16/11/2021
Os traballos finalistas do V Premio Youtubei@s xa se poden ver na rede
A casa da cultura de Bertamiráns (Ames) acollerá o 26 de novembro a gala de entrega dos V Premios Youtubeir@s. O trío Tanxugueiras presentará un acto eminentemente musical no que se darán a coñecer os traballos gañadores das 12 categorías desta edición. A coordinadora do certame, Carme Pereiro, destacou na presentación deste evento un "notable aumento na calidade técnica e de contidos" e "unha importante ampliación das temáticas tratadas" nesta xeira do certame..
Amplía a nova>>
16/11/2021
A preservación dos océanos e a súa diversidade na XXX Semana de Cine Submarino
A XXX Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo volve atoparse co seu público durante os dias 17, 18 e 19 de novembro, tras suspenderse en 2020 polas restricións da pandemia. O ciclo mantén a súa filosofía inicial cando se puxo en marcha en 1986 para converterse xa entón nun foro de divulgación e debate co fin de preservar a vida mariña. O público volverá a gozar das mellores producións internacionais e, nesta ocasión, os temas nos que afondará serán desde a vida oceánica ata o máis próximo como é a costa cantábrica. Tres das películas son producións de National Geographic. Posteriormente a cada proxección, celebrarase un debate posterior que contará cun invitado. A XXX Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo terá lugar no Teatro Afundación de Vigo, entidade colaboradora do ciclo. A entrada será de balde ata completar aforamento e as sesións comezarán ás 20.00 horas e seguirase rigorosamente o protocolo sanitario vixente..
Amplía a nova>>
15/11/2021
Xesús Fraga, Miguel Anxo Seixas ou Margarita Ledo son recoñecidos cos Premios da Crítica
A Fundación Premios da Crítica de Galicia celebrou este sábado 13 de novembro en Vigo a 44 edición dos seus galardóns. O fallo recoñeceu na categoría de Creación Literaria a obra
Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, da que destacou " a perspectiva novidosa da emigración e centros cosmopolitas europeos; a construción dunha época que visibiliza e dignifica as mulleres emigrantes galegas; e a creación dun universo autoficcional sen condescendencias".
Castelao. Construtor da nación. Tomo II valeulle a Miguel Anxo Seixas o premio de Investigación por unha "investigación profunda e rigorosa que se achega á figura fulcral da cultura galega". .
Amplía a nova>>
10/11/2021
A asociación de produtoras independentes crea o Premio de Honra Dolores Ben
A Asociación Galega de Produtoras Independentes - AGAPI acordou crear o Premio de Honra Dolores Ben para manter viva a memoria de quen foi presidenta desta asociación do sector audiovisual e recoñecer ás persoas e institucións que encarnan os valores de loita e defensa do ben común que ela mesma representaba. Dolores Ben, falecida en 2020 aos 64 anos, era un referente do audiovisual galego en xeral e da presenza feminina na profesión a un alto nivel. Muller rexa, loitadora e imprescindíbel no panorama cultural galego e estatal, contribuíu coa sua dedicación e esforzo a construír un horizonte sólido de futuro audiovisual. Asemade fundou varias empresas de referencia no eido do son, un campo no que foi pioneira como emprendedora e muller. Cinemar Films continúa o seu legado sendo o único estudo cinematográfico homologado por Dolby e DTS en Galicia. Con este premio honorífico que leva o seu nome, AGAPI quere distinguir a labor das persoas, empresas ou institucións que recollan os valores que ela tanto defendía e dos que facía gala cos seus actos: a forza da unión para acadar obxectivos, a perseveranza, a entrega altruísta a prol do ben común e o traballo en rede para tecer alianzas co fin de acadar un mellor porvir. Nas vindeiras semanas a Asociación dará a coñecer o nome do/a premiado/a nesta I Edición..
Amplía a nova>>
10/11/2021
O Observatorio da Cultura confirma a recuperación do sector no final de 2021
O Consello da Cultura Galega presentaba na mañá deste 10 de novembro a nova Conxuntura Estatística do Ámbito Cultural que elabora o Observatorio da Cultura Galega a repasar a situación do sector ao longo do que levamos de 2021. Os datos amosan, a referendar análises anteriores deste departamento, unha importante recuperación deste ámbito. En particular, o estudo destaca o incremento en gasto cultural das familias, que no período estudado viuse incrementado logo de anos..
