Novas | 691 a 700 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

05/03/2021
Un documental repasa a historia do Centro Galego da Habana

O Centro Galego da Habana, unha das institucións máis importantes da diáspora, é o protagonista dun documental dirixido polo xornalista Pablo López, codirector de Gciencia, e que foi gravado a finais de 2020 nas propias rúas da Habana. O documental explora a traxectoria desta histórica institución, determinante para o nacemento de entidades de simbolismo tan relevante como a Real Academia Galega ou para a promoción e creación do Himno de Galicia, así como para a xestión da importante comunidade galega de Cuba, e conta con testemuñas que falan sobre este espazo, que estaba ubicado no que hoxe é o Gran Teatro da Habana Alicia Alonso. O documental foi elaborado ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021. . Amplía a nova>>

04/03/2021
O CGAI programa o ciclo Olladas de Muller en clave de reflexión feminina a través de seis filmes

A nova edición do ciclo Olladas de Muller, organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en colaboración co Consello da Cultura Galega abre este venres na Coruña coa preestrea en sala do filme Nación, da directora Margarita Ledo Andión. Dentro deste ciclo enmarcado no Día Internacional da Muller, proxectaranse ata o 12 de marzo seis filmes de diferentes nacionalidades feitos por e sobre mulleres. Será a propia autora e membro da Real Academia Galega quen presente a película de apertura o venres ás 19,00 h. na sede do CGAI e protagonice o coloquio posterior. Nación é un relato que usa imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular para contar a historia das galegas traballadoras da fábrica de porcelanas Pontesa, que converteron a factoría nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos. No seu percorrido por festivais acadou o Premio Especial á mellor dirección de película española no Festival de Cine europeo de Sevilla en 2020. Ten prevista a súa estrea en cines comerciais o 26 deste mes.. Amplía a nova>>

03/03/2021
Duplícase a participación no Concurso de Microrrelatos da RAG

O IVº Concurso de Microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal ven de dar un salto cuantitativo importante ao recibir na fin do prazo de presentación máis do dobre de relatos que na pasada edición. Co reconto xa feito tras do remate da convocatoria este domingo 28 de febreiro a Academia sinala ter recibido máis de 1.500 pezas entre as tres modalidades, o dobre có ano pasado no que se presentaron 750 relatos. En concreto, segundo a RAG, na categoría de adultos recibíronse máis de 700 contos; na xuvenil, preto de 500 e na infantil, uns 300. Os xurados, que están constituídos por membros propostos polas tres entidades que participan na creación deste certame,RAG, PuntoGal e a revista Luzes, elixirá os tres mellores textos de cada categoría que serán públicos despois de Semana Santa. . Amplía a nova>>

26/02/2021
O proxecto Artesanías dixitais dá a coñecer a creatividade máis actual do país

"Un percorrido polo espazo dixital galego da man de doce creadoras e creadores procedentes de áreas moi diversas: programación creativa, docencia, recreación histórica, deseño, arte, videoxogos…". Así se presenta Artesanías Dixitais, o webdoc que desenvolveu a firma Bencuriosa ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21. O proxecto, que pretende "ofrecer unha panorámica sobre as profesións ou áreas de traballo emerxentes vinculadas á creación dixital e que teñen un vínculo real con profesionais, empresas e itinerarios educativos de Galicia" preséntase nun formato de documental convencional, dispoñible na rede, e nun formato web interactivo. . Amplía a nova>>

22/02/2021
Santiago reparte a metade do orzamento das axudas ao sector cultural

A falta dun trámite de presentación final de documentación as axudas de rescate ao sector cultural do Concello de Santiago chegarán finalmente a repartirse só na metade no orzamento asignado. O consistorio publicou a resolución da convocatoria coa lista de solicitudes admitidas e rexeitadas de entre as 77 que se presentaron, cun resultado que, provisionalmente deixa 49 beneficiarios e 18 rexeitados nesta liña de axudas. Dos 300.000 euros cos que contaba a partida repartiranse, segundo esta resolución algo menos da metade, 145.000 en total con subvencións que van dos 3.000 (o máximo posible) aos 1.110 euros. Empresas e autónomos do eido cultural, entre as que hay editoriais, empresas gráficas, compañías teatrais e audiovisuais, autores e artistas plásticas, empresas de comunicación ou de produción e loxística de espectáculos están entre os beneficiarios das axudas locais. Coñecidos axentes culturais da cidade coma a Sociedade Cooperativa NUMAX e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) viron rexeitada a solicitude. As persoas e/ou empresas excluídas teñen un prazo dun mes para interpor un recurso de reposición.. Amplía a nova>>

