Quiosco: Papeis da Academia

A Academia galega do audiovisual presenta o seu anuario 2014-2015

A Academia Galega do Audiovisual presentou o seu anuario, que desta volta introduce importantes novidades. A primeira é que se editará en formato electrónico e a segunda, é que aspiran a convertelo nunha publicación con máis frecuencia: "Queremos que deixe de ser un anuario: pretendemos que non sexa unha publicación que sae unha vez ao ano, queremos que os novos papeis da Academia cheguen a académicxs e ao noso público, ao longo de todo o ano, con reflexións, estudos e diagnoses dos tempos que vivimos". Ademáis inclúe dúas reportaxes de Montse Dopico: "O audiovisual galego, lonxe da igualdade de xénero" e "A dobraxe: un sector cos pés de lama", un calendario de eventos audiovisuais en Galicia e unha escolma sonora do traballo do compositor de bandas sonoras Xavi Font.


O audiovisual, o noso oficio, a nosa vida, a do espectáculo: o de facer rir, chorar, impresionar, enternecer, axitar… en definitiva, transmitir emocións ao público, está en continuo cambio. Quen nos dedicamos a isto sabemos que debemos aprender cada día, é parte imprescindible do noso traballo. E sabemos que cada día que non aprendemos algo é un día perdido.
Para as persoas que nos dedicamos ao audiovisual sempre son tempos novos, de cambio. Cada día o público reclama, e con razón, contidos mellores, de maior calidade, cada día esixen, e con razón, que deamos o mellor de nós. Sabemos que é parte indisoluble do noso traballo.
Na Academia Galega do Audiovisual tamén estamos sempre en continuo cambio. Neste caso presentámosvos unha nova edición do Anuario da Academia, dos chamados “Papeis da Academia”. Un anuario que é diferente ao que viña sendo ata agora. Nin mellor, nin peor, só diferente, tentando adaptarnos a novos tempos. O anuario que vos presentamos hoxe vai estar aloxado na web da Academia para que calquera persoa poida consultalo. E, en realidade, queremos que deixe de ser un anuario: pretendemos que non sexa unha publicación que sae unha vez ao ano, queremos que os novos papeis da Academia cheguen a académicxs e ao noso público, ao longo de todo o ano, con reflexións, estudos e diagnoses dos tempos que vivimos.