23/07/2024
A memoria documental e viva dos cines de Pontevedra nunha exposición
O vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, acolle desde onte e ata o 30 de agosto a mostra 'Cines de Pontevedra'. Esta exposición recupera a memoria das salas de cine da provincia, con materiais e documentación, que dan a dimensión da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais dos restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, a exposición inclúe tamén un documental que recolle os testemuños e recordos de persoas que viviron o esplendor destas salas previo á chegada da televisión, memorias e vivencias persoais recollidas en colaboración cos concellos e centros de persoas maiores da provincia de Pontevedra, que participaron cubrindo máis de 500 enquisas e mantendo conversas sobre os seus recordos do cine. Froito dese traballo, realizáronse as gravacións durante o verán de 2022. A mostra está comisariada por Jesús Ángel Sánchez García e tra-lo seu período no Pazo Prvincial percorrerá os concellos da provincia..
Amplía a nova>>
19/07/2024
Fondo pesar pola inesperada morte de Xabier Deive
Un comunicado da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) deu a coñecer onte publicamente o inesperado falecemento do actor Xabier Deive (Narón, 1970) aos 54 anos. A triste noticia tiña rápido eco entre o sector da escena e o audiovisual galego onde caeu coma unha bomba. Nas redes sociais numerosas mostras de aflición entre actores e actrices, compañeiros de rodaxes e escenarios do falecido, foron deixando o rastro dixital do pesar do sector. Intérpretes como Antonio Durán "Morris", Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Luis Iglesia, Camila Bossa, Tito Asorey ou Pepo Suevos, ademais da realizadora Sonia Méndez coa que moi recentemente rodou o filme 'As Neves', entre outros deixaron sentir a súa tristeza. Tamén a Academia Galega do Audiovisula tivo unha lembranza do falecido e trasladou o seu pésame a amigos e familiares. .
Amplía a nova>>
17/07/2024
Xan Leira presenta o documental sobre a histórica Agrupación Cultural Abrente
A Casa do Concello de Ribadavia acolleu a presentación do documental "Abrente, do ermo á rebeldía", unha peza audiovisual dirixida polo realizador Xan Leira que terá a súa estrea a coincidir coa clausura da 40 edición da Mostra Internacional De Teatro da localidade, o vindeiro domingo 27 de xullo. O propio concello está detrás da produción audiovisual na que Leira, experto documentalista da memoria galega a través do seu proxecto Memoria da Galiza, recupera a historia da Agrupación Cultural Abrente, nacida en Ribadavia en 1969 en e coñecida sobre todo polas Mostras de Teatro Galego que organizou entre 1973 e 1980, precursoras da actual MIT. A asociación tamén tivo importantes fitos no eido da arte e acumulou ao longo da súa historia unha colección de arte contemporánea que suma arredor de 60 obras e eno sector cultural as súas accións tiveron ecos que supuxeron importantes fitos na cultura galega. No documental participan algúns dos protagonistas desta historia, como José Luis Chao, Mercedes Rodríguez, Concha Domínguez, Isolina Rionegro, José Manuel Davila, Luisa Escudero, Carmen Escudero, Amelia Fariña, Celsa Ferreiro, Roberto Pascual, César Fernández, Maximino Queizán, César Llana, José Ramón Estévez, María del Carmen Vilar, Víctor Corral e Francisco Chao. Na presentación deste traballo Leira sinalaba como xurdía a inquedanza duns mozos de Ribadavia do ano 1969, "que dunha ou doutra maneira ou de maneira intuitiva sintonizaban coa música de cambios que estaba percorrendo o mundo a finais dos anos 60". A proxección do documental será o sábado 27, ás 19:00h na Casa da Cultura de Ribadavia..
Amplía a nova>>
15/07/2024
As Medallas de Galicia 2024 recoñecen ao noso audiovisual
Cada ano, desde 2021, a Xunta outorga as Medallas de Ouro de Galicia en torno a un eixo vertebrador que exemplifique un sector, un movemento ou un concepto. Se o ano pasado foi a música a recoñecida, este ano o Goberno Autonómico buscou recoñecer a traxectoria do noso audiovisual e a súa importancia económica, artística e cultural para o noso país. Desde xeito designou como merecentes destes galardóns a dous profesionais e unha institución do sector. Son o actor natural de Cospeito, Luís Tosar, con tres premios Goya; a produtora Zaza Ceballos, da empresa Zenit Televisión; e a Academia Galega do Audiovisual, que xa leva máis de 20 anos de actividade e que organiza os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. O vindeiro día 24 de xullo faráselles entrega das distincións nun acto público, como é tradición..
