07/05/2020
Os festivais audiovisuais defraudados con Plan de Reactivación da Cultura da Xunta
A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema de Galicia, Proxecta, que agrupa a 16 certames cinematográficos das catro provincias, recibiu "con indignación" o novo Plan de Reactivación da Cultura preparado pola Xunta con motivo da crise xerada pola COVID-19. Así o fixo público a asociación a través dun comunicado expresando a súa postura abertamente crítica na que afirman que despois de semanas de conversas coa Consellería de Cultura, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, comprometérase con Proxecta a un plan global de apoio específico de axuda aos festivais, dotado con 100.000 euros, que se achegarían a través do programa Xacobeo 2021. Ademais desta axuda adicional eliminada, os festivais de cinema viven na incerteza mentres agardan tamén pola resolución da liña de axudas a festivais de cine e audiovisual correspondente a 2020, cuxo proceso administrativo tivo que ser paralizado por mor da crise da Covid-19. Trátase dunha dotación global de 190.000 euros que deberá repartirse entre os máis de 20 certames que se presentan a esta concorrencia competitiva. .
Amplía a nova>>
07/05/2020
A TVG2 emitirá a ópera A amnesia de Clio
A amnesia de Clio, ópera da compañía Voadora que chegou ás táboas o pasado mes de novembro, terá a súa estrea televisiva este 16 de maio. A segunda canle da TVG programa para as 22:45 horas unha emisión da obra composta por Fernando Buide sobre texto de Fernando Epelde, dirección escénica de Marta Pazos e Paul Daniel na dirección musical. Para o día 17, cara á media noite está prevista unha redifusión da montaxe que Voadora coproduciu co Consorcio da Música de Santiago, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e o Centro Dramático Galego, ademais da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.
.
Amplía a nova>>
06/05/2020
O Goberno do Estado aproba as primeiras medidas de apoio ao sector cultural
Hoxe publica o Boletín Oficial do estado o Real Decreto-Ley que recolle o primeiro paquete de medidas destinadas a apoiar ao sector cultural desta etapa de crise sanitaria. O Ministerio de Cultura e Deporte dedicará un orzamento de 76,4 millóns de euros como inversión, ademais do alcance económico das medidas fiscais ou as de incentivos ao mecenado. Unha das medidas máis agardadas e que se corresponde con reivindicacións históricas, consiste en garantir o acceso extraordinario á prestación por desemprego do colectivo de artistas en espectáculos públicos encadrados no Réxime Xeral da Seguridade Social, que poderán acceder así á prestación por un período de ata 180 días, segundo o tempo de ocupación cotizada no ano anterior. Deste xeito recoñécese a intermitencia laboral e a especial vulnerabilidade destes traballadores do sector cultural, pero esta medida deixa fóra a outros moitos, que sen ser artistas teñen as mesma condicións, como técnicos de montaxes, traballadores de comunicación e outras profesións da cultura que comparten a situación dos artistas con contratos por obra ou servizo. A decisión xa está a ser obxecto dalgunhas protestas nese sentido desde o sector. .
Amplía a nova>>
05/05/2020
O outono audiovisual vai tomando posicións
Ante a previsión dun outono cultural quente pola concentración nesa época dunha grande cantidade de eventos e actividades aprazadas, desde os festivais audiovisuais tamén chegan novidades e anuncios na súa toma de posicións e reclamo de sitio. O festival de curta de Vilagarcía, ademais de confirmar xa a súa previsión de celebración entre o 23 de outubro e o 1 de novembro, anuncia tamén un cambio de denominación na que ser´`a a súa 48ª edición. O evento pasa a denominarse Festival do Imaxinario e, malia que manterá a atención ao cine como bandeira, asume tamén a súa proposta multidisciplinar con outras propostas artísticas como a ilustración e a banda deseñada, a literatura ou mesmo a música na súa programación. Estas outras expresións xa tiñan cabida no evento desde 2016 pero agora, con este cambio a organización quere facer visible a súa aposta e de converterse "nun motor da imaxinación e nun estímulo para a creatividade, tratando de transformar as ideas e trocar as realidades", segundo comunican. O festival presentará producións fantásticas de todo o mundo, que en moitos casos serán de rigorosa estrea no noso país, sen deixar de lado outros xéneros que se poderán desfrutar na sección do mesmo título..
Amplía a nova>>
04/05/2020
Vídeos e novas cartas achegan á rede diferentes visións sobre Carballo Calero
Malia ao adiamento das actividades oficiais, as propostas polo Día das Letras Galegas non se deteñen. Desde a Real Academia Galega chegou á rede estes días a serie de microespazos
Unha palabra para don Ricardo "un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Ricardo Carballo Calero que conforman un retrato colectivo do protagonista do Día das Letras Galegas 2020". Salvador García-Bodaño, Euloxio Rodríguez Ruibal, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo, Rosario Álvarez, Fina Casalderrey, Francisco Fernández Rei, Ramón Villares, Xosé Luís Regueira, Manuel González, Ana Romaní, Andrés Torres Queiruga, Víctor F. Freixanes, Gonzalo Navaza, Mercedes Queixas Zas, Francisco Cidrás, Goretti Sanmartín, Fernando López-Acuña, Darío Villanueva, Eduardo Maragoto, Araceli Herrero Figueroa, Carmen Blanco, José Luís Rodríguez, Pilar García Negro, Claudio Rodríguez Fer, Pilar Pallarés, Henrique Rabuñal e Martinho Montero participan desta iniciativa na que colabora a Associaçom Galega da Lingua (AGAL) e que será retransmitida pola CRTVG.
