01/09/2020
Titorías para promover a presenza de mulleres guionistas no audiovisual galego
Na procura dun sistema audiovisual máis diverso e plural a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), en colaboración coa Fundación SGAE ven de abrir o prazo de solicitudes para participar nas Titorías AGAG para mulleres guionistas. Esta iniciativa que se desenvolvera en liña durante seis meses nace cos obxectivos de: promover a presencia de mulleres guionistas no audiovisual galego, apostar polo novo talento feminino no eido do guión, asesorar e dar a coñecer os proxectos das creadoras galegas, de calquera idade, con e sen experiencia profesional. AGAG seleccionará un total de 6 autoras: 2 na categoría de longametraxe, 2 na categoría de serie e 2 na categoría de programa de televisión. As titorías consistirán nunha reunión mensual (ata un total de 6) para acompañar o proceso de escritura dos proxectos seleccionados e aconsellar ás súas autoras desde un punto de vista profesional. Os titores e titoras desta edición serán anunciados nas vindeiras semanas. Poderán participar todas as mulleres maiores de idade, de nacionalidade española ou residencia en España, cun proxecto orixinal en galego, de temática libre, para longametraxe, serie, ou programa de televisión. .
Amplía a nova>>
31/08/2020
Cinco galardóns para o cine galego no Festival de Málaga
O audiovisual galego ven de saír con cinco galardóns na 23ª edición do Festival de Málaga, un gran éxito do que hoxe se fixo eco a Acadamia Galgo do Audiovisual como unha reivindicación do bo traballo que se fai no país.. Dentro da sección Largometrajes Zonazine a película
Lúa vermella de Lois Patiño e producida por Zeitun Films, fíxose coa Biznaga de Prata á Mellor Película Española. A longamentraxe verá a estrea galega dentro do vindeiro festival Curtocircuíto en Santiago. Dous recoñecementos acadou a curtametraxe
Xoves de comadres de Noemi Chantada, producida por Islandia Producciones, que obtivo a Mención Especial do Xurado e a Biznaga de Prata Premio do Público na Sección Oficial de Curtametraxes. Entre as curtametraxes documentais tamén hai outra obra do audiovisual galego grazas á participación de Abano Producións no filme
Carne da directora brasileira Camila Kater. Patricia Pérez e Heidi Hassan comparten a Biznaga de Prata á Mellor Dirección de Documentais por
A media voz, en cuxa produción participa a galega Matriuska producciones. O palmarés galego desta edición finalizada do festival de Málaga a completa o filme de animación
Homomaquia de David Fidalgo Omil, producida por Abano Producións e El Gato Verde, que foi distinguida coa Biznaga de Prata Premio do Público dentro da sección Animazine.
.
Amplía a nova>>
31/08/2020
Morre o historiador José Antonio Durán
Co falecemento o pasado sábado, 29 de agosto de José Antonio Durán en Madrid, a cultura galega perdeu un valioso divulgador e investigador da súa Historia. Durán , nado en Requejo de Sanabria (Zamora) en 1941, de ascendencia rianxeira por parte de nai, creceu en Pontevedra onde desenvolveu a súa actividade cultural de múltiples xeitos como escritor e investigador, conferenciante, bibliófilo, comisario de grandes exposicións, editor e documentalista. Ao seu Taller de de Ediciones, con sede na vila, débense moitas achegas investigadoras tanto en formato de libro coma audiovisual sobre senlleiras figuras da nosa cultura case todas vencelladas aos movementos políticos, sociais e culturais de finais do século XIX e principios do XX, coma Castelao, Eladio Rodríguez, Alfredo Vicenti, Fernández-Osorio Tafall, Santiago Casares Quiroga, Portela Valladares, Manuel Murguía, Cesáreo González, ou Manuel Antonio e outros. A investigación sobre Castelao foi unha das liñas que Durán traballou publicando xa en 1972 o libro
El primer Castelao: biografía y antología rotas ( Editorial Siglo XXI) ao que seguiron numeroso traballos xa escritos, xa audiovisuais. A súa serie documental sobre figuras clave da Historia,
Historias con data, de máis de cincuenta entregas, foi emitida a través da Televisión de Galicia e da Canle Internacional de TVE. A súa atención sobre a historia social e o enfoque sociolóxico levouno a ser un destacado investigador tanto sobre o liberalismo coma sobre o movemento agrario galego sobre os que ten escrito e publicado numerosa obra que xa é de referencia. .
