Novas | 831 a 840 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

06/10/2020
Ficción Producciones levará a Amazon Prime Video a biografía de Amancio Ortega

A plataforma Amazon Prime Video engadirá á súa oferta unha serie de oito capítulos sobre a traxectoria vital de Amancio Ortega, propietario de Inditex. A empresa galega Ficción Producciones, que xa traballara para a división audiovisual de Amazon coa serie 3 camiños será a responsable do proxecto, que se baseará na biografía Así es Amancio Ortega. El hombre que creó Zara de Covadonga O'Shea.. Amplía a nova>>

05/10/2020
O filme francés 'Deux' faise co premio á mellor película do OUFF

A 25ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF finalizou esta fin de semana deixando un palmarés repartido entre varias producións de todas as temáticas e orixes. O permnio calpurina á mellor película da sección oficial foi para a película francesa Deux, ópera prima de Filippo Meneghetti, que tamén conseguiu para unha das súas protagonistas, Barbara Sukowa, o premio á mellor interpretación (galardón que non discrimina as actuacións por xénero do intérprete). Dos outros sete premios que se reparten neste certame tres foron para a película documental Cartas mojadas, de Paula Palacios e producida por Isabel Coixet. A cinta incide na situación migracional irregular nas augas do Mediterraneo acompañando en parte da metraxe unha misión do buque Open Arms. O filme acadou unha mención especial do xurado da sección oficial, o Premio do Público e o Premio Cimá á mellor Cineasta para Paula Palacios. Na sección que recoñece a calidade das produción galegas a película de Paula Cons, La isla de las mentiras, acadou or Premio Xacobeo, coincidindo coa súa chegada ás salas de cine galegas esta mesma fin de semana. . Amplía a nova>>

02/10/2020
O Náutico de San Vicente recibe o premio de xestión cultural 'Rodolfo Prada'

O Náutico de San Vicente consegue chegar tamén terra adentro cos ecos da súa actividade musical e recibe o Premio "Rodolfo Prada" á xestión cultural 2020 da Deputación de Ourense "polo seu traballo a prol da difusión cultural e musical coa organización de actividades e concertos ao longo de todo o ano". O xurado tamén premiou a Ernesto Romero, responsable de Novocine de Leiro, unha sala que desde unha pequena vila mantivo un alto nivel de acción difusora e innovadora do audiovisual cinematográfico "polo valor que supón para o rural manter unha actividade cultural como a que desenvolve". O premio para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para a Asociación Cultural Platea Lúa, "pola creatividade e o labor que desenvolve nas súas visitas turísticas guiadas teatralizadas" que posibilitan recorrer a cidade de Ourense e outros espazos da man de figuras da Xeración Nós ou con outros motivos e guións históricos. O xurado salientou a elevada calidade dos candidatos presentados ao certame, que reparte un total de 6.000 euros en premios. Os galardóns, instaurados pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste intelectual ourensán, serán entregados o 7 de outubro no mosteiro de Santo Estevo, no marco da VI Ourense ICC Week. . Amplía a nova>>

01/10/2020
'La isla de las mentiras' chega ás salas de cine este venres

A película de Paula Cons La isla de las mentiras chegará este venres ás salas de cine de Galicia tras pasar por festivais coma o de San Sebastián, o Festival Internacional de Cine de Shanghái, o festival de Cans ou o Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF, no que arestora participa en sección oficial. A Sala NUMAX de Santiago acolle unha proxección de preestrea do filme coa presentación da súa directora, que ao remate da proxección compartirá un coloquio co público. O filme poderá verse en cines de Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Caldas, Ribeira, Carballo, Lugo e Vilagarcía. Protagonizado por Nerea Barros, Dario Grandinetti e Aitor Luna, o filme está inspirado no naufraxio do buque Santa Isabel fronte a illa de Sálvora en 1921 e homenaxea as mulleres que salvaron a vida de 48 persoas. La isla de las mentirasé unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. A película estrouse en España directamente na plataforma dixital Filmin o 24 de xullo, na que está dispoñible. . Amplía a nova>>

01/10/2020
A sala Numax recibe o premio Xela Arias polo seu apoio ao galego

O traballo da sala compostelá de cinema Numax a prol da lingua galega no audiovisual valeulle facerse co III Premio Xela Arias. A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación acordou outorgalle o seu premio anual a esta iniciativa a valorar que na súa programación "inclúense filmes en versión orixinal con subtítulos en galego que a propia empresa encomenda a profesionais da tradución". A Asociación destaca a importancia deste traballo "dada a falta de apoio por parte das institucións públicas á tradución cara ao galego de produtos cinematográficos noutros idiomas (tan necesarios para a normalización da nosa lingua) e a imposibilidade do público para asistir a filmes dobrados ou subtitulados en galego". Ademais, segundo destaca, "NUMAX respecta as profesionais dando visibilidade ás tradutoras e tradutores e facendo que o seu nome figure sempre nos créditos dos filmes".. Amplía a nova>>

