Novas | 701 a 710 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

15/02/2021
A Deputación de Pontevedra dedica 300.000 euros a apoiar festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas

O Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar as bases das subvencións aos festivais audiovisuais da provincia, integrados na marca provincial Rías Baixas Film Fest, e as dos festivais musicais e de artes escénicas, cun investimento total de 300.000 euros para todas estas partidas. Este ano os festivais audiovisuais verán incrementando o investimento ata os 150.000 euros, 20.000 máis que en 2020. Pola súa banda, os festivais musicais e de artes escénicas contarán este ano cunha partida de 150.000 euros. A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, asegurou a decidida aposta do ente pola cultura como unha das prioridades nestes momentos, "a nosa aposta por un sector estratéxico e prioritario para nós como é a cultura. Non imos recortar un só euro", afirmou. Revalidar o noso apoio aos festivais é apostar pola riqueza cultural que se desenvolve na provincia". . Amplía a nova>>

12/02/2021
O festival de Cans abre prazo de presentación de obras e aumenta os premios

O Festival de Cans ten xa aberto ata o 16 de maio o prazo para o envío de obras nas categorías de curtametraxes de ficción, animación ou non ficción, así como videoclips, tendo como condición que todas as obras deben ser de produción galega e realizadas entre os anos 2020 e 2021. O festival comunicou esta semana que as súas datas de celebración este ano quedan xa fixadas entre o 1 e o 4 de setembro e agora abre a convocatoria de presentación de producións para todas as súas seccións, que pode facerse de balde a través da súa páxina web. Asemade o festival aumentou a dotación económica dos seus premios nun esforzo que o festival considera que debe asumir por que estes poidan supoñer unha axuda determinante para creadoras e creadores, nun momento moi complicado. . Amplía a nova>>

11/02/2021
A Deputación da Coruña incrementa o orzamento da súa Rede Cultural de espectáculos

A área de Cultura da Deputación da Coruña ven de abrir a convocatoria para unha nova edición da Rede Cultural, o circuíto de espectáculos que apoia nos concellos, con novidades que adaptan as bases á situación de crise provocada pola pandemia. Entre outras, contempla un incremento de arredor de 300.000 € para o sector profesional nun orzamento que pasa a 1.900.000 €. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases modificadas para axustarse á situación sanitaria provocada pola covid-19 e á necesidade de contribuír á recuperación do sector que atravesa unha importante crise debido ao confinamento e á cancelación de espectáculos ao vivo. Neste sentido, a nova edición do circuíto cultural prolonga o período de actuacións que pasa a rematar o 31 de marzo do 2022, para posibilitar a execución das programacións ao completo.. Amplía a nova>>

11/02/2021
Agadic convoca as axudas a festivais audiovisuais para o 2021

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) ven de publicaro hoxe no Diario oficialde Galicia unha nova convocatoria de axudas, neste caso dirixidas a apoiar a celebración de festivais audiovisuais en Galicia. A axencia gubernamental dedica este ano 200.000 euros de orzamento a estas subvencións para festivais de carácter profesional, o que inclúe aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren na comunidade autónoma. O orzamento aumenta en 10.000 euros respecto á convocatoria do pasado ano, mantendo a liña ascendente dos pasados exercizos.. Amplía a nova>>

10/02/2021
O Festival Carballo Interplay pasa tamén á axenda de setembro

O festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay seguirá o mesmo camino que outros eventos audiovisuais coma Play-Doc e o Festival de Cans e fará a súa edición deste ano no mes de setembro. O evento organizado polo Concello de Carballo desbotou facer a súa oitava edición nas que, ata o pasado 2020, eran as súas datas habituais na primavera e moveuse para setembro, algo máis adiantado que no 2020 cando tras verese adiado polo confinamento, celebrouse xa en novembro, no outono , e de xeito completamente virtual. A nova edición fo festival ven de facer públicas, a través do Boletín Oficial da oprovincia da Coruña, as bases da competición de series e do Premio a proxecto de serie en galego para este ano. Queda por ver se o desenvolvemento será completamente virtual ou ofrecerá un modelo híbrido que inclúa actividades presenciais, como xa se chegou a propor o pasado ano.. Amplía a nova>>

09/02/2021
O Festival de Cine escolar Olloboi achega novidades na súa edición 2021

