Margarita Ledo, Alfonso Zarauza e Javier Gutierrez premios Cineuropa 2020

A cita santiaguesa co cine farase en formato exclusivamente presencial en catro espazos da cidade

A cita santiaguesa co cine farase en formato exclusivamente presencial en catro espazos da cidade
Cartel do 34 Cineuropa
A 34ª edición do Cineuropa afronta un ano complicado coa determinación de manter a súa "medula central", en palabras do seu director José Luís Losa, que volve este ano tomar o timón tras a ausencia en 2019. Hoxe celebrouse no Concello de Santiago a presentación do evento que se celebrará entre o 6 e o 22 de novembro en catro salas da cidade (Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX e Sala Mozart do Auditorio de Galicia). Ata 95 películas se proxectarán este ano na cita que recolle unha seleccións dos palmarés dos principais festivais internacionais europeos deste ano, ofrecendo máis primicias nacionais que nunca. Na presentación déronse a coñecer os nomes dos premiados cos recoñecementos honoríficos deste ano. A cineasta militante da loita pola memoria e o rol feminino na historia do noso pais Margarita Ledo, que ademais este ano presentará a súa nova obra Nación. Tamén é premiado o actor de adopción ferrolá Javier Gutiérrez, que xa conta con dous premios Goya no seu haber; e o director e guionista Alfonso Zarauza, que recibirá o Premio no acto de clausura do Festival, que coincide coa estrea do seu filme Ons.

A excepcionalidade do ano ten efectos á hora de reducir os espazos e tamén de simplificar o programa deste Cineuropa ata a súa esencia, renunciando nesta ocasión de xeito excepcional a retrospectivas e seccións paralelas. Ademais os protocolos sanitarios e as restricións de público en salas, arestora de ata 30 persoas en cada pase, tamén serán condicionantes deste Cineuropa 2020 polo que Losa advirte que a capacidade de consumo de cine será “inhabitual” respecto a anos anteriores avanzando que o público terá que ser "comedido" na súa asistencia a proxeccións. As entradas sairán á venda en períodos semanais. A diferencia de outros festivais audiovisuais, Cineuropa non ofrecerá contidos en liña o que limitará o seu alcance en termos de público, o director do evento xustificou a total presencialidade das proxeccións ante a imposibilidade de que as distribuidoras das películas, que aínda están no seu percorrido comercial por festivais, se puidesen mostrar en liña de xeito aberto. José Luis Losa ademais incidiu que esta era unha edición que reivindica a asistencia ao cinema como a volta ao mundo real. O ciclo 'Cine dentro del cine' incidirá nesa idea.

Encontros con cineastas
O case centenar de filmes desta edición está organizado nun total de doce seccións: as xa habituais Sección Oficial Europea, Panorama Internacional, LatidoAmericano, Docs Cineuropa, Fantastique Compostela, Panorama Audiovisual Galego, Dereitos Humanos e Cineuropa Miúda; e outras que son novidade, como Morricone, ese descoñecido, A última película. O Cinema no cinema, Cinefilias. Exploración do cinema clásico (que inclúe unha sesión dedicada ao centenario dos cineastas Federico Fellini e Alberto Sordi), e Novos Realizadores. Corenta e nove filmes de cinco continentes competirán polo Premio do Público que decidirán os espectadores coas súas votacións, nunha edición na que as normas sanitarias impoñen un novo sistema de voto a través de código QR . No relativo a actividades ue completarán o programa de exhibición, estas si poderán ser seguidas en liña ou presencialmente e consistirán en encontros cos cineastas premiados, Ledo e Zarauza ademais dunha mesa debate con catro novas cineastas galegas, que conversarán sobre a situación da produción cinematográfica do noso país desde una perspectiva de xénero.Margarita Ledo tamén será a encargada de facer unha presentación do libro Para unha historia do cinema en lingua galega, volume 3. De illas e sereas (editorial Galaxia, 2020), do que foi coordinadora.
Ligazóns