Amplía a nova>>
09/11/2021
Ata 17 proxectos audiovisuais obterán axuda para a súa fase inicial
A Xunta ven de facer pública a adxudicación de 300.000 euros en axudas para o desenvolvemento de 17 novos proxectos audiovisuais de produción galega, dos que nove corresponden a longametraxes de dirección novel. Esta liña de subvencións, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para impulsar a fase de preprodución de filmes e series para cinema e televisión cara á súa rodaxe nos vindeiros anos incrementou este ano un 15% o seu orzamento respecto a 2020, de xeito que se apoian dúas propostas máis que o ano pasado. Segundo a resolución de adxudicación, mediante esta convocatoria apóianse 12 propostas de desenvolvemento na modalidade de longametraxes e series de ficción, catro na de documentais e unha de animación. Outras trinta propostas foron desestimadas para optar á subvención ao non acadar a suficiente puntuación na valoración segundo as bases. .
Amplía a nova>>
04/11/2021
Andrés Goteira estreará o seu novo filme no Festival Internacional de Cine de Xixón
O vindeiro día 21 de novembro terá lugar en Xixón, no marco do 59ª Festival Internacional de Cine a estrea absoluta da longametraxe "Welcome to ma maison", nova obra do director Andrés Goteira ("Dhogs"). O filme, unha historia en formato de falso documental rodada orixinalmente en galego, castelán e inglés, participa na sección oficial do certame. "Welcome to ma maison" está producida por Gaita Filmes en coproducción con Dentada Films conta unha investigación cinematográfica do actor Igor Fernández, que emprende unha viaxe a Los Ángeles para coñecer ao director de cine Nicolas Winding Refn e mestura partes de ficción con outras reais do seu periplo. Esta é a primeira longametraxe de Goteira tras a aclamada "Dhogs" (2017) , a súa ópera prima que fixo historia nos Premios Mestre Mateo do audiovisual ao converterse produción máis premiada da historia destes galardóns con 13 premios, ademais dos que recolleu en festivais de todo tipo. .
Amplía a nova>>
04/11/2021
A Coruña celebrará no 2022 o centenario de María Casares
O Concello da Coruña impulsará no 2022, centenario do nacemento da actriz María Casares, unha gran cantidade de actividades, tanto de creación propia como colaboracións vencelladas con Francia, país onde ela viviu e desenvolveu a súa traxectoria artística. A programación do Ano Internacional María Casares estará comisariada por María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, ensaísta e tradutora e especialista na figura de María Casares. Esta iniciativa xorde coa intención de identificar a María Casares coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como muller independente e amosar a cultura como un ben común. A Xunta de Galicia tamén anunciou en setembro pasado a súa intención de levara a cabo homenaxes neste centenario da actriz..
Amplía a nova>>
03/11/2021
Cineuropa dá o salto de mostra a festival internacional
A edición de relanzamento de Cineuropa tras un ano de "resistencia cívica" minimizada polas circunstancias sanitarias supón un salto cualitativo histórico para o evento, máis alá de volver a ofrecer as capacidades das salas ao completo. O director do evento, José Luís Losa, presentou hoxe as características deste ano, nas que destaca o cambio desde o concepto inicial de "mostra" ao de "festival competitivo" no que haberá unha sección oficial a valorar por un xurado internacional cos correspondentes premios. Segundo Losa, esta opción, que xa levaba anos en estudio, "axuda a definir a liña editorial e dá músculo e visibilidade a Cineuropa no circuíto de festivais". Para o director esta decisión coloca a Cineuropa como "o festival internacional de cinema de longametraxes de Galicia" de referencia, sen perder a súa esencia..
Amplía a nova>>
03/11/2021
O Festival Intersección dá a coñecer o palmarés da súa IV edición
O Festival de Arte Audiovisual Contemporánea Intersección daba a coñecer este sábado 31 de outubro o palmarés da súa IV edición. Nos galardóns, o Premio da Asociación Sindical Galega de Guionistas, foi para Judith Adataberna, pola súa obra
Memoria de Emerxencia. O xurado destacou o seu xeito de "abordar o minifundismo como herdanza do que somos, a través dunha proposta narrativa chea de sentimento e verdade". Na sección escolas, pola súa banba, o premio foi para
Leite. Sangue. de Laura MS, "pola súa capacidade de articular un relato propio a partir dun material videográfico doméstico preexistente". .
Amplía a nova>>