Novas | 881 a 890 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

21/07/2020
Os V Premios Crea recoñecen o traballo de Senunpeso

A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) entregaba na mañá deste 20 de xullo os galardóns cos que os seus membros recoñecen "aquelas colegas que destacasen nas distintas facetas da dirección audiovisual". O proxecto LAV de Vedra, que organiza a Asociación Senunpeso, foi recoñecido co Premio de Honra, e houbo dúas mencións especiais, unha á internacionalización do audiovisual galego para O sabor das margaridas e outra á promoción da igualdade de xénero que levou CIMA - Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales. . Amplía a nova>>

17/07/2020
Agadic flexibiliza prazos e requisitos nas subvencións de festivais audiovisuais e artes escénicas

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia dúas modificacións de bases de subvencións no marco das medidas contempladas no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19. As subvencións aos festivais audiovisuais e e as dirixidas á creacións escénica vense modificadas pola Agadic nestas novas resolucións. Así a resolución hoxe publicada inclúe entre os festivais susceptibles de apoio aqueles que se celebren en liña; amplía nun mes máis, ata o 30 de novembro de 2020, a posible data de celebración; aumenta nun 20%, ata o 80%, o orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade privada; permite a reformulación das solicitudes xa presentadas anteriormente para axeitarse ás novas bases; declara unha exención de constitución de garantías para pagamentos anticipados de máis de 18.000 euros; concede un prazo de dez días para presentar alegacións e inclúe coma gastos subvencionables aqueles incorridos anteriormente e non recuperables como consecuencia do estado de alarma decretado polo COVID-19.. Amplía a nova>>

16/07/2020
O Festival de Cans cambia para protexer aos maiores da aldea

A XVII edición do Festival de Cans, a celebrar entre o 2 e o 5 de setembro, presentará un formato moi diferente ao dos pasados anos, con medidas que terán como obxectivo as máximas garantías de seguridade sanitaria. A protección das persoas maiores da aldea pontevedresa será a maior prioridade este ano, ademais de evitar a concentración multitudinaria en calquera caso. Por este motivo evitaranse as proxeccións e actividades naqueles “jalpóns” onde habiten persoas de maior idade, que non formarán parte tampouco nesta edición do xurado das veciñas e veciños nin por precaución se programarán actuacións colectivas, como a que tradicionalmente reúne ás Pandereteiras de Cans. O “escudo protector” sobre os maiores tamén se activará no caso dos condutores de chimpíns de maior idade, que este ano non participarán por precaución. A previsión sería facer só pequenas procesións honoríficas dos chimpíns, totalmente controladas, cun máximo de catro persoas en cada un. O plan do Festival pasa por reducir o número de jalpóns e o aforo dos mesmos, que habitualmente nunha media dunhas 110 persoas, pasaría a un tope de 50 persoas e non se fomentaría a rotación entre jalpóns. O mesmo público asistiría ás proxeccións a concurso sen moverse da mesma sala e cunha pausa intermedia, na que se aplicarían medidas de hixiene e ventilación do espazo, ó que accederían con máscara.. Amplía a nova>>

09/07/2020
Agadic adxudica as 19 axudas para a promoción do talento audiovisual

A Axencia galega de Industrias Culturais (Agadic) ven de facer pública a adxudicación das subvencións á promoción do talento audiovisual galego, polas que recibirá apoio económico a escrita de oito novos guións, así como a realización de oito curtas e de tres longametraxes con dirección novel. A convocatoria destas subvencións foi ampliada a partir da crise sanitaria tanto en orzamento como en número de proxectos beneficiarios de acordo co Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico cun incremento dun 14% que colocou en 178.000 euros a súa dotación final. Do orzamento 40.000 euros irán para oito guións de longametraxes cinematográficas en galego, 48.000 para a produción de oito curtas en versión orixinal galega e 90.000 para contribuír ao financiamento de tres longas. A película Cando toco un animal de Ángel Filgueira (Redondela, 1992), Verbena de Rafael de los Arcos (Vigo, 1979) e Carlos Martínez-Peñalver Mas (Vigo, 1991) coa película Serra da Estrela son os tres proxectos de longametraxes “óperas primas” que contarán coa achega de 30.000 euros nesta adxudicación. As subvencións á promoción do talento audiovisual galego teñen como obxectivo favorecer a incorporación da nova creación á industria e promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.  . Amplía a nova>>

