24/03/2021
Agadic inclúe as webseries nas axudas á creación audiovisual
As subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego experimentan un novo aumento na súa contía e modalidades. A nova convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola Axencia Galega de Industrias Culturais presenta un crédito orzamentario de 194.000 euros, para as anualidades 2021 e 2022. O ano pasado estas axudas da Agadic foron obxecto dun aumento dentro do mesmo exercicio, pasando dos 156.000 euros aos 178.000 euros finalmente en 2020, cantidade que agora aínda aumenta en 16.000 euros. Ademais entran dentro das modalidades de creación audiovisual subvencionables os proxectos de webserie en versión orixinal galega. Este terán que ter un mínimo de 3 capítulos e unha duración mínima total de 30 minutos, ademais dunha unidade argumental e continuidade entre os episodios..
Amplía a nova>>
23/03/2021
A 16 MICE abre a temporada de festivais audiovisuais cunha fórmula híbrida
Santiago de Compostela acollerá entre os vindeiros 6 e 10 de abril a 16ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. O evento, que abre a temporada de festivais audiovisuais do país, optará por unha fórmula mixta presencial e virtual para facilitar a accesibilidade do público. Nesta xeira, o encontro abrirá o pano coa estrea do documental
Negro Púrpura, no que Illa Bufarda trata sobre o caruncho do centeo. Tamén acollerá fóra de concurso a posta de longo de
Os corpos, o audiovisual de Eloy Domínguez Serén sobre o Entroido e de
Do not lean on door [work in progress], filme de Vicente Vázquez artellado a partir de imaxes rexistradas co móbil do director no metro de Nova York durante a semana do black friday..
Amplía a nova>>
18/03/2021
Xosé Barato elixido novo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) escolleu en Asemblea o pasado domingo a súa nova Xunta Directiva. Xosé Barato (Guitiriz, 1979) é o novo presidente, mentres que Luma Gómez asume a vicepresidencia e Arantza Villar accede á secretaría da entidade. Os vogais que completan a Xunta Directiva son Toni Salgado, Xosé Esperante, Sara Fandiño, Eva Fórneas, María Ángeles Iglesias, Daniel Celester, Sheyla Fariña, Rosa Puga Dávila e Iria Lamas. A remuda vai dacordo aos prazos estipulados nos estatutos da AAAG de facerse cada dous anos. Barato sucede no cargo a Xabier Deive (Narón, 1970) que ostentou apresidencia desde abril de 2019. Repiten na directiva Sheyla Fariña, o propio Xosé Barato, Eva Fórneas e Sara Fandiño..
Amplía a nova>>
18/03/2021
O proxecto Lugar de aborda o muralismo no rural
A cooperativa Xarda acaba de publicar no marco da sua serie audiovisual
Lugar de unha peza dedicada ao muralismo. Doa Oa, Novenoel e o dúo Cestola son as persoas do sector que falan sobre as peculiaridades deste traballo artístico e a súa relación co medio non urbano. O impacto no público destas áreas, a relación directa coa creación artística ou as posibilidades destas obras como elementos de dinamización son algúns dos temas que se abordan na produción..
Amplía a nova>>
18/03/2021
Tímida ampliación de capacidade para os espectáculos e equipamentos culturais
As novas medidas de seguridade sanitaria presentadas esta semana polas autoridades autonómicas e publicadas xa no Diario Oficial de Galicia traen tamén cambios no relativo ás capacidade de asistencia de público a espectáculos e uso de equipamentos culturais. Na división por niveles de restrición, a inmensa maioría dos concellos galegos sitúase no nivel de "Concellos con nivel de restrición media-baixa" (denominación D). Para estes amplíanse as capacidades mantendo en todo caso todas as medidas xerais de hixiene e prevención. Así no relativo á asistencia de público cines, teatros, auditorios, congresos e outros eventos e espazos similares, así como en recintos ao aire libre e noutros locais e establecementos destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas, cambian os máximos de asistentes para o grupo de concellos con menor risco
puidendo alcanzar ata o 50 por cento da capacidade permitida dentro dos límites cuantitativos fixados. Polo de agora descoñécese como afectarán estes cambios áos espectáculos en carteleira e se haberá ampliación de venda de entradas. Xustamente para hoxe está prevista a reapertura de varias salas de cine nas cidades da Coruña e Vigo..
