O documental Entroidar achéganos á festa en Laza pola rede

A produción pode verse íntegra en Youtube ao longo de todo o mes de febreiro

A falta de celebracións presenciais, continúan as propostas para facer o Entroido a distancia. Entre as máis recentes, o director Pablo Ces acaba de publicar na rede o seu documental Entroidar. O filme "é unha longametraxe documental do Entroido de Laza que nace da paixón e namoramento da comarca, a contorna e as tradicións e quefaceres do entroido. Tras un intenso labor de investigación, non soamente antropolóxico para descubrir a verdadeira orixe do Entroido partindo de Laza, deste pequeno recuncho de Galicia, senón coñecer todo o que envolve as súas xentes e como son os meses previos de preparación para esta grande celebración ritual, ancestral e auténtica".

A produción poderá verse en liña ao longo de todo o mes de febreiro, a coincidir coas presentacións que o equipo está a desenvolver de xeito virtual por todo o país. Ademais, despois de participar nas edicións de 2020 do Festival de Cinema de Ourense e mais no de Verín, o filme vai facer parte este mesmo mes no The Lift-Off Film Festival Global Network do Reino Unido e mais da selección The First-Time Filmmaker Sessions, vencellada ao mesmo.