07/06/2021
Álvaro Pérez Becerra é elixido presidente da Academia Galega do Audiovisual
O produtor Álvaro Pérez Becerra (A Coruña, 1989) foi elixido por unanimidade novo presidente da Academia Galega do Audiovisual. Becerra, que é o presidente máis novo das oito academias de cine e audiovisual da península, contará co guionista e produtor Pepe Coira e na actriz e cineasta Sonia Méndez como vicepresidentes. O resto do equipo directivo recunca desde o mandato anterior. Carmen Méndez na tesoureiría, Saamira Ganay na secretaría, Óscar Cruz, Susana Veira e Xavi Font nas vogalías, xunto coa presidenta saínte Ana Míguez, e Fernando Alfonsín. O novo presidente destacou que o sector audiovisual "ten o resto de buscar as fórmulas para incorporar talento novo constantemente, e que moitas rapazas e rapaces que agora rematan de estudar e pensan na posibilidade de dedicarse a isto non vexan tan lonxe ese obxectivo". .
Amplía a nova>>
01/06/2021
Youtubeir@s e Olloboi voltan para potenciar a creatividade audiovisual
Dúas das citas máis destacadas no apoio á nova creación audiovisual do país, o certame Youtubeir@s e o Festival de Cinema Escolar Olloboi, presentan as súas novas xeiras. As bases da quinta edición de Youtubeir@s, que se presenta co lema "Magnetismo en rede" están xa publicadas no web da iniciativa, a manter a contía de 7.500 euros en premios e as mesmas doce categorías. Como principal novidade da xeira, "a organización quere fomentar a creación e o mantemento de canles, polo que neste 2021 só se poderán presentar canles e non vídeos illados como en anos anteriores"..
Amplía a nova>>
01/06/2021
A Deputación da Coruña adxudica un millón de euros de axudas a festivais
A Área de Cultura da Deputación da Coruña deu a coñecer a resolución das convocatorias de subvencións a festivais organizados por entidades non lucrativas e concellos. As dúas liñas distribúen 514.425 euros entre 33 festivais de asociacións e 474.277 para 23 eventos promovidos directamente polos concellos da provincia. En total, case un millón de euros que facilitarán o desenvolvemento de 56 festivais de audiovisuais, musicais e de artes escénicas, o que sitúa a entidade como primeira institución no apoio económico a festivais segundo reivindicou o deputado responsable de Cultura, Xurxo Couto..
Amplía a nova>>
28/05/2021
Problemas e aprendizaxes da pandemia no audiovisual
A Asociación Galega de Produtoras Independentes presentaba en liña este 27 de maio o volume
Conversas abertas. Estudo cualitativo de produtoras audiovisuais galegas. Con este traballo a entidade "recolle a valoración e impacto que supuxo a pandemia nas produtoras galegas e unha pequena reflexión sobre o futuro do audiovisual". No mesmo, responsables de vinte e seis empresas do sector adiantan os proxectos nos que están a traballar e detallan os efectos, tanto positivos como negativos, que a situación sanitaria trouxo sobre o seu traballo. Repasamos estes impactos da man das súas declaracións.
.
Amplía a nova>>
25/05/2021
A Mostra de Cinema (S8) celebra unha edición dual desde A Coruña
A Mostra de Cinema Periférico (S8) abre este 28 de maio a súa XII edición a combinar as actividades presenciais na Coruña con propostas en liña. A relación entre o cinema e os soños e a emoción da proxección como experiencia colectiva serán o eixes do encontro que se desenvolve ata o vindeiro 6 de xuño. O cineasta granadino José Val del Omar será a figura central do evento, ao protagonizar unha iniciativa de difusión internacional artellada pola organización en colaboración con Acción Cultural Española. Un programa dobre, un especial en liña e unha conferencia con expertos na súa obra fan parte do proxecto, que itinerará por importantes institucións e eventos culturais do mundo ao longo do próximo ano.
.
