22/06/2020
O Carballo Interplay voltará cunha edición híbrida en novembro
Logo de ter que adiar a súa celebración por mor da crise sanitaria o Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay anuncia para o vindeiro mes de novembro a súa sétima edición. Será entre os día 18 e 21 cando se desenvolva a nova xeira, nun formato híbrido que priorizará os contidos virtuais pero sen desbotar, de ser posible, algunha actividade presencial. Co programa aínda sen fechar, a organización advirte que a prioridade no evento será evitar "calquera risco de contaxio" e fai un chamamento á "responsabilidade colectiva". O CIP tiña programada para o pasado mes de abril a súa edición 2020.
.
Amplía a nova>>
19/06/2020
Alberto Vázquez compite no festival de Annecy con Homeless Home
O Festival de Annecy, principal encontro do cinema de animación en Europa, conta cun filme de autoría galega na súa competición.
Homeless Home, dirixida por Alberto Vázquez, é un dos 37 filmes que compiten polo premio Cristal á mellor curtametraxe da cita. O festival, que se celebra en liña, reúne ata o vindeiro 30 de xuño as principais producións do mundo neste campo.
Homeless Home, de animación 2D por computador e uns quince minutos de duración, é unha coprodución vasco-francesa das empresas Uniko e Autour de Minuit..
Amplía a nova>>
17/06/2020
A crise da Covid 19 impacta máis na cultura do que noutros ámbitos
Conxuntura estatística do ámbito cultural é o título do documento de traballo que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Neste texto, a entidade analiza o impacto que está a ter a crise derivada da Covid-19 sobre o sector cultural do país, e conclúe que o mesmo está a ser superior ao doutras industrias. Deste xeito, entre as conclusións da análise apúntase que a perda de empregos culturais entre os meses de foi dun 6,3%, dous puntos por riba da media galega. En total 667 empresas do sector cultural solicitaron un ERTE, que afectou a 4.019 persoas, o 28,7% da forza de traballo do conxunto. Estes expedientes foron máis frecuentes en empresas de artes gráficas (243 expedientes) e nas de actividades de creación, artísticas e espectáculos (152 expedientes)..
Amplía a nova>>
12/06/2020
Un Censo para amosar a riqueza do tecido cultural de Vigo e a súa área
A través de redes sociais e grupos de mensaxería instantánea cinco músicos vigueses aproveitaron a etapa para abrir a creación colectiva dun ‘Censo Cultural de Vigo e Área Metropolitana’. Rafa Anido (Sr.Anido), Victor Vacaloura (guitarrista do grupo Os Vacaloura e Nítido), Macarena Montesinos (violoncellista), Adrián Callejo (cantante e músico en Nítido) e Xavier Bértolo deseñaron un cuestionario para que se apuntasen cantos máis artistas e axentes culturais mellor dentro da súa área. Máis de 600 propostas censadas son agora mesmo a demostración do seu éxito colaborativo que conforma un recurso aberto e público de enorme interese que ademais dá un retrato cultural da cidade que non sempre atopa o eco debido. O Observatorio de la cultura, da Fundación Contemporánea deixaba a Vigo como unha das cidades peor valoradas a nivel cultural de toda España, este Censo Cultural participativo é un importante paso para desmentir esa situación. Falamos cos impulsores para saber algunhas cousas máis sobre a elaboración, os resultados e as súas expectativas..
Amplía a nova>>
11/06/2020
Xavier Bermúdez abrirá o 25º OUFF coa estrea de 'Olvido y León'
O director ourensán Xavier Bermúdez fará a estrea mundial da súa nova película,
Olvido y León na apertura do 25º Ourense Film Festival. Será o 25 de setembro cando está prevista esta edición do festival que se prolongará ata o 3 de outubro. O filme de Bermúdez continúa a trama da galardoada
León y Olvido (2004) do mesmo director e guionista, e comezou a rodarse coincidindo coa anterior edición do festival. A secuela mantén como protagonistas a Guillem Jiménez e a Marta Larralde aos que se xuntou Monti Castiñeiras, e foi gravada en diferentes localizacións da provincia de Ourense, como o Balneario de Laias, Cenlle, Arnoia ou Ribadavia, sendo esta a primeira vez que o realizador fai unha rodaxe na súa provincia. Este 2020 celebrase o 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense, organizado pola Fundación Carlos Velo e a Deputación de Ourense. A pesar da situación actual, o persoal que forma parte do certame estivo traballando para sacar adiante o festival e manter as datas previstas..
