20/10/2020
Vinte proxectos reparten as axudas a producións audiovisuais de contido cultural galego
A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 20 de outubro a vintena de proxectos que recibirán subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. En total, a Agadic reparte 2,5 millóns de euros nesta liña de apoio, un 25% máis que na anterior edición. En total serán 11 longametraxes cinematográficas (cinco de ficción, cinco documentais e unha de animación), seis curtas, dúas miniseries e un filme para televisión os proxectos que contarán con este apoio para o seu desenvolvemento..
Amplía a nova>>
16/10/2020
AGADIC convoca as subvencións para a promoción do audiovisual galego en festivais e mostras deste 2020
A Axencia Galega de Industrias Culturais ven de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases de convocatoria das subvencións non competitivas para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais. O obxectivo destas axudas é que as producións galegas teñan apoio económico para acudir aos encontros onde o audiovisual atopa vías de comercialización e difusión cos fins últimos de dar impulso ao sector audiovisual galego, considerado como estratéxico para a comunidade; contribuír á consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega. A partida asignada este ano para estas axudas redúcese ata os 40.000 euros, 10.000 menos que a do pasado ano e coincidente coa de 2018. Esta convocatoria vai dirixida a apoiar accións de promoción deste mesmo ano, desde xaneiro ata o 30 de novembro de 2020, no que se cancelaron ou mudaron os formatos de festivais e encontros presenciais do audiovisual en todo o mundo e mobilidade física estivo altamente restrinxida. As subvencións están destinadas a cubrir parcialmente os gastos derivados da participación nos encontros, que van desde os materiais publicitarios e de servizos de relacións públicas aos de transporte de materiais e desprazamento dos profesionais, así como a subtitulación das copias cando sexa esixida.
.
Amplía a nova>>
16/10/2020
Margarita Ledo estrea Nación no Festival de Cine de Sevilla
O Festival de Cine Europeo de Sevilla acollerá o vindeiro 10 de novembro a estrea de
Nación a nova longametraxe de Margarita Ledo. O filme preséntase como unha obra de non ficción que segue a experiencia das traballadoras da fábrica de cerámicas A Pontesa e o xeito no que o acceso ao traballo industrial mudou a súa vida e lles achegou unhas posibilidades inéditas de autonomía. O feche da factoría e o impacto que o mesmo tivo sobre este colectivo convida a reflexión sobre a fraxilidade das mulleres como operarias nun retrato poético que conta con Nieves Lusquiños e Mónica Camaño como protagonistas e con Mercedes Peón como encargada da música. A obra poderá verse na seccion
Las nuevas olas. No ficción.
Amplía a nova>>
15/10/2020
Quince producións reparten as axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Agadic
A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 14 de outubro as quince producións que recibirán axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. A lista de iniciativas seleccionadas inclúe nomes coñecidos do noso cinema como é o caso de Juan Galinañes, que recibirá con Vaca Films 20.000 euros para desenvolver a súa vindeira longametraxe
Fatum, ao igual que Anxos Fazáns para
As liñas descontinuas, Ángel Santos para
Así chegou a noite,
Non, de Eloy Enciso, ou
Monstro, dirixida por Andrés Goteira.
.
Amplía a nova>>
13/10/2020
Curtocircuíto 2020 deixa un palmarés internacional moi enfocado nas linguaxes de vangarda
A 17ª edición de Curtocircuíto – Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela rematou este domingo deixando tras de si un intenso programa de máis de 80 películas proxectadas, cunha parte en liña a través da plataforma Filmin contribuíndo a manter nestes momentos o certame como punto de encontro da comunidade audiovisual internacional. Para o peche déronse a coñecer as decisións dos distintos xurados desta edición de Curtocircuíto e o palmarés de recoñecementos que manteñen a aposta pola contemporaneidade, o risco e a exploración formal que son premisa deste certame. O labirinto narrativo e poético da película
Vestiges (an archipielago), de Enar de Dios (Ourense, 1986) foi merecedor do Premio Planeta GZ á mellor película de produción galega, ademais a súa directora acadou o Premio CREA a mellor dirección galega. O xurado de Planeta GZ viu nela "unha película reveladora, que nos fala sobre as consecuencias da desintegración e a transformación do territorio a mans do ser humano", e consideraron que a súa autora "logra un persuasivo equilibrio entre a palabra e as imaxes logrando axitar e interpelar ao espectador de maneira contundente". .