Amplía a nova>>
21/05/2021
O filme 'A Esmorga' abre o novo programa sobre cine galego da TVG2
Este venres estréase na TVG 'Clac', o novo programa de cinema da canle pública, co audiovisual galego como protagonista absoluto. Cunha periodicidade semanal, 'Clac' emitirase desde hoxe na G2 ás 23:00 horas e estará presentado e dirixido pola xornalista Tania Fernández Lombao e contará, amais, coa colaboración do experto en cinema Eduardo Galán. En cada edición desenvolverase un coloquio con membros do equipo da película seleccionada, duns 30 minutos, e despois da conversa emitirase a película. Na súa estrea, 'Clac' estará dedicado a adaptación cinematográfica da obra máis emblemática de Eduardo Blanco Amor, 'A Esmorga'. Para achegarse as reviravoltas desta produción de éxito, conversarán no programa o director da cinta, Ignacio Vilar, e a actriz Sabela Arán, que formou parte do elenco principal. Ademais do coloquio e a proxección da película, o espazo incluirá unha sección con información da actualidade cinematográfica e da carteleira. .
Amplía a nova>>
18/05/2021
900.000 euros en axudas para as rodaxes en galego na provincia de Pontevedra
A Deputación provincial de Pontevedra dedicará 900.000 euros a promover as filmacións de proxectos audiovisuais en galego que teñan como escenario a provincia para mellorar a súa visibilidade e notoriedade como lugar de rodaxes. A Xunta de Goberno do ente vén de aprobar as condicións que deben cumprir a entidades que queiran formar parte de "Pontevedra, plató de cinema", o programa de patrocinio e mecenado ás rodaxes. Con este orzamento a institución eleva este ano a partida en 30.000 euros máis que na súa edición anterior..
Amplía a nova>>
06/05/2021
Compostela Filmada condensa a intensa relación entre Santiago e o cine
A primeira filmación cinematográfica da que se ten noticia en Santiago, que non se conserva, é de 1910, e a segunda, de 1920. Desde entón, a cidade foi escenario de case un centenar de rodaxes. Dar a coñecer a intensa vinculación histórica da capital galega co mundo do cinema é o obxectivo do proxecto Compostela Filmada, coordinado por Óscar Senra para o Concello de Santiago. A iniciativa, artellada a través dunha páxina web co mesmo nome, ofrece información dos máis de 90 filmes e doutros tantos documentais, curtametraxes e series nos que a cidade foi escenario das rodaxes. Ademais inclúese a información sobre os espazos de exhibición así coma dos festivais como Cineuropa, Curtocircuito, Amal ou MICE. A páxina web inclúe nese sentido recursos dous mapas, un que ofrece un paseo pola historia das rodaxes realizadas en Santiago, e o Mapa dos Cinema(tógrafo)s, onde se relembran as salas de proxección históricas da cidade..
Amplía a nova>>
04/05/2021
A Secretaría Xeral de Política Lingüística lanza a serie Unha palabra para Xela
Un total de trinta e unha pezas audiovisuais, que se van publicando diariamente durante o mes de maio. Esta é a proposta que ten xa en marcha a Secretaría Xeral de Política Lingüística no seu web e mais na súa canle de Youtube. O proxecto, que desenvolveu Arraianos Producións, conta con "académicos e académicas da lingua galega, familiares, amigos e amigos e tamén doutras persoas que tiveron relación coa autora" que escollen en cada unha das pezas "unha palabra que destaca a calidade que, na súa opinión, mellor define a homenaxeada ou retrata un trazo persoal, faceta ou obra da autora que valora especialmente".
.
Amplía a nova>>
30/04/2021
O Festival de cine de Málaga premia a Oliver Laxe pola súa traxectoria
O Festival de Málaga de Cine Español ven facer pública a súa decisión de conceder o Premio Málaga Talent ao cineasta Oliver Laxe. O recoñecemento, que se outorga en colaboración co xornal La Opinión de Malaga entregarase na 24ª edición do festival que se celebra entre o 3 e o 13 de xuño. O festival premia en Laxe a súa traxectoria, da que destaca "unha ollada singular sobre o mundo e un forte compromiso co cine coma expresión artística", ademais dos numerosos premios recollidos coas súas obras desde 'Todos vos sodes capitáns'(2009) e 'Mimosas'(2015) ata a recente 'O que arde'(2019). O festival de Málaga lembra que Laxe é, con Víctor Erice, o único cineasta español seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras e o único en ser premiado en todas as súas participacións..
Amplía a nova>>