Novas | 811 a 820 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

03/11/2020
Margarita Ledo, Alfonso Zarauza e Javier Gutierrez premios Cineuropa 2020

A 34ª edición do Cineuropa afronta un ano complicado coa determinación de manter a súa "medula central", en palabras do seu director José Luís Losa, que volve este ano tomar o timón tras a ausencia en 2019. Hoxe celebrouse no Concello de Santiago a presentación do evento que se celebrará entre o 6 e o 22 de novembro en catro salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX e Sala Mozart do Auditorio de Galicia). Ata 95 películas se proxectarán este ano na cita que recolle unha seleccións dos palmarés dos principais festivais internacionais europeos deste ano, ofrecendo máis primicias nacionais que nunca. Na presentación déronse a coñecer os nomes dos premiados cos recoñecementos honoríficos deste ano. A cineasta militante da loita pola memoria e o rol feminino na historia do noso pais Margarita Ledo, que ademais este ano presentará a súa nova obra Nación. Tamén é premiado o actor de adopción ferrolá Javier Gutiérrez, que xa conta con dous premios Goya no seu haber; e o director e guionista Alfonso Zarauza, que recibirá o Premio no acto de clausura do Festival, que coincide coa estrea do seu filme Ons.. Amplía a nova>>

02/11/2020
O festival INTERSECCIÓN e o Curtas-Festival do Imaxinario reparten os seus premios

O pasado sábado 31, tivo lugar o acto de clausura do festival, INTERSECCIÓN - Festival de Arte Audiovisual Contemporánea coa entrega de oito premios na que foi a súa primeira edición con seccións competitivas e na que maior protagonismo tivo a creación galega. Esa presenza tamén se viu reflectida no palmarés xa que, ademais dos cinco premios repartidos na Sección Galicia tamén o filme de Antía Carreira Ola baby (Video-ensaio sobre a miña depresión) acadou o Premio Resorte, polo que competían as pezas da Sección Escolas. Na Sección Galicia o Premio Númax consistente na exhibición na sala compostelá da obra gañadora durante unha semana, foi para Judith Adataberna por Inside the Microtubule, a obra foi tamén merecente do Premio A Colectiva pola "habilidade e a sutileza na hibridación dos distintos formatos que combina a peza, pola mestura de documentos e gravacións reais e experimentais co formato documental", entre outros motivos ; o Premio Contemporánea, outorgado pola Asociación de Galerías de Arte Contemporáneo de Galicia, foi para Berio Molina e Alexandre Cancelo por -oito; o Premio Xurado Novo desta sección foi para La bouche, promèner, non, non, non de Acacia Ojea e por último, o público outorgou a David Fidalgo o Premio do público da Sección Galicia pola peza de animación Reality. Ademais diso o xurado da Asociación Sindical Galega de Guionistas, decidiron dar o Premio AGAG ao Mellor tratamento de proxecto a Lara Curto, por Lluny e na sección Contemporánea, o Premio Xurado Novo foi para Manuel Saiz por (SUBTÍTULOS) saber sin estudiar "pola indagación nun elemento que habitualmente pasa desapercibido no filme, por inverter orixinalmente a orde dos elementos da imaxe e pola execución textual e visual".. Amplía a nova>>

02/11/2020
A celebración do Día das Letras deixa na rede novos contidos sobre Carballo Calero

As máis recentes medidas para coutar a pandemia de Covid-19 no noso país levaron á cancelación a última hora de grande parte dos actos centrais de homenaxe a Carballo Calero polo Día das Letras. Así, a Real Academia anulou o pleno extraordinario que tiña previsto celebrar na honra do autor este sábado 31 de outubro logo de o trasladar de Ferrol á Coruña polo mesmo motivo. Tampouco a lectura continuada da novela Scórpio, convocada en Compostela para o día 30 se puido realizar, sen que polo momento haxa novas datas para estes eventos.. Amplía a nova>>

