras un gran percorrido en festivais que inclúe algúns de primeiro nivel como Locarno (Mellor Dirección para a Crítica Independente), Sevilla, Toronto, Nova York ou Mar del Plata (Mención Especial do Xurado), a película chega mañá ás pantallas de todo o país da man da distribuidora NUMAX. A sala compostelá desta empresa acollerá mañá ás 19:45 a presentación seguida dun coloquio con Eloy Enciso e a equipa do filme. Ata o vindeiro xoves, 12 de decembro, cada día unha das proxeccións irá acompañada dunha presentación a cargo dalgún dos membros do equipo de produción ou artístico ou de intelectuais e investigadores como Suso de Toro, Dolores Vilavedra e Margarita Ledo que ofrecerán diferentes achegas e perspectivas sobre o filme. O filme tamén se poderá ver nos cines Yelmo e Cantones de A Coruña, a sala Zumzeig Cinema de Barcelona, o Círculo de Bellas Artes de Madrid e os Multicines Monopol de Las Palmas A película de Eloy Enciso narra unha historia que nos traslada aos tempos da posguerra a partir de textos de Max Aub, Luís Seoane ou Alfonso Sastre. Durante a posguerra española, Anxo regresa ao seu pobo no interior de Galicia. Alí crúzase con outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere recordar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario. A entrega dunha carta obriga a Anxo a cruzar a fronteira e adentrarse na longa noite franquista. As pantasmas que todos crían esquecidas invaden o presente..
Amplía a nova>>