09/07/2020
A Deputación da Coruña destina 275.000 euros a apoiar proxectos culturais singulares

O responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, anunciaba onte dúas novas convocatorias de apoio a empresas deste sector. Por unha banda, ábrese a liña de apoio a proxectos singulares de carácter cultural, que destina 275.000 euros a iniciativas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de marzo de 2021 e que cubrirá ata o 80% de gastos subvencionables con axudas de entre 4.500 e 30.000 euros.. Amplía a nova>>

07/07/2020
Nace a plataforma VAI Coruña para mellorar a vida cultural da cidade

Compañías de teatro, salas de concertos, librarías, artistas musicais, escritores, editores, xente das artes plásticas, audiovisuais e gráficas e todo tipo de axentes individuais ou colectivos vinculados ao ámbito da cultura da cidade da Coruña conforman o colectivo VAI Coruña que se presentou fai uns días cun acto nos xardíns de Méndez Núñez. Tal e como reza o manifesto lido nesa ocasión, VAI nace froito dun exercicio de consenso e reflexión realizado por parte activa dos sectores organizados no eido cultural da cidade para integrar as máximas sensibilidades e xeitos de entender a cultura, para atopar respostas ante unha situación excepcional, e para traballar con mirada longa pola cultura da Coruña. Coa vista posta na reactivación cultural da cidade herculina o colectivo que agora dá os seus primeiros pasos de xeito informal busca aglutinar ao máximo número de axentes culturais da cidade da Coruña, incluíndo aos seus públicos diversos para apoiar a acción cultural da cidade baixo parámetros de sustentabilidade, proximidade, diversidade e vocación común.. Amplía a nova>>

06/07/2020
A Deputación de Pontevedra presenta un plan de reactivación cultural

Re-Acción Cultural é o nome do programa que presentaba este 3 de xullo a Deputación de Pontevedra para "democratizar a cultura, espallala por todos os recunchos da provincia e, tamén, devolver á xente que a fai posible o refuxio seguro que nos ofreceron a todas e a todos durante os momentos máis duros da pandemia". A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, presentaba esta iniciativa dotada con 2,5 millóns de euros e que se desenvolverá nos eixes da música, o patrimonio e as rutas xacobeas, as artes escénicas, o audiovisual e o cinema, a escrita e mais as accións para espallar a cultura. . Amplía a nova>>

02/07/2020
Paula Cons estreará La isla de las mentiras en Filmin

La isla de las mentiras filme da directora galega Paula Cons rodado no noso país, chegará ás pantallas do Estado directamente a través da plataforma Filmin. A produción, que tivo a súa estrea mundial na Arxentina, está inspirada no afundimento do buque Santa Isabel fronte ás costas de Sálvora en 1921, e a partir do vindeiro 24 de xullo poderá verse mediante alugueiro en liña e sen custo engadido para subscritores desta plataforma. . Amplía a nova>>

29/06/2020
Agadic amplía o orzamento das axudas de creación audiovisual convocadas en decembro

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) ven de publicar no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que leva a cabo unha ampliación do crédito dispoñible para as subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego que se convocaron en decembro de 2019. Respondendo ao impacto producido pola pandemia nas empresas audiovisuais, en consonancia coas medidas adoptadas no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, a Consellería de Cultura e Turismo decidiu a ampliación do número de curtas e guións apoiados na convocatoria 2020, mediante a modificación destas bases. O crédito dispoñible este ano pasa dos 156.000 euros aos 178.000 euros agora co que pretende aumentar o alcance nas modalidades de axuda menores (5.000 e 6.000 euros por produción) para chegar a catro proxectos audiovisuais máis dos inicialmente previstos. Estes cambios afectan ás solicitudes xa presentadas dentro do prazo e que quedaran inicialmente fóra polo esgotamento do crédito. Agadic aínda non deu a coñecer a lista de proxectos beneficiarios.. Amplía a nova>>

23/06/2020
Alberto Vázquez obtén o premio do xurado no Festival do Annecy

Homeless Home, a última curtametraxe dirixida polo coruñés Alberto Vázquez, conseguiu o Premio do Xurado á mellor curtametraxe no Festival de Animación de Annecy. O filme competía na categoría Cristal con outros 36 proxectos e obtivo o que se considera un dos dous grandes premios do evento para este tipo de producións. O filme, unha coprodución vasco-francesa, segue a liña de animación para adultos coa que Vázquez está a conseguir recoñecemento internacional.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org