30/10/2020
'Lúa Vermella' de Lois Patiño chega hoxe ás salas de cine

Ata en nove localidades galegas se poderá ver hoxe á estrea en salas da película Lúa Vermella, do cineasta Lois Patiño. O filme estrease este venres en cines tras o seu paso por festivais e a súa estrea galega no recente Curtocircuíto. A película, cuxa inicial estrea en abril viuse truncada pola pandemia, chegará desde hoxe a 18 localidades de toda España, a metade delas en Galicia. Salas de A Coruña, Vigo, Santiago, Lugo, Ferrol, Marín, Monforte, Carballo e A Estrada acollerán esta película que obtivo a Biznaga de Plata á Mellor Película Española na Sección ZonaZine do 23 Festival de Málaga e o Premio á Mellor Película na 25ª edición do Festival Cinespaña de Toulouse. Lois Patiño volve en Lúa vermella a escribir e dirixir unha historia situada nunha localidade costeira, como xa fixera con Costa da Morte (2013) a súa primeira longametraxe pola que obtivera o premio no festival internacional de Locarno á mellor dirección emerxente. Nesta nova película Patiño usa do mundo dos mitos e lendas populares para contar unha fabulación sobre unha vila costeira na que os seus habitantes están paralizados coma suspendidos no tempo, tres mulleres chegan ao pobo e teñen que manexarse con esta situación. A historia está protagonizada por Ana Marra, Carmen Martínez e Pilar Rodlos. . Amplía a nova>>

29/10/2020
Máis dun milleiro de persoas participaron das actividades en liña do 17º Curtocircuíto

O festival internacional de cine Curtocircuíto ven de dar a coñecer o balance da que foi a súa 17ª edición celebrada do 3 ao 11 de outubro pasados. Cun modelo adaptado que mesturaba as actividades e proxeccións presenciais para un número de público limitado, coa retransmisións en liña e unha parte da programación a disposición do visionado particular na plataforma Filmin, o festival proxectou máis de 80 películas, organizou 6 actividades en liña con profesionais de todo o mundo e celebrou 4 concertos e performances audiovisuais. A capacidade de convocatoria virtual do 17º Curtocircuíto queda reflectida como un éxito en base aos datos que a organización achega, destacando o feito de que ao redor de 1.200 persoas participaron nas diferentes actividades en liña e en Filmin, sede online do festival nesta edición, reuniuse a preto de 11.000 espectadores durante os 9 días do festival, cunha proposta de películas que incluían a Sección Oficial (RADAR e EXPLORA), Penínsulas e o Foco Dennis Hopper. Desde o Curtocircuíto sinalan a importancia do éxito de convocatoria "nun formato que, sen dúbida, chegou para quedar".. Amplía a nova>>

28/10/2020
O sector cultural segue entre os máis castigados economicamente pola pandemia en todos os indicadores

O Consello da Cultura Galega ven de facer público o informe “Conxuntura estatística do ámbito cultural. Outubro de 2020” elaborado polo seu Observatorio da Cultura, o segundo que reflicte as consecuencias directas da pandemia e as restricións sobre as industrias culturais. A primeira conxuntura publicouse no mes de xuño e os principais resultados dese informe confirmaban un parón importante na creación de empresas culturais e, principalmente, o impacto negativo que tivo sobre o emprego neste caso o Observatorio da Cultura asegura que superado o confinamento, o sector da cultura mantivo unha pequena recuperación pero está lonxe dos niveis anteriores ao inicio da pandemia. Esta conxuntura vén reforzar algunhas das situacións analizadas nese primeiro Barómetro da Cultura Galega do mes de xullo onde, á marxe de coincidir en describir unha situación xeral negativa no tecido produtivo da cultura, constatouse unha vulnerabilidade especial das empresas pequenas e das que desenvolven actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais que teñen as peores expectativas.. Amplía a nova>>