Amplía a nova>>
13/10/2020
O Festival Cinespaña de Toulouse recoñece os filmes de Lois Patiño e Eloy Enciso
A 25 edición do Festival Cinespaña, que se celebra na cidade francesa de Toulouse, rematou este 11 de outubro cunha importante presenza galega no seu palmarés.
Lúa Vermella de Lois Patiño obtivo a Violeta de Ouro ao mellor filme desta edición, e foi ademais recoñecido co premio á mellor fotografía e cunha mención especial do xurado ao cineasta novo. Pola súa banda, Eloy Enciso obtivo unha mención especial do xurado na categoría de ficción polo seu traballo
Longa noite, que tamén foi recoñecido co mellor deseño sonoro..
Amplía a nova>>
09/10/2020
O Festival de Cine Europeo de Sevilla acollerá a estrea de 'Ons' de Alfonso Zarauza
Ons, a quinta longametraxe do cineasta compostelán Alfonso Zarauza, terá a súa premiere mundial no Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF), que se celebra do 6 ao 14 de novembro. Será en
Special Screen, unha nova sección competitiva que abre este ano o festival con 14 títulos que suman á súa calidade cinematográfica a vontade de chegar a un amplo número de espectadores. Será a votación do público a que decida este novo premio, dotado con 10.000 euros. Coa súa premiere no SEFF a longametraxe
Ons arranca o seu percorrido en festivais e o camiño cara á estrea en salas comerciais, prevista para comezos de 2021. Protagonizada por Melania Cruz e Antonio Durán ‘Morris’,
Ons é un drama con toques de misterio no que un matrimonio en crise, que trata de salvar a súa relación vivindo unha temporada na illa de Ons, cruza o seu destino co dunha muller sen memoria que aparece naufragada na praia. Completan o reparto Xúlio Abonjo, Marta Lado, Anaël Snoek, Miguel de Lira, Diego Anido, Montse Martínez e Cris Iglesias. .
Amplía a nova>>
07/10/2020
Asociacións profesionais da cultura denuncian trato discriminatorio fronte a outros sectores
Oito asociacións profesionais do sector cultural de ámbitos como o audiovisual, a música, a xestión ou as artes escénicas acaban de publicar un manifesto conxunto no que denuncian "un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión" ante a problemática derivada da pandemia de Covid-19. Segundo explican estes colectivos no texto, "a falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos, traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura"..
Amplía a nova>>
06/10/2020
O que arde é un dos tres filmes preseleccionados para representar España nos Oscar
A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España daba a coñecer na mañá deste 6 de outubro os tres filmes que preseleccionou para representar o Estado nos Oscar.
O que arde, dirixida polo galego Óliver Laxe é unha das seleccionadas para concorrer ao premio ao Mellor Filme Internacional na 93 edición dos celebérrimos galardóns de Hollywood. A produción compite con
La trinchera infinita de Aitor Arregi, Jon Garaño, Jose Mari Goenaga e
El hoyo de Galder Gaztelu-Urrutia. O vindeiro tres de novembro darase a coñecer cal das tres películas representa finalmente a España nos premios da Academia americana. Despois será este organismo o que selecciona as 5 propostas de todo o mundo entre as que se disputará o recoñecemento..
Amplía a nova>>
06/10/2020
O portal Fiestra achega o audiovisual aos centros de ensino
Co obxectivo de que o audiovisual forme parte da educación como unha ferramenta pedagóxica en educación infantil, primaria e secundaria ven de nacer Fiestra.gal, a plataforma dixital da Academia Galega do Audiovisual que fixo a súa presentación formal no marco do pasado OUFF. Este recurso que xa está en liña pon a disposición dos centros de ensino un catálogo de curtametraxes galegas seleccionadas especialmente polo seus valores educativos e de calidade artística. Cada unha das obras vai acompañada dunha serie de recursos didácticos cos que poder traballar nas aulas. O catálogo de obras de Fiestra, que actualmente conta con 10 pezas, foi seleccionado polo equipo de programación e asesoramento pedagóxico formado por Marcos Nine Bua, Jorge Rivero e Álvaro Dosil. Fiestra é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración do grupo de investigación Terceira Xeración da Universidade de Santiago de Compostela..
Amplía a nova>>