30/09/2020
Amplíase o corpus de investigación audiovisual cos ensaios galardoados nos Premios María Luz Morales

A Academia Galega do Audiovisual entregou onte os premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, comunicando o fallo do xurado nun acto con xeito de gala no salón de actos da Deputación de Pontevedra, incluíndo unha actuación musical e co humorista David Amor como condutor do acto no que tamén participaron represetnantes das deputacións de Pontevedra, Lugo e Coruña así coma Ana Míguez, Presidenta da Academia Galega do Audiovisual . Alba Gallego, Ester García Mera, Iván Villarmea e José Manuel López son os gañadores da cuarta edición dos premios de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición seguiu medrando a participación respecto das edicións anteriores. Os catro traballos galardoados este ano súmanse aos dezanove traballos recoñecidos, incluíndo gañadores e áccesits, nas anteriores edicións, conformando un corpus de investigación en galego sobre o audiovisual moi valorado pola comunidade investigadora. Todos os traballos gañadores están xa dispoñibles na rede e na web da Academia Galega do Audiovisual.. Amplía a nova>>

25/09/2020
Recuperan a cor do documental Pontevedra, cuna de Colón

O 2 de maio de 1927 estreouse en Pontevedra o documental Pontevedra, cuna de Colón co que Enrique Barreiro seguía as famosas teses de Celso García de La Riega, que aínda contan con seguidores a día de hoxe, reivindicando a orixe galega de Colón. Pero o acontecemento foi excepcional por un motivo: foi a primeira película rodada en cor en España. O fotógrafo e cineasta Enrique Barreiro desenvolvera dous anos antes un método experimental para a filmación en cor, o Cromacolor, que empregou para este filme. Agora, a Filmoteca Nacional rematou o laborioso proceso de restauración cromática que permitirá ver o filme de novo coa súa cor orixinal. Para iso, os técnicos da Filmoteca Nacional tiveron que investigar a tecnoloxía e a óptica existentes na época e restituir a cor a 20.000 dos 30.000 fotogramas que forman o filme. O documental a cor poderase ver no Cine Doré (Madrid) o 1 de outubro, así como na canle de Vimeo da Filmoteca Española. O 27 de outubro proxectarase no CGAI. . Amplía a nova>>

25/09/2020
Quiosco: Cadernos FICBueu 1

Cun monográfico sobre as curtametraxes do movemento frances da Nouvelle Vague o Festival Internacional de Cinema e Bueu (FICBueu) estrea a súa propia publicación. Cadernos FICBueu nace coa intención de dar a coñecer ao público as investigacións que se realizan para a propia documentación do evento. Nesta primeira entrega, co título de A Nouvelle Vague a través das súas curtametraxes (1956-1965) achégase o traballo que realizou Severiano Casalderrey sobre esta cuestión para a Sección Retrospectiva da edición 2019 do evento. Co texto quéreselles dar "protagonismo a obras de difícil acceso para o público pero con grande valor histórico no desenvolvemento do cinema e do formato curtametraxe", segundo explica a presentación da obra. . Amplía a nova>>

24/09/2020
Curtocirtuíto reforza a súa aposta galega na nova edición

O Concello de Santiago acollía na mañá deste 24 de setembro a presentación do décimo sétimo Curtocircuíto. O festival audiovisual incrementa a súa aposta polo cinema galego nunha edición na que tamén colle peso a programación en liña. Malia a contar cun programa reducido, o evento mantén as seccións Planeta GZ, dedicada a cineastas do país e mais Supernova, orientada a novos talentos do audiovisual. Como novidade, XX_Novas Creadoras quere explorar o traballo que toda unha xeración de mulleres novas está a desenvolver neste campo no noso país. . Amplía a nova>>

23/09/2020
Noventa filmes danse cita no 25 aniversario do OUFF

Entre o 25 de setembro e o 3 de outubro Ourense acollerá preto de 90 proxeccións dos filmes que fan parte do vixésimo quinto Festival Internacional de Cinema de Ourense. O OUFF presentaba esta 22 de setembro o seu programa, que transcorrerá entre o Teatro Principal, o Auditorio, as salas do Pontevella e o Cineclube Padre Feijóo”. O programa botará a andar con sabor ourensán ao estrear o filme Olvido y León de Xavier Bermúdez. A clausura tamén terá protagonismo ourensán coa estrea de Luarada, de Óscar Doviso, que estará acompañada pola curtametraxe Non me espera ninguén con Isabel Blanco e Antonio Durán Morris.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org