Novas | 661 a 670 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

29/04/2021
O compositor Sergio Moure recibirá o Premio especial do OUFF

O compositor Sergio Moure de Oteyza (A Coruña, 1969) recibirá o Premio Especial da 26 edición do Festival de Cine de Ourense -instituído na 25 edición-, pola súa ampla traxectoria como músico de cinema e como autor de máis de medio cento de composicións para longametraxes, curtametraxes e series de televisión, á parte o seu labor como músico sinfónico. Así llo comunicou persoalmente ao compositor Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, institución que dende 2018 lidera o rexurdir do festival xunto á Fundación Carlos Velo. Co gallo do premio, o Ourense Film Festival publicará un volume autobiográfico do propio Moure na súa serie Monografías, que será presentado nas mesmas datas.. Amplía a nova>>

28/04/2021
Ab Origine publica na rede o documental O país da Moura

A canle de Youtube da empresa Ab Origine está a publicar ata o vindeiro 4 de maio os 11 capítulos que compoñen o documental O país da Moura. Esta produción da firma especializada en antropoloxía e xestión cultural "é un documental sobre a riqueza mitolóxica que atesoura Galicia centrado nas lendas que configuran o mito da Moura, o personaxe mitolóxico máis importante da nosa cultura e un dos elementos simbólicos do folclore galego". . Amplía a nova>>

27/04/2021
A histórica produtora Faro fecha as súas portas

A Produtora Faro, referente audiovisual no noso país, fechaba este 26 de abril as súas portas en Vigo logo de 35 anos de actividade. A empresa aduce problemas económicos como motivo do feche, que deixa na rúa 42 profesionais. O cadro de persoal anunciou unha folga indefinida logo que as persoas responsables da firma afirmasen carecer de liquidez para pagar as nóminas do mes en curso. Faro levaba varios anos a arrastrar unha crise financiera pola que xa declarara varios expedientes temporais de regulación de emprego desde 2014. . Amplía a nova>>

27/04/2021
A Xunta convoca cinco empresas para achegar ideas ao Hub audiovisual

Comezan os movementos para pór a andar o Hub de Industrias Culturais e Creativas que anunciou a Xunta para este 2021. O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo reuniuse este 26 de abril con representantes das que a Axencia Galega das Industrias Culturais define como "principais empresas de referencia no eido audiovisual". Portocabo, CTV, Vaca Films, Ficción Produccións e Bambú foron as cinco produtoras que fixeron parte deste encontro, no que puideron achegar propostas para o Hub xa anunciado pola Xunta. . Amplía a nova>>

26/04/2021
A Deputación de Pontevedra reúne a súa acción cultural baixo o lema 'Aviventa cultura'

A Deputación de Pontevedra acaba de lanzar a súa programación cultural para o 2021 que, cun investimento de preto de 2,8 millóns de euros, pretende "aviventar" o sector na provincia. Estes recursos non inclúen os preto de dez millóns de euros destinados ao Museo de Pontevedra e ás actividades culturais que se promoven desde os distintos servizos da institución aínda que si inclúe programas xa asentados como Pontegal (cun orzamento de 600.000 euros), Musigal (dotado con 500.000 euros) ou as subvencións para actividades culturais, festivais audiovisuais, festivais musicais ou escolas de música (480.000 euros), entre outras liñas de acción xa en marcha. "Aviventa cultura. Cultura para coller alento", como así se denomina a programación cultural, artella unha ampla serie de actividades relacionadas coa música, o patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia que a Deputación espallará por todos os concellos da provincia.. Amplía a nova>>

22/04/2021
O catálogo Films from Galicia recolle 63 producións do país

Unha selección de 63 producións e proxectos de cinema e televisión. Isto é o que achega a nova edición do catálogo Films From Galicia que presentaba a Axencia Galega das Industrias Culturais este 21 de abril. A publicación é a principal ferramenta de promoción do audiovisual galego en mercados e foros internacionais e, para alén da edición física e dixital conta tamén cun vídeo promocional que xa se presentou na última gala dos premios Mestre Mateo.. Amplía a nova>>

16/04/2021
A historia das cigarreiras da Coruña e Pardo Bazán a través dun documental e unha peza de danza

Un documental e unha peza de danza arredor da historia das cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Coruña e do xeito en que influíron na obra de Emilia Pardo Bazán estréanse hoxe de xeito complementario no Teatro Colón da Coruña. Amparo ao outro lado é unha peza documental de 20 minutos dirixida pola artista cubana Ana Beatriz Pérez e financiada cos fondos do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO) do Concello, conta coa participación de varias cigarreiras e expertas na figura de Pardo Bazán e co asesoramento de Artestudio. O documental inclúe como elemento de ligazón principal á peza de danza Amparo creada tamén pola bailarina e coreógrafa cubana inspirada na historia desas mulleres personificadas nesa Amparo que recreou a Pardo Bazán na súa obra La Tribuna. . Amplía a nova>>

15/04/2021
Apróbanse as axudas reforzadas ás salas de cine

O Consello da Xunta aprobou hoxe á convocatoria da nova liña de subvencións para salas comerciais de cine xa anunciada o mes pasado polo Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez en sede parlamentaria. Esta liña auméntase considerablemente este ano que estará dotada con 350.000 euros, mentres que o pasado ano contaron con 120.000 euros. As contías outorgadas este ano destinaranse especificamente á adaptación dixital e sanitaria dos espazos, a campañas para a captación de públicos e para a promoción do audiovisual galego, ao reforzo da programación de producións galegas e europeas e a accións especiais, como descontos ou convites, dirixidas á infancia, á xuventude e a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia. . Amplía a nova>>

15/04/2021
As axudas ao audiovisual reforzan o financiamento de produción de 'obras difíciles'

Como xa ten ocorrido noutras ocasións desde o comezo da crise pandémica, o Diario Oficial de Galicia ven de publicar unha modificación de bases das subvencións da Xunta no relativo á cultura. Neste caso son as axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego as que a Axencia Galega de Industrias Culturais cambia, levando a cabo un aumento das porcentaxes máximas de axuda que poden recibir certo tipo de producións definidas a nivel europeo como obras difíciles canto ao seu financiamento, realización e distribución. Este cambio atinxe ás curtametraxes, ás películas rodadas integramente en galego, ás realizadas por mulleres, as de dirección novel cun orzamento non superior a 1,5 millóns de euros, as dirixidas por profesionais cunha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%, aos documentais cinematográficos ou aos traballos de animación. . Amplía a nova>>

12/04/2021
Neiti Aika e A miña Terra son os vencedores da 16 MICE

O filme Neiti Aika, da realizadora finlandesa Elina Talvensaari, foi seleccionada como vencedora do premio ao Mellor Filme da 16 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. O xurado do certame, que fechaba as súas portas este sábado 10 de abril, recoñeceu a obra "pola súa proposta de historia de vida dunha persoa que xa non está, realizada desde á recuperación da cultura material, cun traballo de investigación minucioso e cun ollar persoal e poético sobre o tempo e a memoria tocando diferentes esferas da condición humana". A peza A miña Terra e Santiago D. Risco, foi seleccionada como Mellor Filme Galego "pola abordaxe sobria dun tema complexo e a reflexión sobre o territorio, a herdanza e a familia a través dun bo exercicio de observación con elementos poéticos". . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org