09/12/2021
A sexta edición de Novos Cinemas volverá a traer o cinema emerxente a Pontevedra
O festival Novos Cinemas, ofrecerá entre o 14 e o 19 de decembro en Pontevedra algunhas das producións máis representativas do audiovisual galego e internacional emerxente. A sexta edición deste encontro organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones abrirase coa estrea en Galicia do documental de creación 'A Virxe Roxa' (Recrea Films), de Marcos Nine, presentado na Seminci e que conta coas voces de Nerea Barros, María Vázquez e Antonio Durán "Morris". Nove propostas de orixes internacionais variadas -oito delas inéditas en Galicia e unha delas de produción galega ('Eles transportan a morte', de Helena Girón e Samuel Delgado) - compoñen a Sección Oficial desta edición, que intentan debuxar un dos posibles itinerarios do cine contemporáneo: o que aspira a reflexar parte do espírito do noso tempo. Ademais durante esta edición do festival poderán verse en exclusiva como avance algunhas das imaxes da longametraxe 'Matria' de Álvaro Gago. .
Amplía a nova>>
02/12/2021
Un documental explora o panorama literario galego na emigración
O director Xan Leira presentaba este un de decembro a súa última produción audiovisual, o documental
Buenos Aires, a capital do libro galego no exilio. O proxecto, que contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, reivindica a importancia da capital Arxentina para a produción editorial na nosa lingua no século XX. Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luis Axeitos ou os xa desaparecidos Xosé Neira Vilas, Maruxa Seoane, Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego, Arturo Cuadrado ou Mariví Villaverde pasan pola pantalla da produción a falar sobre este tema. .
Amplía a nova>>
30/11/2021
O Fanzine Fest atende a escena local na súa sétima xeira
Desde este 30 de novembro e ata o vindeiro 5 de decembro A Coruña acolle a sétima edición do Fanzine Fest. A cita especializada en música electrónica presenta un cartel no que destacan nomes coma Anthony Rother, Martin Messier, Orbe ou Okkre. Canda a eles, artistas como DJ Ino, CRNDS, Parallax, Roi, Marta Verde ou Athal-Berath, fan parte dun programa que abrangue estilos como o techno, house, dance, ambient ou punk electrónico..
Amplía a nova>>
30/11/2021
Presentan un documental sobre a muller romana na Gallaecia
Onte pola tarde presentouse o documental
A muller romana na Gallaecia, un proxecto dirixido pola profesora da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch que destaca o papel das mulleres galaicas e da posterior Gallaecia romana a partir dos datos existentes, e fontes como a arqueoloxía, o dereito ou as crónicas de época. O documental contou tamén coa asesora da profesora da Universidade de Vigo Susana Reboreda e presta unha especial atención ao dereito romano. O documental fai visible unha presenza feminina moitas veces pouco considerada e inclúe numerosas recreacións actorais en espazos históricos reais. O documental está producido por Imagia Video, realizado en colaboración das Universidades de Vigo e León e financiado pola Xunta de Galicia. Na rede pódese ver unha presentación. .
Amplía a nova>>
29/11/2021
Olaxonmario coróase nos Premios Youtubeiras con dous galardóns
Os Premios Youtubeiras celebraron o pasado venres 26 de novembro a gala na que entregaron os galardóns da súa quinta edición. Olaxonmario ergueuse como o grande vencedor da xeira ao obter dous dous cinco recoñecementos aos que aspiraba, o de Youtubeira/o e o de Vídeo pola peza
Por que é que non entendo o Portugués? Co @Portuguese With Leo. O xurado destacou deste creador a súa capacidade de "conectar con moita xente dentro e fóra das nosas fronteiras" e do seu vídeo gañador o ser "dos vídeos en galego non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube"..
Amplía a nova>>
29/11/2021
Luis Tosar e Celso Bugallo son finalistas dos Premios Goya
As interpretacións de Luis Tosar en 'Maixabel' (Icíar Bollaín) e de Celso Bugallo en 'El buen patrón' (Fernando León) foron recoñecidas polos membros da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España colocando aos actores galegos como finalistas aos premios Goya a Mellor Actor Protagonista ( Tosar) e Mellor actor de Reparto (Bugallo). Os intérpretes repiten así as súas candidaturas finalistas dos Premios Feroz, outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España. O ourensán Chechu Salgado tamén está na quiniela de finalistas como mellor actor revelación polo seu traballoo en 'Las leyes de la frontera'..
Amplía a nova>>
29/11/2021
Culturgal fecha a súa 14 xeira a sumar 9.000 visitas
Cun día menos de apertura ao público e un panorama aínda marcado pola pandemia de Covid-19, a Culturgal fechaba este 28 de novembro a súa décimo cuarta edición a sumar 9.000 visitas. A organización da Feira das Industrias Culturais Galegas salientou, a través do director do evento, José Aldea, que "a afluencia de público superou as nosas expectativas xa que hai só unhas semanas os aforos que manexabamos eran moito máis reducidos. Recibimos unha resposta moi positiva dos participantes que nos manifestaron a importancia de reencontrarnos, o que fai que nos decatemos da dimensión humana ou emocional, se se quer de Culturgal, como cita de referencia para o sector"..
Amplía a nova>>
25/11/2021
A revista A Cuarta Parede leva o X premio José Sellier
A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer este 24 de novembro o fallo do X premio José Sellier co que recoñece iniciativas salientables neste sector. Nesta xeira, a entidade galardoou a revista dixital
A Cuarta Parede, que cumpre tamén dez anos neste 2021. A publicación galardoada, primeira revista dixital de crítica cinematográfica en galego, acumulou nesta década máis dun milleiro de artigos publicados, e unha rede de colaboradores que supera as cento cincuenta persoas. Para alén deste labor, desenvolveu seminarios da crítica, o proxecto colectivo Cinegalicia 2019 ou a serie
#Procesos, con entrevistas en profundidade a creadoras e creadores galegos.
.
Amplía a nova>>
22/11/2021
Defínense as accións para celebrar en 2022 o centenario de María Casares
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou os plans da Xunta de Galicia para a conmemoración en 2022 do centenario de María Casares. A presentación da programación amosa a intención do goberno autonómico de dar visibilidade ao legado da artista tanto dentro como fóra da Comunidade a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. Na conmemoración do ano de María Casares implícanse tamén entidades e institucións de distintos territorios, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras. Ademais da programación impulsada polo goberno galego, tamén o Concello da Coruña prepara as súas propias actividade de conmemoración no 2022 para o Ano Internacional María Casares..
Amplía a nova>>
19/11/2021
Un cento de eventos compoñen o programa do XIV Culturgal
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollía na mañá deste 19 de novembro a presentación do programa da XIV edición de Cultural. A Feira das Industrias Culturais Galega celébrase nesta mesma localización entre os vindeiros 26 e 28 de novembro a achegar un programa cunha centena de propostas vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais ademais de Cento dezanove postos e máis oitenta empresas representadas..
Amplía a nova>>