28/01/2021
Longa Noite opta ao Premio Gaudí ao mellor filme europeo
A Academia de Cinema Catalán, que organiza os Premios Gaudí, facía pública na mañá deste 28 de xaneiro a listaxe de nomeamentos á XIII edición destes galardóns. Na mesma, o filme
Longa Noite aparece como unha das catro producións que opta a se facer co premio á mellor película europea. O traballo de Eloy Enciso compite con
Little Joe de Jessica Hausner,
Sobre lo infinito de Roy Andersson e con
Sorry We Missed You, dirixida por Ken Loach. O actor Mario Casas está tamén como finalista na categoría da mellor interpretación masculina polo seu traballo en
No Matarás. Os resultados dos premios daranse a coñecer o vindeiro 21 de marzo..
Amplía a nova>>
27/01/2021
A Deputación de Pontevedra adquire parte do arquivo de Xosé Velo
O 22 de xaneiro de 1961, un grupo de opositores ao réxime franquista e salazarista secuestraron o trasatlántico "Santa María", protagonizando un sonado incidente internacional. Un dos líderes era o celanovés Xosé Velo Mosquera, máis coñecido como Pepe Velo, unha figura importante na defensa da identidade galega no exilio republicano de Venezuela. Agora, a Deputación de Pontevedra informa de que adquiriu parte do seu arquivo persoal ao seu fillo Victor, composto por fotografías, cartas e outros escritos. A Deputación está dixitalizando todo o material e confía en poñelo a disposición dos cidadáns a principios de 2022. Tamén fixo público un documental producido por Arraianos Produccións que presenta os feitos do trasatlántico "Santa María", alcumado durante o secuestro como "Santa Liberdade". .
Amplía a nova>>
27/01/2021
A Asociación de Actores e Actrices reclama un plan de rescate para o sector
Un plan de rescate que vaia alén do apoio ás empresas e que achegue axudas directas a traballadores e traballadoras do sector escénico. Esta é a reclamación que facía este 26 de xaneiro a Asociación de Actores e Actrices de Galicia nun comunicado dirixido ás consellerías de Cultura e de Emprego e Igualdade. Segundo a entidade, "a evolución da pandemia e as medidas restritivas sanitarias lévannos a un punto no que se fai inviable a actividade escénica neste momento e imposibilita as opcións dos/as profesionais dos espectáculos ao vivo de gañar o seu sustento". .
Amplía a nova>>
22/01/2021
O CGAI abre coloquios con Marcelo Expósito, Luis López Carrasco e Álvaro Orús
Marcelo Expósito, Luis López Carrasco e Álvaro Orús presentan os seus traballos no CGAI con cadanseu coloquio co público. Este venres realizarase o primeiro destes encontros coa proxección de
143.353 (Los ojos no quieren estar siempre cerrados), que terá lugar ás 19 h. E este sábado, os espectadores poderán manter un coloquio con Xosé Ramón Gayoso sobre
Sempre Xonxa dentro da sección ‘Pensando en cine, pensando en Galicia’, ás 18 horas. O documental
El año del descubrimiento proxectarase o xoves 28 ás 17.30 h., ao que seguirá un encontro en liña co seu realizador luis López Carrasco. Este novo traballo do autor de El futuro, considerado como unha figura única do cinema español, chega ás salas precedido dos premios nos festivais Cinéma du Réel de París, Bogotá, Toulouse ou Jeonju, así como do aplauso da crítica, que mesmo o definiu como o mellor filme español do ano. O director aragonés Álvaro Orús presentará na Coruña outro documental: El principio del fin de las armas nucleares, programado para o venres 29, ás 19,30 h. .
Amplía a nova>>
21/01/2021
Amazon Prime estrea mañá a serie 3 caminos
Álex González e Verónica Echegui protagonizan a serie '3 camiños', que se estreará mañá venres 22 de xaneiro na plataforma Amazon Prime. O proxecto foi desenvolvido por Ficción Producciones e contou cunha axuda de 1,5 millóns de euros da Xunta de Galicia a través dunha convocatoria específica. A serie conta a través de 8 episodios as peripecias vitais dun grupo de amigos de diferentes nacionalidades que percorren o Camiño de Santiago en tres momentos distintos da súa vida, e que afectarán ás súas relacións persoais. .
Amplía a nova>>
21/01/2021
Pequefilmes 2021 achega medio cento de curtas de 18 países á Cidade da Cultura
O vindeiro sábado 23 bota a andar no edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a nova edición de Pequefilmes. O programa audiovisual para público familiar desenvolverase ao longo desta xornada e dos días 24, 30 e 31 de xaneiro, con oito sesións nas que achegará medio cento de curtametraxes de 18 países, moitas delas recoñecidas en diferentes festivais internacionais de animación. Por vez primeira, e a se adaptar á situación sanitaria, o ciclo poderá seguirse desde a casa desde a plataforam tv.Festhome, con prezos reducidos..
Amplía a nova>>
18/01/2021
Os Premios de Teatro María Casares adían a súa edición 2021
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) anunciaba esta 18 de xaneiro que acordou adiar a celebración dos XXV Premios de Teatro María Casares. A organización toma esta decisión "ante a incerta perspectiva de poder desenvolver con garantías o normal funcionamento do certame e a súa entrega, así como dos necesarios preparativos para a mesma".
.
Amplía a nova>>
18/01/2021
Álvaro Gago e Alberto Vázquez chegan á final dos Premios Goya
16 de decembro, de Álvaro Gago e
Homeless Home de Alberto Vázquez, superaron a primeira peneira e continúan a súa carreira ao entrar na fase final dos Premios Goya 2021. A organización dos galardóns do cinema español daban a coñecer na mañá deste 18 de xaneiro a listaxe de candidaturas, cinco por cada categoría, que competirán para se facer co trofeo na gala prevista para o vindeiro 6 de marzo. O proxecto de Gago foi escolleito entre as quince candidaturas propostas inicialmente para a categoría de mellor curtametraxe de ficción, mentres o do coruñés Alberto Vázquez competía con outros noves proxectos para chegar á final das curtas de animación..
Amplía a nova>>
15/01/2021
A Agadic convoca as axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a orde pola que a Axencia Galega das Industrias Culturais convoca as subvencións para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego. Cun orzamento de 2,5 millóns de euros ao igual que en 2020, a nova convocatoria mantén tamén as categorías das axudas. Longametraxes de ficción "que contribúan a salientar a diversidade cinematográfica de Galicia e os recursos creativos, artísticos e técnicos do audiovisual galego" ou aqueles "con especial valor cinematográfico, cultural e social que contribúan a fomentar o tecido industrial do sector audiovisual galego, posúan alta viabilidade na súa execución" e, nos dous casos, con vocación de proxección exterior, son as dúas primeiras modalidades de produción previstas, que poden obter ata 260.000 euros..
Amplía a nova>>
11/01/2021
Falece o histórico actor de dobraxe Antón Cancelas
O pasado 8 de decembro facíase público o falecemento de Antón Cancelas. Este histórico actor de dobraxe, nado en 1955, foi un dos pioneiros en pórlle voz na nosa lingua a moitos dos grandes personaxes das producións audiovisuais americanas. Terminator, o JR de Dallas ou diferentes personaxes interpretados por Clint Eastwood ou da serie de filmes de Harry Potter fixeron parte dos fitos deste veterano que iniciou a súa carreira en 1986 e cuxo traballo marcou toda unha xeración de dobraxes no país..
Amplía a nova>>