Novas | 801 a 810 de 4282

<< Anterior Siguiente >>

23/11/2020
Os XLIII Premios da Crítica de Galicia celebraron a excelencia da cultura do país

A Asociación Premios da Crítica de Galicia cumpriu este sábado coa súa tradición anual de entrega de recoñecementos da excelencia na que é xa a XLIIIª edición destes galardóns creados en 1978. Os xurados das oito categorías estiveron constituídos este ano por 56 persoas dos distintos eidos da vida cultural galega que participaron nesta toma de decisións sobre as propostas presentadas por editoras, produtoras e outras entidades culturais, para as que este ano se instauraron as video-reunións como formato axeitado ás circunstancias. Con todo, a sala de conferencias do centro social Afundación de Vigo servía para levar a cabo dun xeito presencial esta cerimonia de dar a coñecer os distintos destinatarios dos premios de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. Bieito Ledo e Manuel Bragado, presidente e secretario da asociación respectivamente, foron os encargados de ir dando a coñecer as decisións dos xurados para cada unha das modalidades. O acto de lectura das actas e comunicación de premiados fíxose en directo en video en liña e está recollido na canle de YouTube deste premios. . Amplía a nova>>

20/11/2020
Culturgal presenta un programa de 70 actividades con 60 horas de retransmisión

Victor López, presidente da Culturgal, Xosé Aldea, director da feira, Jacobo Sutil, director da Agadic, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, e Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial, daban a coñecer na mañá deste 20 de novembro o programa da nova edición de Culturgal. A Feira das Industrias Culturais Galegas presentou uns contidos que, na súa maior parte, serán accesibles en liña entre o 27 e o 29 deste mes, cun total de 70 actividades e preto de 20 horas de emisión en cada unha das tres canles temáticas simultáneas dedicadas á edición, a escena e a música. De calquera xeito, pódese participar de xeito presencial na feira, con prazas limitadas e medidas adaptadas á situación sanitaria. Segundo destacou na presentación Jacobo Sutil "Culturgal é punto de inflexión no ano en curso e no que vén, polo que non podía deixar de facerse",mentres a Carmen Fouces apuntou que "Non hai pandemia que poida coa Culturgal".. Amplía a nova>>

20/11/2020
Carlos Ares e Mamen Quintas primeiros axentes culturais en declarar ante a Comisión de Reactivación do Parlamento

O Parlamento de Galicia reunía onte a Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19. Se ben a sesión matinal estaba dedicada a comparecencias sobre a educación con, entre outros, os reitores das tres universidade galegas, na tarde foron convocados axentes do sector cultural para poñer ante as súas señorías as súas situacións e propostas. Mamen Quintas, xerente da produtora audiovisual independente Ficción Producciones, e Carlos Ares ex-presidente da Academia Galega do Audiovisual, socio da produtora Zopilote e guionista fixeron as súas exposicións e contestaron as preguntas das representantes dos partidos da cámara. Nos dous casos as comparecencias facíanse a representación individual, xa que, malia que Ares estaba substituíndo a Berta Ojea, que non puido acudir en representación da Unión de Actores, pero no seu caso non pertencía a esa organización nin actuaba de xeito delegado de ningunha concreta, coma el mesmo quixo aclarar. A súa exposición fóra, iso si, elaborada con múltiples achegas de diversos axentes do sector cultural a nivel persoal ou asociativo, traendo as súas voces e reclamacións ante a mesa da Comisión parlamentaria.. Amplía a nova>>

