09/04/2021
Un novo documental repasa o período de Carballo Calero en Lugo
A Associaçom Galega da Língua, mediante Através Produtora, publicou na rede o documental
Saltério de Fingoi. O exílio lucense de Carvalho. Realizada por João Aveledo, a produción repasa os anos, entre 1950 e 1965, que o homenaxeado no Día das Letras de 2020 viviu na Cidade da Muralla, dedicado fundamentalmente ao ensino no Colexio Fingoi. A produción reconstrúe, a través das voces do alumnado do centro naquela época, o papel do profesor, a vida no colexio e o xeito no que esta experiencia marcou as súas vidas. .
Amplía a nova>>
09/04/2021
O filme 'Cuñados' estréase hoxe en 120 salas de cine
Este venres 9 de abril chega a 120 salas de cine de Galicia e o resto de España
CUÑADOS, ópera prima de Toño López e primeira incursión na longametraxe cinematográfica da produtora galega PORTOCABO, responsable da aclamada serie "Hierro".
Cuñados é unha comedia de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. Miguel de Lira, Xosé Antonio Touriñán e Federico Pérez encabezan esta historia na que tamén teñen papeis principais as actrices Iolanda Muíños, María Vázquez e Eva Fernández ademais dalgunhas das caras máis recoñecidas e queridas do noso audiovisual. A película, gravada orixinalmente en galego na versión orixinal pero que conta con versión dobrada ao castelán, tivo a súa primeira presentación internacional no marco do Festival de Berlín, e a pasada semana celebrouse a súa estrea en Ourense, provincia onde se levou a cabo a rodaxe..
Amplía a nova>>
08/04/2021
A Academia do Audiovisual outorga a Manuel Lourenzo o Premio de Honra Fernando Rey
O actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibirá o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual na XIXª edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregan este sábado, 10 de abril no Teatro Colón da Coruña. A Academia outórgallo en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa irremprazable contribución á cultura galega. Na súa carreira recibiu numerosos recoñecementos, aos que, a partir do vindeiro sábado haberá que engadir o Premio de Honra Fernando Rey. Entre outros o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008). É profesor Honoris Causa pola ESAD e Socio de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega..
Amplía a nova>>
07/04/2021
Publícase a modificación dos estatutos de Agadic
A Consellería de Cultura ven de oficializar os anunciados cambios estatutarios da Axencia Galega de Industrias Culturais coa súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia. O documento recolle algunhas modificacións respecto ás avanzadas no proxecto de decreto, que foron protestadas desde as asociación profesionais do sector das artes escénicas e musicais en decembro de 2019 reclamando a súa paralización e a apertura dun proceso de diálogo co sector. Finalmente o texto publicado hoxe mantén a protestada unificación das competencias sobre música e danza nun único departamento e baixo unha única coordinación, que exercerá a dirección do Centro Corográfico Galego; tamén inclúe a adscrición orgánica dentro do Departamento de Política Audiovisual do Centro Galego de Artes da Imaxe e o seu cambio de denominación a Filmoteca de Galicia. Así mesmo mantense a creación dun Departamento de Coordinación Xeral e Xerencia e a figura de Xerente da AGADIC. .
Amplía a nova>>
06/04/2021
O documental 'Negro púrpura' estréase na inauguración da MICE
A primeira xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico acollerá hoxe na súa sesión de apertura a pre-estrea do documental
Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva (Illa Bufarda), unha proxección que se encadra dentro da sección fóra de concurso. O documental, rodado entre 2018 e 2020, realiza unha viaxe no tempo para contar a historia do fungo de propiedades alucinóxenas dos mil nomes (caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo, etc).
Negro púrpura vai da sabedoría popular á ciencia, repasando a historia do cláviceps purpúrea e conectando Galicia co resto do mundo (relacionándose con multinacionais farmacéuticas, a CIA ou o nacemento do LSD) e alimenta relatos que nos son propios e nos tocan de preto, como o seu uso na medicina popular. .
