Novas | 841 a 850 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

21/09/2020
O FICBueu dálle a súa Ánfora de Ouro a Fleur de pavot

A coprodución franco-chinesa Fleur de pavot facíase na noite deste sábado 19 de setembro coa Ánfora de Ouro que a proclama gañadora do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. O galardón, dotado con 2.000 euros, sumouse ao premio á mellor fotografía que obtivo a mesma produción. A francesa Olla, pola súa banda, levou a Ánfora de Prata cos correspondentes 1.000 euros. O Premio R á mellor curtametraxe galega recaeu sobre Carne, de Camila Kater mentres Ca nostra, de Laia Foguet obtivo o Premio Fundación Novas á mellor curtametraxe española. A Mellor curtametraxe experimental foi para Genius loci, do francés Adrien Merigeau e o Premio CREA á mellor dirección levouno o lituano Laurynas Bareiša por Atkūrimas.. Amplía a nova>>

17/09/2020
O Festival de Cans e o Play-Doc presentan a súa programación en liña

Por vez primeira, o Festival de Cans abre unha versión en liña que permite ao público acceder a todas as curtas da sección oficial do evento. A un prezo de dous euros por cada bloque de filmes as persoas interesadas poderán ver na propia web do festival as 13 obras, 9 da categoría de ficción e 4 na de animación, que participaron no evento.. Amplía a nova>>

14/09/2020
O Primavera do Cine leva a Vigo 23 curtas e 11 longametraxes

Atrasado por mor da pandemia, cun programa paralelo reducido e con estritas medidas de seguridade sanitaria, o Festival Primavera do Cine de Vigo abre as súas portas este 15 de setembro. O Auditorio Municipal olívico e mais o MARCO acollerán as proxeccións das 23 curtametraxes e 11 longas que fan parte do programa. Na sección de longametraxes galegas o programa achega filmes que están a obter importantes recoñecementos como As mortes, de Cristóbal Arteaga; De barrio, de Xurxo Chirro; Estado de malestar, de María Ruido; Eroski Paraíso, de Jorge Coira e Xesús Ron, e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld. En canto a longas portuguesas, entran a competición A febre, de Maya Da-Rin; Bostofrio, de Paulo Carneiro; Pacificado, de Paxton Winters, e Fakir, de Helena Ignez, conforman a Sección Oficial de Longas Lusófonas. . Amplía a nova>>

11/09/2020
O Festival Internacional de Curtas de Verín recoñece a Luís Zahera

Un coloquio no Auditorio Municipal de Verín será o acto de homenaxe que o Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV lle rende ao actor Luís Zahera. O evento, que continúa o seu programa ata este domingo 13 de setembro, está a proxectar un total de 39 curtas dunha vintena de nacionalidades nas súas catro categorías habituais (Horizontes, A Raia, Nova e Outra Mirada). Para alén doutros protocolocos contra a Covid, o evento retransmite en streaming os actos incluídos na súa programación paralela. Entre as producións que se poden ver no evento están as estreas dos documentais Entroidar, sobre esta celebración tradicional, e mais Hijas de Galicia, Macorinas, que aborda a prostitución entre as emigrantes galegas a Cuba.. Amplía a nova>>

10/09/2020
O FIC Bueu inicia este 11 de setembro a súa programación adaptada

Programar o duplo de sesións para cada sección, non contar con cineastas internacionais, reducir capacidade ou prescindir das visitas escolares son algunhas das medidas coas que comeza este 11 de setembro a décima terceira edición do FIC Bueu. O festival de curtametraxes desenvolverase ata o vindeiro día 19 a incluír a nova sección Escolas Internacionais, un apartado dedicado á comedia e un especial protagonismo do cinema galego, cunha charla sobre o filme Ons e un encontro coa actriz Melania Cruz, galardoada nesta xeira. . Amplía a nova>>

09/09/2020
O Festival de Cans pon a andar a súa programación expandida

Este 9 de setembro comeza Cans Expandido, o novo formato co que o festival audiovisual do Porriño achega a todo o país as curtas que participaron nas súas seccións de ficción e animación. Un total de nove salas, oito cineclubes e mais o Centro Galego de Artes de Imaxe, acollen ata o vindeiro día 13 as proxeccións deste programa, co que a organización do evento pretende "incrementar a visibilidade das curtametraxes, ante a redución de aforo que tivo que aplicar o festival para adaptarse á normativa Covid". . Amplía a nova>>

07/09/2020
'Xoves de comadres' de Noemí Chantada gaña catro dos principais galardóns do Festival de Cans

