Agadic adxudica as 19 axudas para a promoción do talento audiovisual

Ángel Filgueira, Rafael de los Arcos e Carlos Martínez-Peñalver Mas son os novos directores galegos que asumirán filmes de longa duración

A Axencia galega de Industrias Culturais (Agadic) ven de facer pública a adxudicación das subvencións á promoción do talento audiovisual galego, polas que recibirá apoio económico a escrita de oito novos guións, así como a realización de oito curtas e de tres longametraxes con dirección novel. A convocatoria destas subvencións foi ampliada a partir da crise sanitaria tanto en orzamento como en número de proxectos beneficiarios de acordo co Plan de Reactivación dos Sectores Cultural e Turístico cun incremento dun 14% que colocou en 178.000 euros a súa dotación final. Do orzamento 40.000 euros irán para oito guións de longametraxes cinematográficas en galego, 48.000 para a produción de oito curtas en versión orixinal galega e 90.000 para contribuír ao financiamento de tres longas. A película Cando toco un animal de Ángel Filgueira (Redondela, 1992), Verbena de Rafael de los Arcos (Vigo, 1979) e Carlos Martínez-Peñalver Mas (Vigo, 1991) coa película Serra da Estrela son os tres proxectos de longametraxes “óperas primas” que contarán coa achega de 30.000 euros nesta adxudicación. As subvencións á promoción do talento audiovisual galego teñen como obxectivo favorecer a incorporación da nova creación á industria e promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual. 

No apartado de escrita, os autores e títulos que recibirán cadansúa axuda de 5.000 euros son Lucía Estévez para o guión de As defensas, Santos Díaz para >Só o ruído pode salvarnos, Ángel Santos para Así chegou a noite, Roberto González para Atlántico ceo, Giselle Llanio para Vidas perras, María Inés Cuadrado para A cotío, Rubén Coca para Detrás da luze Iria F. Sobrado para Aquagym. Na categoría de curtametraxes, os seis proxectos que percibirán 6.000 euros para a súa realización son Pellos, de Iván Díaz Nespereira; Ningún río me protexe a min, de Carla Fernández Andrade; Sandwich Cat, de Avelino David Fidalgo; O tempo no que non fun eu, de Marta Rodríguez Valverde; Cartas pra botar, de Sara Pisos Gutiérrez; A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño; Somos Cárcere, de Irene Basanta, e Solanácea, de Borja Santomé.
 
Primeiros pasos en longametraxe
 A cooperativa Sétima, unha produtora nacida precisamente para apostar polo novo talento e para apoiar a busca dun discurso conectado coa realidade e inquietudes da mocidade galega, asume Cando toco un animal, de Ángel Filgueira. A  proposta parte do guión escrito polo propio realizador en 2017, despois de tomar forma ao seu paso polo LAB do festival Novos Cinemas de Pontevedra e polo VIII Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura de Galicia.
A produtora lucense Gaitafilms, artífice do éxito que supuxo Dhogs, presenta nesta ocasión Verbena, o título que dirixirá Rafael de los Arcos, realizador que xa ten asinadas distintas curtas e mediametraxes, gañador do premio do Público no Festival de Xixón co documental El equipo de mi barrio. Verbena é un documental de corte realista, intervido minimamente a nivel estético, que segue a vida durante o verán dun músico de rock nunha orquestra. Cunha traxectoria como director de curtas, produtor executivo, montador e realizador de videoclips, Carlos Martínez-Peñalver porase á fronte da súa primeira longa en Serra da Estrela, unha obra que retrata esa zona da montaña lusa, as súas condicións sociais e políticas e a relación entre Galicia e Portugal a través do percorrido e do encontro de dous personaxes de ficción.