Amplía a nova>>
06/04/2021
A Mesa leva ao Parlamento as sinaturas para solicitar unha Canle Xabarín
Actualizada a 7/04/2021
Logo de superar 33.000 sinaturas de apoio, a Mesa pola Normalización Lingüítica presentou este 7 de abril ante o parlamento a "Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para unha canle Xabarín Club na TVG e máis e mellor difusión de programación infantil e xuvenil en galego". A proposta quere que o Parlamento inste á Xunta a que "a Corporación de Radio de Televisión de Galiza aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas" a través dunha canle temática "Xabarín" "así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega".
.
Amplía a nova>>
05/04/2021
A RAG lanza a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada
A Real Academia Galega presentaba na mañá deste 5 de abril a primeira serie documental producida pola institución sobre unha figura á que a se lle dedica o Día das Letras.
Xela Arias. A palabra esgazada é unha serie de seis audiovisuais con guións de María Yáñez que percorren "a traxectoria vital e as distintas facianas da autora como creadora e traballadora da cultura galega, e profunda tamén no seu legado entre as novas xeracións de poetas", segundo explica a institución. O primeiro episodio, xa dispoñible na rede, aborda as orixes da autora e os seguintes estrearanse cada martes ata a semana previa ás Letras Galegas..
Amplía a nova>>
05/04/2021
Un documental sobre a escaleira de Bonaval reivindica a obra de Domingo de Andrade
A celebración do Día das Artes Galegas, que este 1 de abril lembrou o arquitecto barroco Domingo de Andrade, deu nestes días en diferentes actividades e contidos sobre este creador. Deste xeito, a Academia Galega de Belas Artes realizou unha homenaxe na Catedral de Santiago, onde está enterrado o arquitecto. Unha placa e diferentes intervencións reivindicaron a figura á que se homenaxeou en 2020 e que tivo prorrogada a súa celebración a este 2021 por mor da pandemia de Covid-19.
.
Amplía a nova>>
31/03/2021
Impulso ao audiovisual e música en feminino desde a Deputación de Pontevedra
No marco do decidido impulso á cultura en clave de visibilidade da muller da Deputación Provincial de Pontevedra veñen de presentarse dúas iniciativas. Por un lado a primeira convocatoria dos Premios Mulleres no Foco 2021, promovidos pola administración provincial en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), que poñen en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual. Polo outro, a Deputación pontevedresa afonda en sortear as barreiras invisibles ás que teñen que enfrontarse as mulleres que queren dedicarse á música, e a través da Plataforma "Descúbre-as" pon en marcha o programa de mentoría para o que serán seleccionadas oito mozas da provincia de entre 16 e 26 anos e con inquietudes musicais, para que vexa apoiada a súa carreira nese eido obtendo coñecementos da man de profesionais da industria e levando a cabo a gravación dunha canción e un vídeo-clip..
Amplía a nova>>
26/03/2021
'NACIÓN' e 'Olvido y León' chegan hoxe aos espazos de exhibición das vilas e cidades
A fin de semana chega cargada para os amantes da cinematografía coa apertura das salas de cine que ían faltando na comunidade e a estrea comercial de dúas producións galegas:
NACIÓN e
Olvido y León.
NACIÓN, o último filme de Margarita Ledo Andión, estreado no pasado Festival de Sevilla, onde foi galardoado co Premio á Mellor Dirección dun Filme Español, estará desde hoxe dispoñible e oito salas de outras tantas localidades galegas e cinco salas máis entre Madrid (Golem), Lleida (Screenbox) e Barcelona (Zumzeig, Cinebaix e Cinemes Girona). En Galicia será posible vela desde hoxe nos cines Cantones (A Coruña), Avenida (Caldas), Dúplex (Ferrol), Códex (Lugo), Seixa (Marín), Galicine Cinexpo (Pontevedra), Numax (Santiago) e Gran Vïa (Vigo). Margarita Ledo Andión ofrece unha pescuda inspiradora sobre as mulleres galegas na segunda metade do século XX. Recuperando a historia da fábrica Pontesa, intercalando con habilidade exquisita imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular, o filme é unha homenaxe a todas as mulleres que converteron a fábrica nun referente para a reivindicación dos dereitos das mulleres..
Amplía a nova>>