Sen actividades presenciais, o Festival de Cine escolar Olloboi presenta a décima edición a ampliar a súa proposta. O habitual certame de curtametraxes mantense a engadir unha categoría, Xubiloi, dedicada ao profesorado xubilado. Ademais, o encontro propón obradoiros gratuítos en liña para alumnado de primaria ou secundaria e para docentes. A conmemorar a primeira década de existencia do proxecto, vaise presentar o documental Cadernas de Olloboi, unha película coa que "pretendemos dar unha visión sobre a evolución do uso do audiovisual nas aulas, rendendo tributo a toda a comunidade cómplice que apoia este modelo educativo-cultural tan transversal, altruísta e rebelde". . Amplía a nova>>

08/02/2021
O 20 por cento das proxeccións dos festivais de cine galegos no ano pasado foron estreas mundiais

Vinte e oito festivais, mostras ou certames de cinema de 18 localidades participaron nun estudo estatístico promovido desde a asociación Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema co obxectivo analizar e dar visibilidade á labor e impacto que os festivais de cinema veñen desenvolvendo en Galicia. Co patrocinio de AGADIC e a axuda da área de cultura da Deputación de A Coruña, o Departamento de Estatística e Investigación Operativa do Campus Vida da USC fíxose cargo da súa elaboración e os resultados da primeira fase dese estudo veñen de facerse públicos. A investigación e recollida de datos estrutúrase en dez apartados diferentes que amosa datos sobre as características dos eventos; as súas estruturas de organización; producións que programa; actividades paralelas ás proxeccións; composición de equipos; impacto económico; impacto social; fontes de financiamento; asistencia de público e importancia da sustentabilidade. As series de datos que este estudo achega dan resultados complexos marcados pola grande asimetría e diferencia de natureza entre eventos grandes e moi pequenos que entran xuntos nas series comparativas. En todo caso pódese extraer coma debuxo maioritario o feito de que o 90% son eventos urbanos e que son maioritariamente de recente creación, xa que o 60% ten menos de 10 edicións desenvolvidas. Ademais o traballo sinala que nas programacións os eventos galegos chegaron a ofrecer no 2020 un 20% de estreas mundiais, con gran presenza de produción audiovisual galega. Máis do 60% do público asisten con amigos e case un 20%, en familia. En parella e dende centros educativos son as categorías máis minoritarias. . Amplía a nova>>

05/02/2021
Play-Doc e Festival de Cans poñen datas para setembro

A situación sanitaria e as súas previsións máis próximas, que fan case imposible a celebración de eventos na primeira metade do ano, fan que os organizadores busquen solucións prudentes que comezan situando as seguintes edicións nas datas que ven máis viables. Así esta semana, no eido audiovisual, tanto o festival Play-Doc de Tui coma o Festival de Cans veñen de sinalar cara o mes de setembro para as súas citas anuais. Ambos eventos repetiran por tanto o mes co que se puideron celebrar o pasado 2020, cando tiveron que cancelar as tradicionais datas primaverais nas que se ían celebrar. . Amplía a nova>>

05/02/2021
O CCG presenta unha visita guiada audiovisual á exposición "Afonso X e Galicia"

O peche dos espazos culturais ordenado pola Xunta por mor da situación sanitaria obrigou a que houbera que cancelar o horario de visita á exposición "Afonso X e Galicia", organizada polo Consello da Cultura Galega, ao pouco de ser inaugurada en xaneiro de 2021. Pero a exposición continúa doutros xeitos. Hoxe o Consello da Cultura estrea unha "visita guiada" audiovisual coa cal o comisario da mostra, o musicólogo Antoni Rossell, explica a concepción da exposición e os seus contidos, permitindo coñecer a vida de Afonso X e o seu impacto na cultura e na literatura galegas. O documental está realizado por Nós TV. . Amplía a nova>>

02/02/2021
A cinematografía en formato curto busca mercados en Clermont-Ferrand

A versión renovada e ampliada do catálogo Shorts from Galicia, editado cada ano pola Xunta para a promoción exterior da máis recente produción galega no ámbito das curtametraxes, ven de iniciar a súa difusión internacional no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve integramente en liña estes días e ata o 6 de febreiro. Para favorecer a súa promoción en liña, o catálogo conta este ano cun formato máis amplo e con novos contidos, como o acceso aos "video-pitching" nos que son os propios directores os que explican as súas creacións. Ofrécese tamén o visionado das curtametraxes, baixo demanda e previa solicitude de contrasinal, para os axentes culturais interesados.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org