28/10/2020
Culturgal mantén datas pero muda completamente o formato habitual

A celebración da feira Culturgal 2020 mantense na axenda do ano para os vindeiros 27 a 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, pero non se puido evitar que as actuais circunstancias e os niveis de restricións sanitarias afectaran ao seu desenvolvemento. Desde a organización da feira veñen de comunicar que o evento terá que prescindir da habitual presenza de postos no recinto feiral de Pontevedra, mudando completamente o seu formato habitual, baseado na presenza no recinto da oferta cultural e a asistencia do público. O evento disporá, aínda así de 5 escenarios de programación de presentacións e actos, que estarán distribuídos polo edificio do pazo da Cultura e que acollerán unha programación que será retransmitida en liña, ademais de poder ser presentada ante o público permitido nas medidas que nese momento estean vixentes. Así dentro do recto habitual estará situado o escenario dedicado o libro e ao público infantil; na Sala de Exposicións se levarán a cabo as actividades do Foro; a música e o teatro terán o espazo Escena no Auditorio, mentres que o audiovisual presentarase no Salón de Actos, neste último espazo sen retransmisión en liña. O cambio a estes termos do formato implicou para organización da feira un intenso traballo de comunicación coas empresas e entidades que reservaran o seu posto este ano. A organización traballou desde agosto na redución porcentual de capacidade presencial en base á á previsión de que tras o pico do comezo de outono, a situación sanitaria estabilizaríase cara novembro-decembro, cousa que claramente non está a ocorrer. As medidas sanitarias establecen capacidades máximas a día de hoxe, para espazos pechados de 60 persoas (100 cunha autorización especial da Xunta). A feira das industrias culturais reunía o pasado ano 14.000 persoas na súa XIIª edición. . Amplía a nova>>

22/10/2020
As novas restricións sanitarias inciden nos eventos culturais

As restricións sanitarias que entraron en vigor na media noite deste 22 de outubro e que limitan os encontros sociais a grupos de só cinco persoas en todo o país afectan tamén a diferentes actividades culturais. Deste xeito, as medidas establecidas polas autoridades sanitarias marcan reducións ata o 50% na asistencia ás actividades que se desenvolvan en "bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais". Mentres, as actividades grupais que se desenvolvan nestes espazos fican en só 5 asistentes, a incluír guía. Amplía a nova>>

22/10/2020
A XXI Mostra de Curtas de Noia ábrese ao teatro

Coa proxección das versións audiovisuais das montaxes Eroski Paraíso e de Somos Criminais a celebración da XXI Mostra de Curtas de Noia ábrese ao teatro. O encontro desenvólvese desde o 22 de outubro ao 1 de novembro e celebrará a proxección dunha corentena filmes na súa sección oficial, a incluír producións de Macedonia, Francia, España, Colombia, Grecia, México ou Arxentina. O actor Tristán Ulloa será recoñecido co Premio Honorífico do certame nesta edición, e recibirá o galardón no transcurso da gala prevista para a noite do 31 de outubro. . Amplía a nova>>

20/10/2020
INTERSECCIÓN ofrece perspectivas heteroxéneas sobre a arte audiovisual contemporánea

O Festival de Arte Audiovisual Contemporánea INTERSECCIÓN celebrará a partires do vindeiro 28 de outubro e ata o 1 de novembro a súa terceira edición na Coruña. Este encontro preséntase coma un espazo de visibilidade para creadoras audiovisuais innovadoras que pretenden mostrar a diversidade formal e conceptual no panorama das prácticas artísticas e audiovisuais contemporáneas. Mantendo a súa perspectiva de cita internacional INTERSECCIÓN porá este ano o protagonismo no audiovisual galego chegando a proxectar as obras de máis de vinte artistas de Galicia xunto ás de artistas internacionais de Portugal e Croacia. A Fundación Luís Seoane e o espazo NORMAL acollerán este evento que presentará nesta ocasión trece estreas mundiais e cuxa programación se organizará en tres apartados: as seccións Galicia e Contemporánea, propoñen unha programación que está dedicada a artistas galegas. Por outra banda, a sección Escolas mostra a obra de artistas emerxentes galegas e doutras nacionalidades. O festival pon tamén o acento en tres focos: o da portuguesa Tatiana Macedo, Juan Lesta e Belén Montero, do colectivo DSK e a retrospectiva do audiovisual croata. Ademais o festival contará con performances e con actividades profesionais e encontros nos que participan artistas invitadas e asociacións coma A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia), AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización).. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org