19/11/2020
Dous festivais de cine desenvolveranse en Lugo en paralelo este mes

A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, adiada por mor da situación sanitaria, regresará á cita anual co público cinéfilo na súa 42ª edición do 23 ao 28 de novembro. Será a través dunha carteleira de máis de 100 longas e curtametraxes procedentes dunha ducia de países, que poderán verse en seis espazos da cidade: Auditorio Gustavo Freire, Salón de Actos da Deputación, o Museo e a Biblioteca provinciais, o Vello Cárcere e o Vicerreitorado da Universidade. A sección de Cine Galego contará con 28 filmes. Luis Tosar e a protagonista de O que arde, Benedicta Sanchez recibirán sendas homenaxes que inclúen as proxeccións da película de Óliver Laxe e de Quien a hierro mata, protagonizada por Tosar. O paseo do Cine inaugurado o pasado ano ampliarase cunha placa co nome do propio Tosar e outra en homenaxe á actriz Carmen Correa. Coma novidade o festival ofrecer tamén sesións de cine nos locais de Aspnais e fóra de Lugo nas prisións de Bonxe, Monterroso e Teixeiro, unha iniciativa para a que contan coa colaboración da asociación Concepción Arenal e de Institucións Penitenciarias. . Amplía a nova>>

17/11/2020
As curtametraxes de Alberto Vázquez e Álvaro Gago entran na carreira polos Goya

A comisión de curtametraxes dos Premios Goya 2021 ven de seleccionar as pezas que poden ser votadas polos membros da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España para optar coma finalistas na vindeira edición dos galardóns. Entre os dez títulos propostos na categoría de animación está o novo traballo de Alberto Vázquez, Homeless Home, estreado este ano no festival francés de Annecy no que obtivo o premio do xurado. Esta é a sexta curtametraxe do animador galego, que xa gañou dous Goya en 2017 na categorçía de curtametraxes de animación por Decorado e na de longametraxes de animación por Psiconautas. Os nenos esquecidos. mantén a estética escura e fantástica de outros traballos de Vázquez e conta a historia dun triángulo amoroso entre unha bruxa, un orco e un ogro coma escusa para abordar o tema da volta á terra de orixe de moitas persoas debido á crisis económica. . Amplía a nova>>

16/11/2020
O Carballo Interplay xa non sae da rede este 2020

As restricións sanitarias e as medidas de afastamento social levaron á organización do Carballo Interplay a plantear unha realización completamente virtual deste evento que, xustamente pon o foco sobre as realizacións feitas para as redes dixitais. Todo o programa de actividades, encontros e mostra de producións que este ano se presentan neste evento desde a localidade de Carballo entre os días 18 e 21 de novembro terán Internet como punto de encontro exclusivo. Mentres outros festivais audiovisuais propuxeron formatos mixtos entre o presencial e o virtual, Carballo Interplay ten na rede o seu punto de partida natural e úsao de base fundamental ausente de riscos neste momento. O programa a través das tres diferentes seccións competitivas (VO Galego, Internacional e Estatal) ofrece en total máis de trinta producións con participación chegada de ata 14 países. Sete series en galego poderán verse este xoves 19 dentro da súa competición, Ademais haberá diversos encontros virtuais dentro do programa que tratarán, entre outros, temas como a presenza da muller no mundo dos videxogos, as etapas e xeracións dentro das creacións para YouTube en Galicia, o uso e consumo de podcasts en galego e mesmo a propia circunstancia da virtualidade dos eventos será obxecto dun encontro, Os festivais en tempos de distancia social e multipantalla no que participarán Ana Domínguez (S8), Ángel Sánchez (Play Doc) e Sonia Méndez (Carballo Interplay). Cada actividade e proxección ten asignado un horario e unha dirección no programa, que se pode consultar na web do festival.. Amplía a nova>>

16/11/2020
Margarita Ledo premio á mellor dirección de película española en Sevilla por 'Nación'

A estrea mundial da longametraxe Nación no Festival de Cine Europeo de Sevilla tivo coma resultado o primeiro galardón para esta produción. O xurado do festival decidiu outorgar á realizadora o filme, Margarita Ledo Andión, o Premio Especial á mellor dirección de película española que fixera estrea nacional ou mundial nesta edición do festival sevillano. Do filme o xurado valora a complexidade do traballo de investigación que supón "a favor da memoria das mulleres galegas que traballaron nas fábricas da incipiente modernización do século XX, e despois sufriron as consecuencias da reconversión industrial". Ademais sinala sobre a factura da realización galardoada como a súa "delicada aproximación a través da documentación e da reconstrución do imaxinario do entorno, do contexto e das súas vidas encárnase a través do retrato de varias mulleres, verdadeiras protagonistas do relato". O xurado fai especial mención do tratamento sonoro da película, que consideran crucial para afirmar "o impresionante valor das imaxes que compoñen o documental", conclúen. Margarita Ledo recibe tamén estes días o Premio de honra de Cineuropa en Santiago, onde ademais se proxecta Nación.. Amplía a nova>>