Amplía a nova>>
31/08/2020
Un documental ruso sobre o desmoche dos cervos leva o premio da 15ª MICE
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego chegou o pasado sábado ao seu fin repartindo os galardóns correspondentes á esta 15ª edición. O documental
The season when velvet antlers get ripe[A tempada do desmoche] da realizadora rusa Galina Leontieva acadou o premio á Mellor Película Etnográfica segundo o xurado pola "capacidade de inmersión que transmite a película a partir dun traballo cinematográfico coidado e suxerinte. Pola representación brillante dun contexto que xera unha reflexión que parte da produción do veludo de cervo para desvelar as súas relacións globais". O filme
Hamada de Eloy Domínguez que describe a realidade dos campos de refuxiados saharauís foi a elixida para recibir o premio á Mellor Película Galega desta edición da MICE. O xurado destacou dela "a mirada cinematográfica coa que realiza un retrato empático e profundo" sobre a vida dunha xeración de mozos nestes campamentos. Pola súa banda o público da 15ª MICE outorgou o seu premio á obra
Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo, unha curta que nos fai viaxar pola tradición oral do rural galego da man de Carmen, que nos conta historias que tratan sobre a súa cultura e a súa sociedade infestadas de costume, folclore e supersticións..
Amplía a nova>>
28/08/2020
O OUFF premia ao modisto Adolfo Dominguez coa Calpurnia Especial 25 anos
O Ourense Film Festival premiará ao modisto Adolfo Domínguez coa Calpurnia Especial 25 anos na vindeira edición do festival. Segundo o comunicado do OUFF trátase dun recoñecemento moi merecido para o ourensán, que estudou Cine e Arte en París e sempre estivo moi vencellado coa sétima arte. De feito, foi o produtor de
La moños, a primeira película en proxectarse na gala inaugural da primeira edición no ano 1996, abrindo o camiño a 25 anos de historia do Festival de Cine de Ourense. Lembran desde a OUFF que a produción de
La moños foi unha das achegas de Domínguez ao mundo do cinema, un filme dirixido por Mireia Ros e está baseada na historia dunha muller icónica e estrambótica que percorría as rúas do barcelonés barrio do Raval a principios do século XX. Estivo nomeada a un Premio Goya á Mellor Dirección Novel..
Amplía a nova>>
27/08/2020
'La isla de las mentiras' proxectarase no festival de cine de San Sebastian
A longametraxe
La isla de las mentiras, ópera prima da directora Paula Cons, ven de entrar a participar na 68 edición do Festival Internacional de San Sebastián que comezará o vindeiro 18 de setembro. A película poderase ver dentro da sección non competitiva “Made in Spain”,que integra unha selección das películas máis significativas no panorama do cine español do ano.
La isla de las mentiras é unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000 , está protagonizada pola actriz santiaguesa Nerea Barros xunto a Victoria Teijeiro, Ana Oca e Darío Grandinetti e está inspirada en feitos reais, concretamente no afundimento do buque “Santa Isabel” fronte ás costas da illa de Sálvora (Pontevedra) en 1921. O Festival de San Sebastián será o segundo festival de Clase A no que se poida ver o filme tras participar na sección oficial do Festival Internacional de Cine de Shanghái (SIFF).
La isla de las mentiras estreouse en España o pasado 24 de xullo na plataforma Filmin onde aínda pode verse. A vindeira edición do Festival de Cans (Pontevedra) abrirase coa proxección deste filme.
.
Amplía a nova>>
26/08/2020
Máis de trinta anos de creación audiovisual galega no (S8)
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico reforzará nesta vindeira edición o seu forte compormiso coa creación audiovisual galega como un dos piares fundamentais da súa programación. Alén das habituais seccións Sinais e Sinais en Curto, a Mostra recupera nesta edición Xerme, un espazo co que o festival busca poñer a mirada sobre os artistas seminais do cinema experimental galego nun labor de recuperación e, se se quere, de xustiza á hora de recoñecer as raíces creativas das novas xeracións. A sección Xerme revive neste (S8) edición dual con Antonio Segade e Antón Reixa como protagonistas, da man dunha selección comisariada polo crítico, escritor e o responsable de exposicións do CCCB - Centre de Cultura Contemporània de Barcelona Jordi Costa e creada en exclusiva para o festival. Durante 36 anos ambos creadores traballaron na videocreación máis ortodoxa e exploraron tamén os máis variados formatos: videoinstalación, disco/DVD, libros/DVD, televisión comercial, cinema ou publicidade.
