Novas | 721 a 730 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

07/01/2021
Un proxecto recolle a importante achega de Xosé Vizoso en Sargadelos

Coma unha homenaxe e recoñecemento ao traballo feito por Xosé Vizoso xunto a Isaac Díaz Pardo en Sargadelos desde 1968, a produtora Arraianos, co apoio da Deputación provincial da Coruña ven de presentar un proxecto na rede sobre o artista. Poñendo o foco na traxectoria do mindoniense, na súa achega ao éxito de Sargadelos como creador e deseñador e na variedade da súa obra en diferentes formatos, o web saca da sombra de Isaac a este artista fundamental e sempre presente nos pasados 50 anos da cultura galega. Ademais, dentro deste web inclúese un proxecto pedagóxico multimedia polo cal Arraianos en colaboración de tres centros educativos de Brión e Santiago de Compostela, están a organizar actividades arredor da exposición itinerante de carteis de Xosé Vizoso e levaron a cabo unha entrevista gravada en vídeo co propio Vizoso feita polo alumnado do IES Rosalía de Castro de Santiago e dirixida por Aser Álvarez baixo a coordinación didáctica do profesor Alberto Sacido, entrevista que á vez fai parte dun documental.. Amplía a nova>>

28/12/2020
A perda do polifacético Lino Braxe tinxe de loito a cultura

A morte temperá de Lino Braxe comunicada o día Nadal, caeu coma chumbo sobre a comunidade da cultura galega, que non terá xa moi bo recordo deste 2020. Braxe (Mugardos, 1962-A Coruña, 2020) falecía aos 58 anos tras unha fecunda vida artísticas desenvolvendo ao seu talento e sensibilidade a través de moi diferentes manifestacións artísticas, coa poesía sempre coma luz de guía. Escritor, actor, dramaturgo, director de escena, artista plástico e músico, Lino Braxe formou parte da prolífica xeración poética dos anos 80, xunto con Manuel Rivas, Lois Pereiro e Miguel Anxo Fernán-Vello entre outros, comezando a publicar dentro dos volumes colectivos De amor e desamor. I e II, publicados por Ediciós do Castro en 1984 e 1985, o mesmo ano no que comezou a súa andaina no teatro profesional coa Compañía Luís Seoane. Ao anuncio do seu pasamento, feito público desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na que dirixía o grupo teatral, seguiu unha conmoción no mundo das letras e da escena expresada a través de redes sociais e publicacións por actores, actrices e literatos. Nas páxinas da revista LUZES, da que foi fundador, Manuel Rivas escribía o artigo Lino Braxe, o Ulises de Mugardos, no que di na súa lembranza do amigo ausente: "Lino vivía na borda, sempre a barlovento. Sentías o mesmo latexo, o abaneo, cando o que apertaba era a dirección do máis ambicioso Hamlet feito en Galicia ou cando escribía un artigo sobre a vida nos campamentos do éxodo saharauí. Cando recitaba e cantaba n’A caricia da serpe que cando facía dobraxe para unha serie ou de pirata para unha peza infantil. Cando adaptou de xeito memorábel para a radio a obra dramática de Álvaro Cunqueiro que cando afrontou rodaxes dun cinema galego en condicións de total intemperie." . Amplía a nova>>

23/12/2020
Chega a Youtube Xan, webserie gañadora do Pitching de Carballo Interplay

A webserie Xan, que fora galardoada no Carballo Interplay de 2019 como un dos mellores proxectos neste formato, está xa a chegar a Youtube. A comedia que narra as aventuras dun millenial que ten o curioso superpoder de non dicir nada, ten xa na rede os seus tres primeiros episodios. A viguesa Lucía Estévez dirixe esta produción que se estreou na última edición de CIP, o pasado mes de novembro.. Amplía a nova>>

21/12/2020
Eléonore Weber, Illum Jacobi e Salka Tiziana encabezan o palmarés de Novos Cinemas

A quinta xeira do festival Novos Cinemas fechaba este 20 de decembro dando a coñecer o seu palmarés. Il N'y aura plus de nuit, de Eléonore Weber, foi seleccionada polo Xurado Internacional, formado por Elena Duque Viña, Pela del Álamo Herrera e Nuria Giménez Lorang, para recibir o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial. O filme obtivo ademais unha mención do Xurado Novo. O premio deste comité á mellor dirección da Sección Oficial foi para Illum Jacobi polo seu traballo en The Trouble with Nature. O xurado da crítica, pola súa banda, outorgou o seu premio a Tal día hizo un año de Salka Tiziana.. Amplía a nova>>

