02/06/2020
O Play-Doc tamén pasa ao programa do outono cultural a súa sexta edición
O festival de cine documental Play-Doc de Tui ven de facer públicas as súas novas datas de celebración este mesmo ano tras a cancelación debida ao Estado de Alarma o pasado 29 de abril. Tras un intenso traballo e “innumerables reunións” será entre o 23 e o 27 de setembro cando terá lugar a décima sexta edición deste evento audiovisual. Desde a organización lembran, nunha comunicación feita a través de redes sociais, que as circunstancias obrigarán a pensar "nun modelo de festival distinto que se adapte ás medidas e protocolos de seguridade de maneira rigorosa", pero que aseguran que se vai celebrar "co mesmo espírito e a mesma ilusión de sempre, e se cabe con máis amor". Pouco antes do Play-Doc e tamén contra o sur do país, levarase a cabo unha edición igualmente “trasladada” en datas de outro festival audiovisual o Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, FIC Vía XIV, que terá lugar entre o 5 e o 13 de setembro, neste caso a quinta cita co cine en formato curto adiántase, xa que nas anteriores edicións era no mes de decembro cando se celebraba. Esta decisión de cambio foi anterior ao Estado de Alarma e a crise sanitaria, que no caso do FIC Vía XIV, só tivo como incidencia o feito de que ampliasen o seu prazo d recepción de curtametraxes ata o vindeiro 15 de xuño..
Amplía a nova>>
01/06/2020
O cine volve a Galicia esta semana e irán abrindo máis salas na vindeira
No proceso de volta do peche cultural total cada poucos días imos contabilizando unha actividade que volve a formar parte das nosas vidas. Desde a apertura inicial das librarías na Fase 1, as bibliotecas con servizos restrinxidos, os museos e o pasado venres os primeiros concertos ante público en salas, agora chega o momento en que van abrir de novo as primeiras salas de cine. O posto de saída na volta ás proxeccións o levará unha sala histórica e de empresa familiar, o Cine Seixo, de Marín, situado na parroquia do mesmo nome, abrirá as súas portas o vindeiro venres 5 de xuño. Esta sala aberta en 1943 por José Carballo García e que hoxe rexenta o seu fillo Perfecto Carballo desde a reapertura en 1999 tras máis dunha década parado, viña xustamente de implantar un sistema de proxección dixital antes do Estado de Alarma e agora será a primeira en ofrecer de novo a experiencia cinematográfica aínda que sexa con restricións de aforo (60 butacas) e sistemas de seguridade e separación entre o público. A cartelira comezará coas películas que estaban en proxección previamente á parada.,.
Amplía a nova>>
28/05/2020
Agadic publica as bases de dúas subvencións de apoio ao audiovisual
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe dúas convocatorias da Axencia Galega de Industrias Culturais de subvencións de apoio á industria audiovisual que mañá mesmo abren o prazo de presentación de solicitudes. O ente da Consellería de Cultura e Turismo fai así as aperturas dos procesos anuais de axuda para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e para a asistencia a mercados e foros internacionais de contidos audiovisuais. Esta última liña de axudas púxose en marcha por primeira vez o pasado ano con 50.000 euros de orzamento para o período anual e co obxectivo de sistematizar o apoio económico á presenza de produtoras e distribuidoras galegas en feiras estratéxicas para a industria do cinema e da televisión a nivel mundial. Neste caso a convocatoria ten carácter excepcional e só cubre as asistencias a mercados ou foros de negocio dos catro meses e medio previos ao Estado de Alarma, as comprendidas entre os días 1 de decembro de 2019 e o 13 de marzo de 2020, polo cal reduce o seu orzamento a 30.000 euros, que será outorgado ata o seu esgotamento..
Amplía a nova>>
18/05/2020
O Clúster Audiovisual reelixe a Jorge Algora como presidente
O produtor e socio fundador de Adiviña Producións, Jorge Algora, foi relixido por unanimidade presidente do Clúster Audiovisual Galego para os próximos tres anos na Asemblea Xeral Extraordinaria de socios que celebrou a entidade o venres 15 de maio de maneira telemática. A Asemblea, que representa a cae 40 compañías do sector, tamén ratificou os membros que integran a nova Xunta Directiva para este novo período. Entre os retos declarados a curto e medio prazo da directiva está impulsar os contidos dixitais, a través dunha maior interrelación entre contidos e tecnoloxía, e integrar como socios colaboradores a asociacións e colectivos sectoriais co obxectivo de formular propostas conxuntas ante a administración que redunden no beneficio do audiovisual galego. Tamén está nos planes do organismo promover a posta en marcha da Galicia Film Commission, así como a creación do Observatorio do Audiovisual Galego, que facilite datos actualizados da industria, entre outros..
