Novas | 871 a 880 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

03/08/2020
A directora Manane Rodríguez recibirá o premio Pedigree de Cans

A Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou outorgarlle o Premio Pedigree desta edición á directora Manane Rodríguez.A entidade, segundo informa valorou especialmente o logro da cineasta "de sacar adiante catro películas de ficción, un fito inédito en Galicia para unha directora muller", ademais da súa traxectoria "comprometida e valente, cunha obra caracterizada polo rescate da memoria e cun irrenunciable compromiso feminista tamén como activista da asociación CIMA de mulleres realizadoras, premiando un cine honesto e necesario”. Este será o primeiro recoñecemento que Rodríguez, nada en Uruguai, reciba dun festival galego.. Amplía a nova>>

31/07/2020
Sete proxectos audiovisuais terán participación da TVG dentro do plan de apoio ao sector

A CRTVG acordou este xoves a súa participación nun total de sete novos proxectos cinematográficos -dúas longametraxes, unha serie infantil de animación e catro películas documentais- en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Despois da avaliación realizada pola Comisión Directiva de Avaliación de proxectos da TVG, determinouse a participación da Corporación nesta selección de sete proxectos, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%. Apoiar a creación no eido audiovisual e favorecer o sostemento dun sector audiovisual galego que busque tamén a mellora da sociedade son algúns dos criterios que se seguen neste proceso de selección. A compañía publica valorou en moitos dos proxectos as súas perspectivas de difusión internacional. No pasado mes de maio a CRTVG xa aprobara a súa participación noutras sete producións.. Amplía a nova>>

30/07/2020
O Play-Doc expándese por Tui e difundira contidos en liña para adaptarse as necesidades do momento

A organización do XVIº Festival Internacional de cinema Play-Doc ven de avanzar algúns dos cambios previstos para a súa celebración entre o 23 e 27 de setembro na edición adaptada ás circunstancias e aos protocolos de seguridade. Diversificar en localizacións dentro da vila de Tui para non xuntar demasiado público e saír á rúa son as opcións escollidas O Festival seguirá a manter no Teatro Municipal o seu punto de encontro principal pero súmanse lugares como a Praza do Pracer, convertida na súa segunda sede, e outros puntos da cidade onde o público poderá participar de encontros, concertos, talleres e actividades dirixidas especialmente a eles. Como novidade engtadida o festival tamén se poderá gozar desde a casa, xa que parte dos seus contidos estarán dispoñibles en liña, e para todo o territorio español grazas á colaboración con Filmin, a plataforma de cine en streaming por excelencia en España.Esta XVIª edición de Play-Doc celébrase por primeira vez baixo a marca creada pola Deputación de Pontevedra, Rias Baixas Film Fest, creada para axuntar e fortalecer os principais festivais audiovisuais da provincia.. Amplía a nova>>

30/07/2020
Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez protagonizarán a comedia ‘Cuñados’

O próximo 17 de agosto dará comezo na cidade de Ourense a rodaxe de Cuñados, a primeira longametraxe de ficción da produtora Portocabo. Esta comedia costumbrista e familiar, que xirará arredor das peripecias criminais de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado, estará protagonizada por tres grandes actores cómicos do país: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, acompañados, entre outros, polas actrices Iolanda Muíños e Eva Fernández. O filme suporá o salto á longametraxe de Toño López que, tras dirixir ficcións seriadas internacionais como Miracle Tunes ou Auga Seca, asume nesta ocasión a dirección desta comedia. Nas súas palabras, "esta é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista para todos os públicos que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que tal vez nos sirva tamén para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor".. Amplía a nova>>

28/07/2020
O XVIIº Curtocircuíto celebrarase en outubro

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, fai públicas as datas da súa próxima edición: do 3 ao 11 de outubro deste 2020. Dados os condicionamentos e as limitacións xurdidas da crise COVID-19, a organización propón para esta décimo sétima edición do festival un formato reducido e mixto que combinará a programación en liña, a través da plataforma Filmin e das redes sociais do festival, cunha serie de proxeccións e eventos puntuais nas súas sedes habituais en Santiago de Compostela. Malia a redución de programación, Curtocircuíto manterá as catro seccións competitivas tradicionais: Radar, Explora, Planeta GZ e Penínsulas, co obxectivo de preservar a esencia do evento. Aínda que nun formato compacto, Curtocircuíto continuará a ser un punto de encontro e lugar para a confluencia de distintas disciplinas, mantendo como eixo principal o cinema de autor e a aposta polas linguaxes contemporáneas.O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que desvelará máis contidos da súa programación nas próximas semanas, está organizado polo Concello de Santiago e conta co apoio da Deputación da Coruña, o Consorcio de Santiago e a AGADIC. A convocatoria para a recepción de filmes a competición queda aberta desde hoxe ata o próximo 10 de agosto a través da plataforma ShortFilmDepot. . Amplía a nova>>