19/02/2021
A Deputación da Coruña convoca axudas para empresas culturais por 275.000 euros

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicaba este 19 de febreiro a convocatoria de axudas para proxectos culturais singulares, que conta con 275.000 euros de orzamento. A liña está destinada a empresas e quere "apoiar producións singulares de especial interese social e cultural e, a través dela desenvolvéronse en anteriores edicións iniciativas que, se non existir, non terían visto a luz nun momento de crise para o sector como é este co cal agardamos que este ano se continúen a sumar proxectos que teñan alcance e repercusión para a sociedade", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto. . Amplía a nova>>

17/02/2021
Falece o guionista coruñés Juan Antonio Porto

O guionista Juan Antonio Porto (A Coruña, 1937) faleceu onte en Madrid aos 84 anos de idade, segundo ven de confirmar a SGAE. Diplomado en Dirección pola Escola Oficial de Cinematografía, ao longo da súa andaina profesional escribiu máis de sesenta guións de cine. En 1970 escribiu o libreto de El bosque del lobo xunta o director Pedro Olea, unha historia situada en Galicia e baseada nunha novela que á súa vez tomaba coma referencia os crimes reais de Manuel Blanco Romasanta en Ourense. Colaborador habitual de Pilar Miró, foi autor do guión de El crimen de Cuenca (1979) e coautor de Beltenebros (1991). O seu traballo máis recente foi La conjura de El Escorial (2008), de Antonio del Real. No seu labor pedagóxico, foi profesor na Escola de Cine da Comunidade de Madrid. En febreiro de 2009 o Consello de Ministros de España outorgoulle a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes.Especialmente comprometido coa defensa dos creadores e os dereitos de autor, foi membro da Xunta Directiva da SGAE polo colexio de Audiovisuais. A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), da que era membro dende 1970, expresa publicamente as súas condolencias a familiares e seres queridos nestes difíciles momentos.. Amplía a nova>>

16/02/2021
O documental Entroidar achéganos á festa en Laza pola rede

A falta de celebracións presenciais, continúan as propostas para facer o Entroido a distancia. Entre as máis recentes, o director Pablo Ces acaba de publicar na rede o seu documental Entroidar. O filme "é unha longametraxe documental do Entroido de Laza que nace da paixón e namoramento da comarca, a contorna e as tradicións e quefaceres do entroido. Tras un intenso labor de investigación, non soamente antropolóxico para descubrir a verdadeira orixe do Entroido partindo de Laza, deste pequeno recuncho de Galicia, senón coñecer todo o que envolve as súas xentes e como son os meses previos de preparación para esta grande celebración ritual, ancestral e auténtica".. Amplía a nova>>

15/02/2021
Equipamentos culturais coma teatros, cines, auditorios, bibliotecas e museos poderán abrir ao 30 por cento

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ven de confirmar na rolda de prensa posterior á reunión do comité clínico de Sanidade unha parcial modificación das restricións que afectan a toda Galicia. A falta da total concreción, que se especificará nun decreto aínda en elaboración, o presidente adiantou que no relativo ao sector da cultura permitirase a reapertura e volta á actividade de bibliotecas, museos, salas de exposicións, arquivos, salas de cine, auditorios e teatros. O mandatario asegurou que a actividade destas instalacións terá como límite o 30% da capacidade de público nesas instalacións. Agárdase que esta apertura sexa efectiva ao día seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto que as regula, presumiblemente este mércores 17 de febreiro. O peche perimetral por municipios manterase polo de agora.. Amplía a nova>>

15/02/2021
A Deputación de Pontevedra dedica 300.000 euros a apoiar festivais musicais, audiovisuais e de artes escénicas

O Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar as bases das subvencións aos festivais audiovisuais da provincia, integrados na marca provincial Rías Baixas Film Fest, e as dos festivais musicais e de artes escénicas, cun investimento total de 300.000 euros para todas estas partidas. Este ano os festivais audiovisuais verán incrementando o investimento ata os 150.000 euros, 20.000 máis que en 2020. Pola súa banda, os festivais musicais e de artes escénicas contarán este ano cunha partida de 150.000 euros. A presidenta da entidade provincial, Carmela Silva, asegurou a decidida aposta do ente pola cultura como unha das prioridades nestes momentos, "a nosa aposta por un sector estratéxico e prioritario para nós como é a cultura. Non imos recortar un só euro", afirmou. Revalidar o noso apoio aos festivais é apostar pola riqueza cultural que se desenvolve na provincia". . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org