.
Amplía a nova>>
04/05/2020
A TVG acorda participar en sete novos proxectos audiovisuais
Coa vista posta en chegar decote á fase 1 de apertura social e laboral, na que, con certas condicións, poderían recomezar as rodaxes cinematográficas e televisivas as institucións públicas do sector audiovisual comezan a mover as súas pezas para apoiar a produción, que precisa moita planificación previa así como financiamento. Segundo ven de comunicar a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) a CRTVG acordou a súa participación en sete novos proxectos cinematográficos, seis longametraxes de ficción e documentais, e unha TV movie sobre a figura de Sofía Casanova, nunha decisión enmarcada no conxunto de medidas deseñadas para reforzar o compromiso coa industria audiovisual galega e nunha medida anticipada debido a conxuntura creada polos efectos da COVID-19. As producións seleccionadas, nunha xuntanza extraordinaria da Comisión Directiva de Programación da CRTVG, son
Estelas, primeira longametraxe de ficción do director novel Roberto Alvite; a longametraxe documental de creación
Nación, un sitio onde pousar a cabeça, dirixida por Margarita Ledo, e catro longametraxes documentais:
Onde máis doe, sobre a violencia de xénero, de Xamalú Producións;
Patarinos, producida por Sétima S. Coop. Galega;
MorabezaVerde, a cor da soidade, de Alberto Trabada. A propia Agapi facía a finais de marzo unha estimación deperdas do sector, nese momento polo o impacto da crise do Covid-19, de máis de 3 millóns de euros que afectaban a un total de 20 proxectos en marcha..
Amplía a nova>>
29/04/2020
A previsión de desescalada cultural
O presidente do Goberno de España, Pedro Sanchez, daba a coñecer este 28 de abril a previsión de fases para aliviar as medidas de confinamento ás que está sometido o conxunto da sociedade. A proposta fala de períodos de apertura que terán unha duración flexible, cun mínimo de dúas semanas, que dependerán da situación nos diferentes territorios e que contarán coas provincias como espazos de referencia para a súa aplicación. Toda unha serie de mudanzas que terán efectos destacados en diferentes sectores da cultura. Aínda pendentes da concreción destas medidas, da súa publicación do Boletín Oficial do Estado e do xeito no que se aplican segundo vaia evoluíndo a situación, repasamos os posibles impactos do confinamento en diferentes ámbitos culturais..
Amplía a nova>>
27/04/2020
A Asociación Senunpeso publica nas redes as curtas de A fume de carozo
Coa intención de "poñer o noso gran de area á difusión de contidos culturas dixitais neste contexto de confinamento" a Asociación Senunpeso acaba de publicar no seu web unha selección das curtametraxes que saíron da iniciativa Lav.mov. En total son oito obras dispoñibles na rede que desenvolveron na iniciativa
A fume de carozo, gravadas e editadas nunha maratón de dous días no Concello de Vedra..
Amplía a nova>>
22/04/2020
Os festivais audiovisuais da provincia de Pontevedra contarán cunha marca propia
Traballar conxuntamente co sector na creación dunha marca propia do audiovisual da provincia, e instar ás administracións competentes como a Xunta de Galicia para o deseño dun Plan Estratéxico, foron compromisos anunciados pola Deputación de Pontevedra na primeira reunión que, de forma telemática, mantivo a presidenta Carmela Silva cos representantes da Asociación Proxecta, que agrupa aos principais festivais de cine da provincia e do resto de Galicia. A presidenta coincidiu cos portavoces da Asociación na necesidade de deseñar un novo modelo que estimule a colaboración público-privada, pero tamén a relación pública-pública cun maior entendemento entre as administracións á hora de elaborar guías, protocolos de actuación, ou no deseño dun plan estratéxico que se elabore pola Xunta de Galicia e no que participaría o sector e o resto das administracións como as Deputacións. Carmela Silva tamén anunciou que "se traballará na maior flexibilización posible das bases das axudas", aínda que tamén concordou co sector en que "temos que poñer a cabeza a pensar en como reorientar ou reinventar algúns dos eventos que poidan verse afectados". Neste senso defendeu a harmonización das subvencións culturais, cunhas bases similares entre tódalas administracións, "para que todos saibamos como e onde nos movemos". Amais, transmitiu que a institución poderá realizar o anticipo do 50% das axudas que se soliciten, e que no caso de que algún dos festivais non se poda facer será a Deputación quen financie os gastos feitos. Tamén, en canto o requisito do número de anos consecutivos para poder acceder ás achegas do vindeiro ano, o ano 2020 non será contabilizado. Igualmente, a presidenta confirmou que avaliará xunto aos concellos a posibilidade de implementar medidas que poidan ser esixidas nos futuros protocolos de seguridade, desinfección ou hixiene nos recintos dos festivais..
Amplía a nova>>
21/04/2020
Youtubeir@s incrementa de novo os seus premios para a edición 2020
Novas categorías, máis premios e unha maior dotación económica. A edición 2020 do certame de creación audiovisual Youtubeir@s deu a coñecer as súas bases para 2020 a anunciar un total de 12 galardóns, tres máis que na última edición, que repartirán 7.500 euros en premios, o que supón un incremento de mil respecto a 2019. O certame, ao que se poden presentar vídeos en galego publicados desde o pasado 27 de setembro de 2019, reorganiza as súas categorías de participación, e así desaparecen as xa clásicas "vídeo-facermos" e "vídeo-opinarmos". .
Amplía a nova>>