23/07/2020
Melania Cruz recibirá o premio de honra do festival FICBUEU

A actriz Melania Cruz (Lugo, 1983) recibirá o Premio Cinema Galego do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, FICBUEU 2020. A actriz recibirá o galardón nun encontro co público que terá lugar na xornada de clausura o 19 de setembro na sala multiusos do Centro Social do Mar da localidade pontevedresa. O Encontro con Melania Cruz permitirá aos asistentes achegarse á traxectoria vital e profesional desta actriz, gañadora de dous premios Mestre Mateo e un María Casares. Melania Cruz ten pendente de estrea arestora o filme Ons e tamén protagonizou a galardoada Dhogs’, ademais de participar en destacados proxectos do cine galego dos últimos tempos, como María Solinha, ou Trote. Outros recoñecidos persoeiros do mundo do cinema, como o actor Manuel Manquiña ou o crítico Javier Tolentino, participarán nas actividades programadas dentro do FICBUEU 2020 que se desenvolverá do 11 ao 19 de setembro coas limitacións de aforo e demais medidas de seguridade que require a prevención fronte ao coroavirus.. Amplía a nova>>

23/07/2020
O Plan de Dinamización Cultural da Coruña apoia a realización de medio cento de proxectos

Arredor de 50 proxectos culturais terán lugar na cidade da Coruña co apoio do Plan de Dinamización Cultural impulsado polo Concello a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Ven de facerse pública a relación destes proxectos seleccionados que teñen coma requisitos comúns estar destinados ao público en xeral, ser de carácter gratuíto e desenvolverse integramente no termo municipal. No listado aparecen multitude de actividades musicais, concertos, pero tamén hai espazo para outros espectáculos de circo, teatro, charlas, cine, arte, recitais, etc. Entre os destinatarios poden verse nomes coñecidos de creadores e axentes do sector cultural da cidade coma Yolanda Castaño ou o xornalista Javier Becerra ademais de varias empresas culturais. O plan conta cun orzamento de 200.000 euros e cada proxecto pode recibir un máximo de 6.000 euros. O Plan de Dinamización Cultural do Concello da Coruña dá así os seus primeiros froitos mentres que aínda non se sabe nada do Plan estratéxico que o Concello de Santiago estaba a preparar en abril para o sector cultural local.. Amplía a nova>>

22/07/2020
Portamérica estrea en liña un documental propio sobre a súa historia gastronómico-musical

O festival Portamérica non puido celebrarse este ano en Caldas de Reis como era a súa intención e quedou, como outras moitas grandes citas, posposto para o vindeiro 2021 cando celebrará o seu décimo aniversario. Pero aínda así o evento musical e culinario terá presenza cultural este verán xa que na súa canle da plataforma YouTube estrearase este xoves un documental propio do festival, producido pola empresa Esmerarte coa colaboracuión da Deputación de Pontevedra, e dirixido por Alberto Baamonde, que baixo o título de Esa maldita felicidad dá conta da singularidade deste evento e da súa historia, concepción e desenvolvemento. Dous anos de rodaxe entre España e Latinoamérica da coma resultado unha <> de cociñeiros e músicos cun destino común no festival da carballeira de Calda de Reis. O resultado documental estrearase ás 21:00 horas na devandita canle do festival Portamérica. . Amplía a nova>>

22/07/2020
O festival de Cans abrirá coa proxección de 'La isla de las mentiras'

A estrea en pantalla grande do filme La isla de las mentiras, antes de que a súa distribución chegue ás salas de cinema, servirá para abrir a XVIIª edición do Festival de Cans, que terá lugar do 2 ao 5 de Setembro. A longametraxe da debutante Paula Cons, comparte ademais protagonismo este ano coa homenaxe a Chano Piñeiro e a súa figura, que o festival prepara para conmemorar o vixésimo quinto aniversario do seu pasamento. Á figura do creador de clásicos do audiovisual galego coma Mamasunción ou Sempre Xonxa adicáselle o cartaz do certame deste ano, a través da figura icónica do seu personaxe Caladiño. Parte da programación da XVIIª edición do Festival de Cans presentouse onte en Santiago , na tenda NikisGalicia, cuxo equipo deseña cada ano os cartaces do Festival e apoia a súa celebración. Nesta edición, a seguridade e, de maneira moi especial, trazar un ‘escudo protector’ sobre os maiores de Cans, é o primeiro obxectivo do Festival, que reducirá considerablemente o seu aforo e eliminará os concertos nocturnos, para adaptarse ás medidas de seguridade. Amplía a nova>>

21/07/2020
Premio para a película 'María Solinha' en Sicilia

A longametraxe María Solinha de Ignacio Vilar (Vía Láctea Filmes) ven de abrir o seu palmarés propio ao recibir o máximo galardón na sección Indieuropea do 66º Taormina Film Fest, cita internacional que se celebra na vila siciliana de Taormina. A película galega acadou o favor do xurado en competición con outras 11 longametraxes de Francia, Polonia, Irlanda, Turquía, Grecia, Reino Unido, Rusía, Italia e Bulgaria. O xurado xuvenil da sección Indieuropea estaba, conformado por estudantes do Master TeA da Universidade de Roma outorgaron este recoñecemento da película de Ignacio Vilar “por presentar un tema tan actual como o da represión da liberdade da muller a través dun uso envolvente, innovador e refinado da metanarrativa”. María Solinha proxectouse en Taormina na súa versión orixinal en galego con subtítulos en italiano. A longametraxe conta a lenda dunha muller icónica, condenada pola Inquisición, cun relato que se move entre o século XVII e o XXI. Grial Montes e Laura Míguez protagonizan a versión contemporánea da lenda dunha figura visionaria cuxo anhelo de liberdade a converteu en icona feminista. O filme estreouse o pasado 19 de xuño e está a percorrer Galicia a través de cines ao aire libre.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org