Amplía a nova>>
05/07/2024
O documental 'Maridos e sodomitas' investiga a historia do matrimonio homosexual na Idade Media
A Deputación Provincial da Coruña produce o filme documental 'Maridos e sodomitas. Os casamentos de home no Reino da Galiza medieval', con realización de NÓS Televisión que xa pode verse en acceso aberto en Youtube a través das canles do ente provincial e da produtora. Con idea orixinal do filólogo, investigador, Carlos Callón autor da obra 'Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media', neste filme Callón documenta e presenta este percorrido da súa investigación que converte nunha ruta por varios lugares da nosa xeografía, nos que se entrevista con outros investigadores que fan as súas achegas sinalando elementos que deixaron constancia da normalización das relacións homosexuais ate finais da Idade Media. Seguindo a procura e interpretación de diferente documentación, vestixios arqueolóxicos e monumentos o documental asegura que o primeiro casamento documentado entre homes de todo o Estado español, no século XI, tivo lugar no concello de Rairiz de Veiga, segundo consta no Tombo de Celanova..
Amplía a nova>>
03/07/2024
A deputación da Coruña reparte medio millón de euros en apoio a 23 festivais de concellos
Noventa asociacións culturais, veciñais ou de outras naturezas pero sen ánimo de lucro da provincia da Coruña recibirán axudas da Deputación para a realización de investimentos culturais, por un valor de 297.978 euros. As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias recibirán importes de entre 1.500 euros ata o máximo de 14.000 euros que se destina a Asociación para a defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) para investimentos no seu programa "Ciencia cidadá" 2024. Así consta na resolución definitiva publicada no BOP da Coruña polo ente provincial o pasado 25 de xuño. Ademais diso a Deputación da Coruña destinará unha partida de 535.304 euros para o programa de subvencións a concellos e entidades locais para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas na provincia durante o ano 2024. Neste exercicio son 23 os beneficiarios, entre eles Carballo Interplay, Cineuropa, Curtocircuíto, Á esCEEna, Rock in Cambre e Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Recibirán axudas de entre 3.000 e 65.000 euros. A relación de beneficiarios e o importe das subvencións publicáronse no BOP do 27 de xuño..
Amplía a nova>>
02/07/2024
A Deputación da Coruña aumenta o seu apoio ao Clúster Audiovisual
A Deputación Provincial da Coruña ven de asinar un convenio co Clúster do Audiovisual Galego (CLAG) polo cal financiará con 244.647,65 euros a actividade do Clúster ata o 21 de marzo de 2025. O pasado ano ambas entidades asinaron un acordo vencellado ao desenvolvemento do "Proxecto I+P, INCUBA" polo cal o ente provincial achegaba 30.000 euros, co cal o actual convenio supón un incremento moi importante da achega provincial á actividade do CLAG. Este convenio preséntase como xeito de contribuír á consolidación da provincia e de Galicia como referencia nacional e internacional no sector. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente do Clúster, Alfonso Blanco, foron os asinantes nun acto que contou coa presenza da deputada de Industria e Empresa, Rosa Ana García..
Amplía a nova>>
02/07/2024
O Fancine de Lemos dá comezo á súa décima edición
Desde este día 2 e ata o vindeiro 7 de xullo Monforte de Lemos acolle a décima edición do Fancine. O Festival de Xéneros Fantásticos conta nesta ocasión con 24 curtametraxes a concurso, que se poderán ver na Casa da Cultura e mais no Cine Hollywood. Estes últimos acollerán ademais as cinco longametraxes que fan parte da programación desta xeira..
Amplía a nova>>
28/06/2024
AGADIC aumenta as axudas para produción de longametraxes cinematográficas
Poucos días despois da convocatoria de axudas para a realización de rodaxes en Galicia a Xunta ven de aumentar a súa aposta polo valor da produción audiovisual publicando no Diario Oficial de Galicia unha corrección da convocatoria presentada en xaneiro para axudas á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos que aumenta considerablemente a partida dedicada a esta fin. A resolución actual da Axencia Galega das Industrias Culturais aumenta ata os 3.000.000 de euros o orzamento desde os 2.500.000 que tiña inicialmente e que viña mantendo sen variación durante os catro anos anteriores. .
Amplía a nova>>
26/06/2024
A Xunta convoca as axudas ás rodaxes en Galicia
A Xunta ven de presentar unha nova quenda, a terceira, das axudas para as rodaxes audiovisuais en Galicia, unha ferramenta de captación de producións que supoñen un beneficio para o país en base ao gasto estimado e a mobilización de servizos locais e profesionais do país. Repítese o orzamento de dous millóns a repartir en dúas metades con carácter plurianual, para os anos 2024 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027. O pasado venres a Axencia Galega de Industrias Culturais convocou ao sector a unha xuntanza para darlles a coñecer esta nova convocatoria que hoxe sae publicada no Diario Oficial de Galicia. A finalidade desta convocatoria é estimular e impulsar a execución de rodaxes audiovisuais en Galicia para, por unha banda, fomentar a cadea de valor da industria do sector audiovisual galego, co obxectivo de mellorar a súa competitividade, o crecemento sustentable e o mantemento do emprego de calidade das empresas e, por outra, situar a Galicia como escenario de rodaxes audiovisuais de nivel internacional..
Amplía a nova>>