Amplía a nova>>
18/05/2020
A fin de semana das Letras deixa novos contidos sobre Carballo Calero
Os contidos arredor da figura de Ricardo Carballo Calero e para conmemorar o Día das Letras Galegas inzaron as redes durante toda a fin de semana. Documentais como
De Carballo a Carvalho, realizado por Aser Álvarez para a Associaçom Galega da Língua puideron verse na TVG e continúan dispoñibles no web da canle. Do mesmo xeito, tamén o xornal
ABC publicou un breve documental co título
Unas letras para Carvalho. O web do Concello de Santiago, pola súa banda, ten dispoñible a publicación
A derrota de Scórpio, obra que propón un roteiro pola cidade a través da figura do homenaxeado. Tamén a Afundación publicou un vídeo animado, realizado por Illa Bufarda, que repasa a traxectoria do veterano galeguista..
Amplía a nova>>
14/05/2020
Reclaman a Cultura unha reformulación do Plan de Reactivación consensuada co sector
O "Plan de reactivación dos sectores culturais e turístico" presentado polo Conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez a pasada semana, segue a recoller críticas por parte de diferentes representacións gremiais do sector cultural. Ás previas contestacións por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e da Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva) veñen de sumarse catro novas entidades representativas do sector do audiovisual, a escena e a produción de espectáculos. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia (APTEGA) coinciden nos seus comunicados en sinalar faltas de concreción no Plan da Xunta, exceso de apoio no Xacobeo, ausencia de respostas para problemas moi específicos e unha ausencia de diálogo e consenso co sector nas medidas tomadas desde a administración autonómica. Todos esixen unha reformulación negociada coas asociacións de profesionais afectados.
.
Amplía a nova>>
14/05/2020
A Deputación da Coruña abre nova liña de axudas para asociacións profesionais culturais
A Deputación da Coruña ven de crear unha nova liña de axudas para asociacións profesionais dos distintos sectores da cultura. As entidades poden acceder á este apoio de financiamento para o desenvolvemento das súas programacións. O orzamento da convocatoria que xa está no Boletín Oficial é de 200.000 euros e as axudas poderán ser de até 30.000 euros. As axudas da área de Cultura do ente provincial diríxense ás distintas entidades sen ánimo de lucro con función de representación sectorial e colectiva, a nivel galego, das persoas e ou entidades existentes nos diferentes sectores profesionais da cultura galega. Asociacións de actores e actrices, de escritoras e escritores, de compañías teatrais, ou de produtoras audiovisuais que agrupen profesionais e agrupacións dos distintos sectores poderán acceder a elas..
Amplía a nova>>
13/05/2020
O ISSGA elabora un informe de medidas preventivas para a realización de espectáculos e eventos
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de elaborar un documento no que se recollen recomendacións preventivas básicas que se deben ter en conta nos servizos e producións de eventos espectáculos audiovisuais ou musicais, xa sexa en recintos estables ou temporais e sempre de acordo coas informacións das autoridades sanitarias sobre o Coronavirus. Este asesoramento técnico do ISSGA préstase a solicitude de Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (AGATEC) que se dotan así dun guieiro para establecer as necesidades loxísticas que puidesen ter para cando sexa posible realizar estes eventos. O ISSGA sinala que se trata dun documento en continua actualización e á espera das guías ou protocolos que ao efecto se poidan deseñar no plan integral para o a reactivación do sector turístico pola Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Estado de Turismo, o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e as autoridades sanitarias..
Amplía a nova>>
12/05/2020
O filme 'La isla de las mentiras' estréase este xoves nunha plataforma en liña da Arxentina
Dúas longametraxes realizadas en Galicia tiñan a estrea prevista nestes meses iniciais do ano.
María Solinha de Ignacio Vilar, e
La Isla de las mentiras, de Paula Cons veñen de adaptar ás súas "premieres" ás circunstancias. Unha delas xa poderá ser vista en liña desde este xoves e a outra itinerará por concellos de Galicia en verán con proxeccións ao aire libre..
Amplía a nova>>
12/05/2020
A AGAL achega novos contidos sobre Carballo Calero nunha web monográfica
Malia ao traslado ao outono dos actos promovidos pola Real Academia Galega, continúan a aparecer iniciativas para conmemorar a Ricardo Carballo Calero nas proximidades deste 17 de maio. Deste xeito, esta semana a Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentaba o web Carvalho2020.gal, que se reivindica como "o máis completo site" sobre o autor. O espazo na rede recolle artigos sobre o profesor e a súa obra, fichas de toda a súa produción e abondoso material descargable, entre o que está unha colección de unidades didácticas sobre o autor. Ademais, inclúe unha sección dedicada á actualidade das celebracións deste Día das Letras..
Amplía a nova>>