Quiosco: Papeis da Academia

O anuario da Academia Galega do Audiovisual reflexiona sobre como a pandemia afectou ao sector

O efecto da pandemia de Covid-19 sobre o sector audiovisual centra a nova entrega de Papeis da Academia. O anuario da Academia Galega do Audiovisual está xa na rede a reflexionar sobre cuestións como a pegada na produción, o consumo audiovisual doméstico, as problemática das salas de exhibición e as mudanzas nos diferentes ámbitos do sector. Entrevistas a Mamen Quintas, Paula Cons, Lidia Fraga, Xúlio Abonjo, Alicia Saturna, Emilio Baños, Ángel Sánchez e Manuel Precedo dan conta dos diferentes xeitos nos que a situación afectou a produción, dirección, guión, interpretación, vestiario, salas comerciais, festivais ou cineclubes.

Canda a isto, a publicación repasa o impulso dos novos formatos e modelos de distribución que se está a producir nos últimos tempos e fai un adianto do que será o audiovisual galego ao longo de 2021. "Estreas en salas, festivais, televisión e outras estreas, proxectos de ficción, documental, divulgación, investigación, cooperación e incentivos ao sector".