13/11/2020
'La isla de las mentiras' seleccionada a competición no festival internacional chinés Golden Rooster

Xa vai a pola súa sexta semana en salas de cine e a película de Paula Cons segue co seu percorrido internacional por festivais. Neste caso a longametraxe protagonizada por Nerea Barros e Darío Grandinetti que reconstrúe os sucesos ocorridos na Illa de Sálvora en 1920 co naufraxio do Santa Isabel ven de entrar na selección de competición oficial dentro da sección de Cine Extranxeiro da 33ª edición do festival chino Golden Rooster Awards, que se celebrará entre o 25 e o 28 de novembro na cidade de Xiamen. La isla de las mentiras volve así ao país onde tivo a súa estrea mundial dentro da competición oficial no Festival Internacional de Cine de Shanghai en xullo. A estrea en exhibición tivo que realizarse en xullo a tra´ves da plataforma Filmín, onde a longametraxe está aínda dispoñible. O festival chinés Golden Rooster Awards é unha acción paralela á entrega destes premios propios da industria audiovisual chinesa que reúnen ao máis salientable do sector do país oriental. La isla de las mentiras está rodada en castelán e dispón de dobraxe ao galego.. Amplía a nova>>

13/11/2020
Teo Cardalda nomeado presidente da SGAE en Galicia

Teo Cardalda (Vigo, 1962) exercerá a representación da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) en Galicia á fronte dun Consello Territorial onde tamén están outros músicos e representantes do audiovisual. O coñecido músico fundador de Golpes Bajos e Cómplices foi designado pola recentemente elixida xunta directiva da SGAE para ser o presidente do Consello Territorial sucedendo a Juan Rivas e Rodrigo Romaní no cargo. Cardalda xa formara parte anteriormente dos órganos de goberno da SGAE na Xunta Directiva e foi vicepresidente de Pequeno Dereito da entidade. No órgano territorial da sociedade de xestión de dereitos está tamén presente o músico Miguel Costas, fundador de Aerolíneas Federales e Siniestro Total, entre outros proxectos musicais, Alberto Gallardo e Raquel Rodríguez Fernández. Coma representantes do colexio audiovisual entran neste consello territorial galego o guionista Víctor Sierra e o compositor Sergio Moure. A SGAE ten a a súa sede galega en Santiago de Compostela. . Amplía a nova>>

10/11/2020
Oliver Laxe recibe o Premio especial do Festival Márgenes de Madrid

O cineasta Oliver Laxe recibirá o Premio Especial Márgenes al Cine Independiente que se concede no marco de la décima edición del certame Márgenes de Madrid. Desde a organización do festival sinalan un paralelismo entre a carreira do director de O que arde e o propio festival. Mimosas, foi a película inaugural da sexta edición do certame. Con este galardón o festival que render "un merecido tributo a un cineasta imprescindible cuxa obra, repleta de beleza e intensidade, entronca coa de outros grandes heterodoxos e nos reconcilia, dalgún xeito, co cine entendido como un feito cultural e artístico afastado do mero entretemento", din. Nesta Xª edición do Festival Márgenes tamén estará presente o audiovisual galego a través das proxeccións da curtametraxe gañadora do premio mestre Mateo en 2017, Einstein-Rosen de Olga Osorio (2016) na sección Márgenes Lafamily e das máis recentes producións Ons de Alfonso Zarauza (2020) e Nación de Margarita Ledo (2020).. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org