Novas | 921 a 930 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

16/04/2020
A Pontevedra Film Comission pon na rede vinte filmes vencellados co concello

"Queremos que estes días na casa sexan máis soportables, por iso desde a Film commission queremos compartir con todos vós documentáis, longametraxes, curtametraxes, traballos xa realizados e rodados en Pontevedra coa colaboración do Concello de Pontevedra e tamén proxectos que nos ceden realizadores e que foron rodadas noutros lugares fóra da nosa cidade". Así presenta a Pontevedra Film Commission a súa iniciativa Vídeos na rede que pon a disposición do público de xeito gratuíto unha vintena de pezas. Proxectos como Idiotas, Superpunky. El Musical, Flores para Amalia, Dies Dei ou La Bella Otero son algunhas da pezas dispoñibles. O proxecto está aberto a novas achegas.. Amplía a nova>>

14/04/2020
O premiado filme Psiconautas está dispoñible na rede

Psiconautas, os nenos esquecidos, filme da produtora galega Zircozine que gañou o Goya de animación 2017, está dispoñible de balde na plataforma en liña de TVE Somos cine. A produción que dirixiu o coruñés Alberto Vázquez en colaboración con Pedro Rivero e que adapta unha BD do primeiro pódese ver ata o vindeiro 23 de maio. A longametraxe chegou a ser preseleccionada para representar a España nos Óscar de 2017.. Amplía a nova>>

14/04/2020
A produtora galega Somadrome obtén un premio no MIPDoc de Cannes

Por vez primeira o proxecto dunha produtora galega obtén un galardón no MIPDoc de Cannes. A produtora Somadrome, radicada en Oroso, fíxose co galardón da categoría MIPDoc Project Pitch polo seu proxecto Behind Lucy. Este é un formato documental que segue ao longo de catro anos, entre 2017 e 2021 a misión da NASA Lucy, destinada a investigar asteroides da órbita de Xúpiter. Este encontro internacional de formatos documentais desenvolveuse este ano en liña no marco da iniciativa MIPTV Online+, logo da suspensión do mercado televisivo por mor da crise sanitaria do coronavirus.. Amplía a nova>>

13/04/2020
Versión Valdeorras achega á rede filmes da comarca durante o confinamento

Sempre Xonxa, Santoalla, Pradolongo, Os Fillos da vide, Lobos sucios ou Espírito Abertal son algúns dos filmes que fan parte do novo festival virtual Versión Valdeorras. Desde o pasado 9 de abril esta iniciativa de cineastas da zona está a publicar na rede ata un total de doce filmes en tres quendas. Á inicial, entre nove e 12 de abril, seguirán outras dúas previstas para os días 16 a 19 do mes e unha última entre o 23 e o 24. A maior parte dos filmes fica dispoñible en aberto durante unha semana, aínda que algúns só poderán verse nas 48 horas seguintes á súa estrea.. Amplía a nova>>

13/04/2020
A CRTVG anuncia medidas de apoio ao sector audiovisual

A Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) anunciaba este 8 de abril unha batería de medidas de apoio ao sector audiovisual por mor dos efectos que está a ter sobre o mesmo a actual crise sanitaria. O web do ente recolle unha listaxe de propostas que inciden en cuestións como axilizar a adquisición de producións e pagamentos pendentes, con mecanismos como a "contratación de novos produtos audiovisuais adaptados ás novas necesidades xurdidas na sociedade galega durante o estado de alarma", un adiantamento do proceso de "selección e formalización dos contratos de apoio á produción audiovisual" ou unha moratoria para aquelas producións que viron afectado o seu desenvolvemento polo estado de alarma.. Amplía a nova>>

08/04/2020
Publican en aberto o documental Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín

O profesor e escritor Manuel Forcadela é o director e guionista do documental Os mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín, que agora puxo en aberto na súa metraxe completa. O documental percorre a vida e a obra do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, a partir dos testemuños de dezasete "representantes do mundo cultural galego" que se deteñen na literatura, no seu articulismo de opinión ou do seu papel e impacto na vida cultural galega do século XX. . Amplía a nova>>

07/04/2020
O produtor Alfonso Blanco entra na Academia que outorga os Emmy

Polas mans de Alfonso Blanco pasaron proxectos ben coñecidos como Mareas Vivas, Terra de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares, Matalobos, Hierro ou Auga Seca. Agora, Blanco é un dos 32 novos profesionais de todo o mundo que entrarán na International Academy of Television Arts & Sciences, a institución con sede en Nova York que outorga os Premios Emmy. Blanco, director xeral da produtora Portocabo, será o primeiro galego en formar parte desta prestixiosa entidade. . Amplía a nova>>

06/04/2020
Profesionais da cultura desenvolven nas redes a campaña #NonNosCanceles

Ao longo dos últimos días, mais en particular na mañá deste seis de abril, as redes sociais galegas están a se inzar de publicacións co cancelo común #NonNosCanceles. Profesionais dos máis diversos ámbitos culturais, a incluír proxectos musicais, escénicos, audiovisuais, técnico de diferentes áreas, responsables de programación ou promoción reivindícanse a sinalar "eu tamén son traballador@ da cultura". Nas mesmas, chámase con esa etiqueta a manter contratacións e a que a amortecer o impacto do sector na actual crise sanitaria, trasladando as datas das programacións previstas neste período no canto de as cancelar. . Amplía a nova>>

06/04/2020
A viaxe de Ruth: un retrato da Galicia rural e mariñeira dos anos 20 agora en aberto

A Asociación cultural Dous Punto Oito publicou na rede o seu documental A viaxe de Ruth. Dirixido por Jaime Pardo e Xosé Reigosa, o documental segue o fío da propia viaxe da fotógrafa Ruth Matilda Anderson e o seu pai pola Galicia dos anos 1924 a 1926. Con entrevistas a expertos, comparativa entre o escenario das fotos e o actual, entrevistas a descendentes dos protagonistas das fotos e coidadas recreacións da viaxe, o documental permítenos comprender as circunstancias de elaboración dun dos corpus fotográficos máis importantes da Galicia de principios do século XX. Podes velo completo nesta nova. . Amplía a nova>>

03/04/2020
O Chanfaina Lab achega cada día filmes da súa última edición

Coa fin de facilitar o tempo de confinamento na casa, a organización do Chanfaina Lab decidiu acelerar a publicación na rede dos filmes que saíron da súa última edición, celebrada en setembro. No canto dos habituais "Venres de Chanfaina", nos que ían publicando cada semana unha das pezas, o encontro cinematográfico de San Sadurniño acordou lanzar unha cada día "ou case" como recoñecen. Deste xeito, están xa dispoñible na rede dezanove das trinta curtametraxes que cineastas profesionais e veciñanza desenvolveron entre os pasados seis e oito de setembro. Nos vindeiros días completarase a publicación na rede da totalidade das pezas, que inclúen traballos de Ana Moreiras, Fran X. Rodríguez, María Yáñez, Manuel Abad, Anxo Santomil ou Aldara Pagán entre outros nomes.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org