Siro protagonizará o Día da Ilustración 2026

É a segunda persoa viva en recibir a homenaxe que se celebra cada 30 de xaneiro

A Consellería e Cultura e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), acordaron dedicarlle o Día da Ilustración de 2026 a Siro López. O coñecido caricaturista protagonizará as celebracións do vindeiro 30 de xaneiro, e é a segunda persoa que recibe esta homenaxe en vida, logo da dedicatoria a Xosé Vizoso en 2025.

Segundo apunta a AGPI, Siro é "un artista que destaca polo seu traballo de caricaturista político e humorista gráfico, ademais doutras facetas como retratista, debuxante e pintor". Ademais lembra que o autor "ten un papel importante noutros eidos como o do xornalismo ou o do ensaio".

Nado en Ferrol en 1943, ao longo da súa traxectoria experimentou con "todas as técnicas posibles: tinta e pincel, sanguina, carbón, grafito, pluma, pastel ou mesmo técnicas dixitais". Coñecido especialmente polas súas colaboracións en La Voz de Galicia, foi tamén deseñador da Praza do Humor da Coruña e o autor do curso de galego Imos aló?, emitido na Televisión de Galicia entre 1989 e 1990.