O Festival de Cans entregou na súa gala final os galardóns correspondentes á súa 17ª edición. Coa entrega dos premios remataba a edición do certame na que máis películas se estrearon: un total de 15. Competían 25 longametraxes e 15 videoclips. A situación sanitaria fixo que esta fose a edición máis singular do Festival, nela ademais se fixeron cumpridas homenaxes ao desaparecido realizador Chano Piñeiro e ao director Oliver Laxe, descubirndo unha estrela co seu nome no Torreiro. No relativo ao palmarés que deixa este ano o festival, a curtametraxe Xoves de comadres, da realizadora viguesa Noemí Chantada, foi a triunfadora desta XVIIª edición ao facerse con catro dos principais premios. O xurado outorgoulle oa galardóns á Mellor Curtametraxe e Mellor Guión. Ademais, obtivo as distincións que outorgan o Público e o Xurado dos Veciños e Veciñas. O xurado destacou de Xoves de Comadres "a visión naturalista" e a sensibilidade amosada "á hora de crear un espazo de intimidade e verdade sobre a soidade e abandono da terceira idade cunha mirada crítica e profundamente humana". Salientou, ademais, "o delicado traballo conseguido entre a directora e as súas actrices de lograda emoción". Por este mesmo traballo Noemí Chantada ven de obter no Festival de Málaga a Mención especial do Xurado, a Biznaga de Prata e o Premio do Público. A realizadora traballa dende hai quince anos coma directora de fotografía e cámara. En 2016 fundou a produtora Islandia Producciones. Na décimo quinta edición do Festival de Cans, a de 2018, Noemí Chantada xa obtivera unha mención especial do xurado pola cinta A Muller Invisible.. Amplía a nova>>

04/09/2020
'Manoliño Ngema', Hierro e Homomaquia premiadas no festival de cine e tv de León

O palmarés do finalizado sétimo Festival de Cine e Televisión Reino de León representa un “suma e segue” para a colleita recente da produción audiovisual galega. Tres importantes premios para outras tantas producións que ademais van acumulando cada unha delas numerosos recoñecementos nas súas propias contas. Así a serie Hierro de Pepe Coira e Jorge Coira para Portocabo foi merecedora do Premio de Televisión a Mellor Serie de Ficción acumulando outro recoñecmeento á súa xa longa lista que inbclúe catro galardóns nos Mestre Mateo deste ano. Pola súa banda Homomaquia, de David Fidalgo producida por Abano Producións e El Gato Verde acada neste certame o Premio á Mellor Curtametraxe de Animación na sección oficial de Cine poñendo un colofón a unha semana que comezou recibindo no Festivald e Málaga a Biznaga de Prata Premio do Público dentro da sección Animazine. O filme de David Fidalgo recibiu o mesmo premio á mellor curtametraxe de animación na pasada edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. A circunstancia repetíase co obra Manoliño Nguema de Antonio Grunfeld, producida por Filmika Galaika, Waka Films e AGARESO, que sae deste certame co premio a Mellor Documental na Sección Oficial de Cine, premio que conseguira tamén nos Mestre Mateo 2020.. Amplía a nova>>

03/09/2020
Os protocolos da rodaxe de Dani de la Torre axudan a descubrir un gromo en Pantón

Os exhaustivos e severos protocolos de seguridade sanitaria cos que se está a desenvolver a produción audiovisual veñen de prestar un servizo importante á comunidade, axudando a descubrir e controlar un gromo de COVID-19 no concello de Pantón (Lugo) . Tal e como relata o xornal El Progreso os feitos aconteceron durante a rodaxe que o cineasta Dani de la Torre está a facer nesa zona e na súa localidade de orixe, Monforte, da súa nova longametraxe Live is Life. Durante a fase de selección de figurantes para algunhas das escenas fixéronse probas sanitarias PCR semanais que a produción fai a todos os que ían participar da gravación e aí descubríronse dous positivos en COVID-19 en dous menores. A comunicación destes resultados fixo posible para o sistema sanitario público localizar outros cinco contaxiados na zona, todos menores de 20 anos cuxo orixe común parece ser unha festa privada de aniversario o 26 de agosto. Os procedementos levados a cabo desde a produtora impediron que ninguén do equipo de rodaxe estivese en contacto con estes contaxiados polo cal as gravacións seguiron adiante. Dani de la Torre está a rodar en localizacións das provincias de Lugo e Ourense a súa nova película Live is life (Atresmedia Cine, 4 Cats Pictures e Live is Life AIE), baseada nun guión do escritor Albert Espinosa. A súa estrea está prevista para 2021.. Amplía a nova>>

02/09/2020
A curtametraxe 'Escarnio e Maldicir' entra na sección oficial do ‘London Fashion Film Festival

Segundo recolle o Xornal da USC a curtametraxe sobre moda galega Escarnio e Maldicir, dirixida polo valdeorrés Aitor Ramos Soto, foi seleccionada para participar na sección oficial do ‘London Fashion Film Festival’, un dos certames de curtas de moda máis importantes do mundo. Esta peza audiovisual realizada como traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual da USC, pode optar a ser unha das tres finalistas e gañar na categoría a mellor fashion film feito por un estudante. O 'fashion film' é unha pequena curta de moda que transmite a inspiración e as sensacións da pequena colección cápsula da deseñadora Olaya de los Palos. "A colección foi confeccionada por Olaya para unha das materias do Grao de Deseño da Escola de Arte Mestre Mateo e está inspirada principalmente no traxe tradicional galego", explica o director da curta no xornal universitario. Escarnio e Maldicir tamén foi candidata a mellor curta de imaxe real na pasada edición dos premios Mestre Mateo, seleccionada no festival de Curtas Armadiña, e estivo presente no certame audiovisual Xuventude Crea.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org