Falece o guionista coruñés Juan Antonio Porto

Asinou o guión de 'El bosque del lobo', baseada na historia de Blanco Romasanta

Asinou o guión de 'El bosque del lobo', baseada na historia de Blanco Romasanta
Fotograma de 'El bosque de el lobo' (1970)
O guionista Juan Antonio Porto (A Coruña, 1937) faleceu onte en Madrid aos 84 anos de idade, segundo ven de confirmar a SGAE. Diplomado en Dirección pola Escola Oficial de Cinematografía, ao longo da súa andaina profesional escribiu máis de sesenta guións de cine. En 1970 escribiu o libreto de El bosque del lobo xunta o director Pedro Olea, unha historia situada en Galicia e baseada nunha novela que á súa vez tomaba coma referencia os crimes reais de Manuel Blanco Romasanta en Ourense. Colaborador habitual de Pilar Miró, foi autor do guión de El crimen de Cuenca (1979) e coautor de Beltenebros (1991). O seu traballo máis recente foi La conjura de El Escorial (2008), de Antonio del Real. No seu labor pedagóxico, foi profesor na Escola de Cine da Comunidade de Madrid. En febreiro de 2009 o Consello de Ministros de España outorgoulle a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes.Especialmente comprometido coa defensa dos creadores e os dereitos de autor, foi membro da Xunta Directiva da SGAE polo colexio de Audiovisuais. A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), da que era membro dende 1970, expresa publicamente as súas condolencias a familiares e seres queridos nestes difíciles momentos.