Amplía a nova>>
15/03/2021
Cultura anuncia a intención de mudar o CGAI en Filmoteca de Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, da Xunta de Galicia anunciou hoxe que converterá o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na nova Filmoteca de Galicia. Este anuncio tivo lugar no marco do trixésimo aniversario da institución desde a súa apertura o 15 de marzo de 1991. O cambio de denominación implicará tamén reforzar as súas funcións arquivísticas, de recuperación e dixitalización de fondos fílmicos, en liña coas principais estruturas análogas do resto do Estado e de nivel internacional, coas que vén colaborando..
Amplía a nova>>
10/03/2021
Os Mestre Mateo 2021 miran cara o mar
A película
Ons, de Alfonso Zarauza, parte como favorita cara á XIXª edición dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual, acaparando trece candidaturas finalistas. Seguindo o mesmo criterio
A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons acada doce postos finalistas e tamén coincide co de Mellor Longametraxe, galardón ao que opta
Lúa Vermella de Lois Patiño e
Arima, de Jaione Camborda. Destas catro, tres están ambientadas en paraxes mariñas, ao igual que a serie
Néboa que ten ata seis candidaturas finalistas. A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétano tres longametraxes:
Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, con sete,
Lúa Vermella, dirixida por Lois Patiño con catro e
9 Fugas de Fon Cortizo, tamén con catro. Marta Doviro e Amador Arias foron os encargados pola Academia Galega do Audiovisual de dar a coñecer hoxe a listaxe das obras e profesionais finalistas nas 25 categorías dos premios de entre as 146 obras e 424 candidaturas profesionais presentadas..
Amplía a nova>>
08/03/2021
Un Goya para a animación con participación galega 'La gallina Turuleca'
A trixésima quinta edición dos Premios Goya da cinematografía española estará sempre marcada polas características especiales de celbrarse no contexto desta pandemia. Para o audiovisual galego non todas as producións que aspiraban a un galardón puideron acadalo e a colleita propia está sobre todo representada polo premio acadado pola película de animación
La gallina Turuleca na que están presentes na produción as empresas galegas Brown Films e Producións A Fonsagrada e que admais contou con axudas á produción por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais . Ademais desta longametraxe, o actor de orixe coruñesa Mario Casas (A Coruña, 1986) acadou tamén un galardón nesta edición. O intérprete acadou o Goya a Mellor actor protagonista na que é a súa primeira vez como finalista do premio grazas ou seu papel de Dani na película
No matarás (David Victori). O actor viviu o momento rodeado da súa familia, na distancia obrigada pola pandemia, agradecendo o apopio do público na súa traxectoria..
Amplía a nova>>
08/03/2021
A Xunta mercará produtos culturais por 3 millóns de euros para dar liquidez ao sector
Co obxectivo de aumentar a liquidez e manter as estruturas empresariais e os empregos no sector cultural a Xunta ven de presentar a segunda edición do seu Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021, unha liña de compra de produtos culturais que se abre este martes dirixida a profesionais autónomos, empresas e entidades sen ánimo de lucro que teñan traballadores contratados. Co Fondo, enmarcado no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, disporá de ata 3 millóns de euros (500.000 máis que na anterior edición) para mercar produtos culturais directamente e difundilos ao público. A primeira edición chegou a apoiar 353 proxectos, nesta segunda aumnéntnse os máximos porpoxecto, pasando de 4.000 euros a 6.000 aqueles dedicados aos ofertados por profesionais autónomos sen persoal asalariado e ata 15.000 euros (10.000 en 2020) para empresas, cooperativas e entidades con persoal contratado..
Amplía a nova>>
05/03/2021
O sector cultural chegou a xaneiro mellor do que se prevía no verán de 2020
O Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, ven de facer público o
Barómetro da Cultura Galega II. Xaneiro de 2021, no que ofrece unha radiografía clave do sector e o compara cos primeiros resultados tras a primeira vaga da crise sanitaria. O novo informe constata que o ano 2021 comezou para o sector cultural cunha maior adaptación á situación actual e que as cifras de facturación foron menos negativas do que se agardaba inicialmente. Así o sosteñen neste documento as cifras que xorden dun estudo realizado en xaneiro e no que repetiron a súa participación 237 das 303 empresas que conformaron a mostra anterior, de xullo de 2020. O estudo revela asemade que as empresas dedicadas ás artes escénicas son as que teñen máis problemas derivados da restrición da capacidade dos recintos, as que máis tiveron que pechar, as que aplicaron máis ERTE e as que teñen unhas maiores dificultades á hora de desenvolver a súa actividade. Os efectos da terceira vaga desde xaneiro e as restricións derivadas desta sobre as industrias culturais quedan fóra do ámbito temporal deste estudo..
Amplía a nova>>