Coma unha homenaxe e recoñecemento ao traballo feito por Xosé Vizoso xunto a Isaac Díaz Pardo en Sargadelos desde 1968, a produtora Arraianos, co apoio da Deputación provincial da Coruña ven de presentar un proxecto na rede sobre o artista. Poñendo o foco na traxectoria do mindoniense, na súa achega ao éxito de Sargadelos como creador e deseñador e na variedade da súa obra en diferentes formatos, o web saca da sombra de Isaac a este artista fundamental e sempre presente nos pasados 50 anos da cultura galega. Ademais, dentro deste web inclúese un proxecto pedagóxico multimedia polo cal Arraianos en colaboración de tres centros educativos de Brión e Santiago de Compostela, están a organizar actividades arredor da exposición itinerante de carteis de Xosé Vizoso e levaron a cabo unha entrevista gravada en vídeo co propio Vizoso feita polo alumnado do IES Rosalía de Castro de Santiago e dirixida por Aser Álvarez baixo a coordinación didáctica do profesor Alberto Sacido, entrevista que á vez fai parte dun documental.