21/12/2020
O fin da verdade obtén o Premio Daniel Domínguez de guión

A Asociación Sindical Galega de Guionistas daba a coñecer na mañá deste 21 de decembro o fallo do seu II Premio de Guión. O xurado recoñeceu o texto O fin da verdade, escrito por Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras "pola súa valentía á hora de percorrer camiños pouco transitados no audiovisual galego, apostando polo xénero". A obra "desenvolve con intelixencia e solidez unha premisa de ciencia ficción que atrapa desde o primeiro momento, mantendo a tensión ata o final da historia", segundo sinala o fallo. Os gañadores recibirán 2.500 euros en metálico e unha subscrición de seis meses ao mercado online Filmarket Hub. Tamén recibirán esta segunda recompensa os traballos finalistas, A flote, de Jose Veiga e mais (Os) Anxos, de Marcos Méndez Moreira.. Amplía a nova>>

21/12/2020
A Mesa e Agasallo.eu achegan propostas de presentes para as festas

Como é habitual por estas datas, a Mesa pola Normalización Lingüística publica o seu catálogo de Nadal no marco da campaña Abertos ao Galego. Co obxectivo de promover o consumo de produtos e negocios que apostan polo noso idioma, a publicación en liña achega unha ampla selección de potenciais agasallos para estas festas. Libros, discos, artesanía, audiovisual ou produtos alimentarios compleméntanse con experiencias, cuidado corporal, estadías de turismo rural ou servizos de empresas de diferentes tipos. . Amplía a nova>>

17/12/2020
A película 'Ons' estréase este venres en 16 salas de cine

A longametraxe Ons, dirixida Alfonso Zarauza e protagonizada polo Antonio Durán "Morris" e Melania Cruz, chega este venres ás salas de cine comerciais. O filme estreouse o pasado novembro no Festival de Cine Europeo de Sevilla e pasou tamén polo festival Cineuropa de Santiago, onde o seu director recibiu un premio de honra. Ons chegará este venres a 16 cines de 11 localidades. En Galicia estará dispoñible en A Coruña (Marineda, Cantones, Yelmo Rosales); Vigo (Gran Vía, Yelmo Vigo); Lugo (Códex, As Termas); Santiago (NUMAX, As Cancelas); Ferrol (Dúplex); Pontevedra (Teatro Principal); Caldas de Reis (Avenida); Marín (Cine Seixo); A estrada (Multicines central). Ademais a película estrearase tamén en Madrid (Renoir Plaza España) e Barcelona (Boliche). Tras esta primeira semana de pases a longametraxe galega proxectarase tamén en Palma de Mallorca (Cine Ciutat) e Narón (Odeón Narón).. Amplía a nova>>

17/12/2020
A iniciativa Goxo de pano fino reúne poetas da Mariña e de Asturias

A canle web da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ten xa publicado o primeiro dos doce vídeos que compoñen o I Ciclo de Poesía Multidisciplinar Goxo de pano fino. O proxecto reúne poetas da comarca da Mariña e do occidente de Asturias a expresarse desde os seus refuxios creativos a través da palabra nas súas diversas formas. A iniciativa conta coa coordinación de Ugía Pedreia e Marina Oural e reúne canda a elas a Quique Roxíos (Roxíos, Bual), Eloy Couceiro (en Valdepares, El Franco), Milio López (en A Escabelada, Pousada, Lourenzá), Olalla Cociña (en Aguieira, A Rigueira, Xove), Moisés Cima (en Mouguías, Cuaña), Vanina Bailone (en Mexota, Tapia de Casariego), Miguel Rodríguez Monteavaro (en El Valle del Salgueirín, A Cruz, Bual), Eva Rosado (no Mirador de Santa Gadea, en Castropol), Alejandro Fernández (en Viavélez, El Franco) e Kiko Poe (en Fuentes Cabadas, Bual).. Amplía a nova>>

16/12/2020
Quiosco: Papeis da Academia

O efecto da pandemia de Covid-19 sobre o sector audiovisual centra a nova entrega de Papeis da Academia. O anuario da Academia Galega do Audiovisual está xa na rede a reflexionar sobre cuestións como a pegada na produción, o consumo audiovisual doméstico, as problemática das salas de exhibición e as mudanzas nos diferentes ámbitos do sector. Entrevistas a Mamen Quintas, Paula Cons, Lidia Fraga, Xúlio Abonjo, Alicia Saturna, Emilio Baños, Ángel Sánchez e Manuel Precedo dan conta dos diferentes xeitos nos que a situación afectou a produción, dirección, guión, interpretación, vestiario, salas comerciais, festivais ou cineclubes.. Amplía a nova>>

16/12/2020
A Real Academia Galega presenta o proxecto Novas voces para a lingua

Coa intención de conectar a mocidade co idioma, a Real Academia Galega e mais a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela presentaban onte a iniciativa Novas voces para a lingua. O proxecto consiste nunha serie de vídeos de curta duración para as redes que se inician coa serie Conseguiremos. Estas primeiras entregas están protagonizadas "por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional". . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org