Amplía a nova>>
10/06/2020
O Curtas festival do Imaxinario estrea hoxe un programa de TV en liña sobre o xénero fantástico
O Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa anunciaba hai ben pouco o seu cambio de denominación e formato, ampliando as súas miras máis alá do cinematográfico e amosando un gran dinamismo de cara a súa celebración entre o 23 de outubro e o 1 de novembro. Hoxe seguen presentando novidades nesa liña como o lanzamento hoxe mesmo dun programa de TV propio en liña sobre a actualidade do cinema fantástico e os seus protagonistas para manter á xente conectada co evento ata a súa celebración. A canle de YouTube e de Facebook do festival emitirán hoxe ás 20:00 horas a primeira entrega deste programa presentando ao director Miguel Ángel Vivas (
Tu hijo,
Secuestrados,
Extinction) e ao realizador arxentino Fabián Forte (
Cosa e Mandinga,
El muerto cuenta su historia,
Malditos Sean) ademais de aportar curiosidades ou tratar outros temas de interese para os afeccionados ao xénero fantástico. O Curtas ven ademais de convocar unha nova edición do seu concurso literario de contos en galego, que leva o título
"Contos arrepiantes para tremer ao carón da lareira". Coordinado por Xosé Duncan, e cun xurado composto por Maite Mosconi, Tomás Rivera e Josué Ramos, o concurso conta cun primeiro premio de 300€ para o relato gañador..
Amplía a nova>>
10/06/2020
Os 'jalpóns' de Cans van á Bienal de Arquitectura de Venecia
Un dos aspectos máis singulares do Festival de Cans é o uso de espazos domésticos, sobre todo os galpóns dos veciños da parroquia, como espazos de proxección audiovisual. Agora, un proxecto do estudo coruñés de arquitectura Creus e Carrasco titulado "Cans: arquitectura de consenso", no que desenvolven estes usos efémeros de espazos de almacenamento e traballo do rural galego irá á Bienal de Arquitectura de Venecia, como un dos 34 proxectos admitidos para seren expostos no Pavillón de España do evento. "Os dous arquitectos, seguidores fieis do Festival de Cans, presentaron un proxecto tentando responder á pregunta que plantea a Bienal de Venecia nesta edición: “How will we live together?” (Cómo vivir xuntos?). Os eixos centrais do traballo baséanse na idea de Cans como un proxecto que estimula a recuperación do patrimonio, explora novas formas de convivencia, e pon en valor o sentimento de colectividade como un xeito de afianzar unha base de identificación co certame". A exposición de Cans conterá material gráfico, vídeos, paneis e un plano de aldea coas maquetas físicas deseñadas expresamente para a exposición. .
Amplía a nova>>
08/06/2020
Diálogos confinados: O audiovisual que se reinventa
"O noso sector é complicado e descontinuo, a xente non ten estabilidade e sempre vivimos un pouco en precario. Estas circunstancias fan que esta situación afecte máis. Os técnicos non teñen contratos de anos, senón que van de produción e produción". Mamen Quintas, Produtora Executiva de Ficción Producciones advirte así das debilidades particulares do sector audiovisual para enfrontar a crise derivada da Covid-19. A sétima entrega dos Diálogos Confinados que publica este 8 de xuño o Consello da Cultura Galega no seu web repasa con ela e coa directora e produtora Paula Cons os efectos e as oportunidades que para o mundo do cinema e das series supón esta situación. Unha problemática que afecta a toda a cadea da produción e a exhibición, desde a creación e as rodaxes ata a produción e a exhibición..
Amplía a nova>>
08/06/2020
O audiovisual únese contra o Plan de Reactivación Cultural da Xunta
Guionistas, intérpretes, produtoras, festivais, realizadores e outras empresas do audiovisual así como a propia Academia Galega uniron as súa voces nun comunicado que expresa taxativamente que o Plan de Reactivación dos sectores turístico e cultural presentado pola Xunta o pasado 7 de maio non responde ás necesidades reais do sector. Asinan o comunicado as asociacións gremiais Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Sindical galega de Guionistas (AGAG), Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección (CREA), Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta) e Cluster Audiovisual Galego (CLAG) xunto á Academia galega do Audiovisual (AGA). Para todos estes colectivos do mesmo sector o plan da Xunta careceu de análise e diálogo na súa elaboración, sinalan que a administración pon o foco máis no turismo e relega o sector cultural a un segundo plano. Ademais aseguran que o Plan non contén ningún tipo de medida asistencial ou específica para as necesidades derivadas da crise sanitaria. Segundo eles "o paquete de medidas recollidas no eido audiovisual non son máis que compromisos pendentes previos á situación da COVID-19". .
Amplía a nova>>
03/06/2020
A TVG emitirá a versión audiovisual de 'Crónicas do paraíso' de Sarabela Teatro
A compañía ourensá Sarabela Teatro está de actualidade por causa dupla. A adaptación a televisión da súa obra de teatro
Crónicas do paraíso, en colaboración coa produtora Ollovivo, é o proxecto seleccionado pola CRTVG, de entre os 20 presentados, no marco das súas medidas extraordinarias de apoio ao sector audiovisual e creativo galego, neste caso para compañías e produtoras teatrais.
Crónicas do paraíso é unha versión libre da obra
As crónicas do sochantre, do escritor Álvaro Cunqueiro. Baixo a dirección de Luis Avilés, a obra está interpretada por Elena Seijo, Fernando Dacosta, Fran Lareu, Fina Calleja e Sabela Gago e será emitida pola Televisión de Galicia. Ademais a compañía ven de iniciar os traballo para levar aos escenarios a obra literaria de Manuel Rivas,
A lingua das bolboretas coa que Sarabela celebrará os seus 40 anos de actividade teatral.
escortbayan.xxx/istanbul
.
Amplía a nova>>