"Falar por non calar", como se chamará a sesión, será á súa vez un programa en liña que repasará a súa traxectoria e tamén unha sesión presencial que terá lugar o 27 de setembro na Domus da Coruña. Nela recolleranse unha serie de obras en proxección monocanal envoltas entre as parénteses de dúas videoperformances dos artistas en directo nun intento de recuperar o espírito que xa mostrara Antón Reixa no grupo de comunicación poética Rompente..
Amplía a nova>>
24/08/2020
Curtocircuíto acollerá a estrea en Galicia do filme 'Lúa Vermella' de Lois Patiño
Despois da súa
premiere internacional na Sección Forum de Berlinale, a longametraxe
Lúa Vermella de Lois Patiño terá a súa estrea galega dentro do marco do festival compostelán Curtocircuíto, nun acto especial que terá lugar de forma presencial no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O Curtocircuíto, que se celebrará entre os próximos 3 e 11 de outubro en Santiago de Compostela, acollerá na súa décimo sétima edición a estrea galega do filme do cineasta Lois Patiño, producido por Zeitun Films e Amanita Studio. A proxección especial terá lugar no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e do elenco artístico da película ao xeito do que se fixera o pasado ano coa proxección de
O que arde, de Óliver Laxe. A película de Lois Patiño fará mañá martes, 25 de setembro a súa estrea estatal dentro do XXIIIº Festival e Málaga no Teatro Albéniz desa cidade competido dentro da Sección ZonaZine.
Lúa Vermella estrearase en cinemas o próximo 30 de outubro da man da distribuidora Elamedia Estudios, conta co apoio da Xunta de Galicia e Agadic e coa participación da Televisión de Galicia..
Amplía a nova>>
24/08/2020
O Chanfaina Lab cae a última hora do calendario anual
A nova vítima cultural do escenario sanitario é o encontro audiovisual Chanfaina Lab, previsto na localidade de San Sadurniño para a primeira fin de semana de setembro, que non se celebrará este ano. O alcalde, Secundino García, comunicou o pasado día 20 a decisión do executivo municipal, fundamentada na necesidade de ofrecer as máximas garantías preventivas no contexto de continuo aumento de casos positivos por coronavirus en Galicia. Parte do programa do Chanfaina tentarase acomodar na edición do ano que vén. O edil confirmou que manterá o programa de actividades e o convite aos cineastas pasándoo para 2021. O evento baséase na convivencia estreita durante unha fin de semana de setembro entre creadores e creadoras chegadas desde distintos puntos e persoas de San Sadurniño que colaboran na elaboración das pezas audiovisuais, ou que mesmo producen as súas propias curtas. O alcalde alude a que o actual contexto sanitario “racha con esa filosofía de proximidade e case de contacto físico entre participantes, parte deles de idade avanzada”. .
Amplía a nova>>
24/08/2020
Unha Culturgal para tempos de emerxencia
A Culturgal de 2020 xa ten datas e intención, amosando a cultura como un recurso esencial en tempos de emerxencia no que feira quere actuar como unha ferramenta para o sector e a sociedade. O Pazo da Cultura de Pontevedra volverá a acoller a Feira das Industrias Culturais entre o 27 e o 29 de novembro na que será décima terceira edición deste evento. Na organización da Feira, que este ano abrirá as convocatorias de postos e programación a mediados de setembro, traballase na reestruturación do evento non só desde o punto de vista socio-sanitario, senón para que a edición 2020 sexa útil. No plano físico, modificacións no acceso do público, cambios na circulación e nos escenarios da Feira e axudas económicas na reserva de postos; en canto a contidos, unha programación robusta e estruturada, que prescindirá de cantidade en favor de novidade e alcance das propostas. Así mesmo, contémplase a expansión do programa físico a través do formato online para poder chegar a máis público nun ano no que a capacidade de asistencia ao Pazo da Cultura de Pontevedra será máis reducida..
Amplía a nova>>