Novas | 3971 a 3980 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

02/09/2004
O Grupo Correo Gallego denuncia que ningún organismo recolle datos dos espectadores de cine en galego

A Consellaría de Cultura, a Dirección Xeral de política Lingüística, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a Academia Galega do Audiovisual e o Consorcio do Audiovisual son entidades que se encargan de promover o cine galego e en galego. Pero ningunha delas, tal e como veñen de publicar os xornais do Grupo Correo Gallego, se encarga de rexistrar o número de espectadores en galego. Até o de agora o único informe que ten datos ao respecto é "O Audiovisual Galego 2003" editado pola Xunta de Galicia.

Máis información en Galicia Hoxe

. Amplía a nova>>

02/09/2004
A Compostela Film Commission promoverá a Galicia como plató de rodaxe na Mostra de Venecia

O filme de Alejandro Amenábar rodado en Galicia e protagonizado por Javier Bardem, competirá polo León de Ouro na Mostra de Venecia que comezou onte. Un evento ao que irá Francisco Candela, concelleiro de Turismo de Santiago, o director Jorge Coira e diferentes técnicos da Santiago Film Commission, co obxectivo de promover a capital galega como escenario para a produción de películas. Ademais, en Venecia terá lugar a terceira xuntanza técnica da "Rede Cidades de Cine" á que pertence Santiago e na que abordarán os traballos feitos desde a última reunión, a creación da web da rede e un estudo comparativo das ordenanzas municipais en canto as rodaxes.

Máis información no web  Santiagoturismo.com

. Amplía a nova>>

23/08/2004
A Coruña acolle un curso de dobraxe infantil

A industria cinematográfica tiña un problema ao de dobrar películas infantís e todas aquelas producións nas que saían nenos. Até o de agora a solución pasaba por empregar voces femininas. Por iso, unha empresa coruñesa acaba de ofrecer o primeiro curso de dobraxe infantil do estado. Os alumnos, que deberán ter entre dez e catorce anos, aprenderán técnicas de educación vocal para ler e expresarse correctamente así como axuda para vencer a timidez.

Máis información en El Ideal Gallego

. Amplía a nova>>

18/08/2004
O Festival de Cine de Ourense dedica un ciclo á cinematografía da emigración

Cada vez sabemos máis da programación do Festival de Cine de Ourense que se desenvolverá do 6 ao 13 de novembro. A última novidade é un ciclo monográfico sobre o fenómeno migratorio e a súa relación coa cinematografía que se titulará "Cine e emigración". Un espazo que se centra en tres partes: render unha homenaxe ao actor ourensá Fernando Luís Iglesias Sánchez, "Tacholas" e dúas series de exhibición de filmes. Unha sección na que colaboran a consellaría de Emigración da Xunta de Galicia, O Consello da Cultura Galega e o historiador de cine Manuel González Álvarez.

Máis información en La Voz de Galicia e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

12/08/2004
Deboura Cultural leva ao cinema o libro de Roque Cameselle “Bieito Dubidoso”

Roque Cameselle publicou con Xerais a historia dun mago que vivía na Galicia medieval, durante as discordias provocadas por Xelmírez entre Braga e a corte compostelana. E agora coa produtora Deboura Cultural traballa en adaptar o seu libro á gran pantalla. A película de animación chegará ás carteleiras en decembro do 2005.

Máis información en Vieiros e sobre a novela en LG3

. Amplía a nova>>

11/08/2004
A Fraga Maldita e Libre Producions coproducen a longametraxe de ficción "Tres cuartos de hora"

Cáceres, Madrid e A Fonsagrada son os escenarios nos que se rodará "Tres cuartos de hora" a película coa que a produtora A Fraga Maldita se estrea nas longametraxes. O filme, coproducido coa factoría estremeña Libre Producións, conta cun guión de Ana Baliño e ten un orzamento de 623.000 euros.

Máis información no web de A Fraga Maldita

. Amplía a nova>>

10/08/2004
Jorge Coira e Héctor Carre estrean as súas longametraxes

Dous directores galegos estrean este mes as súas longametraxes. Por orde cronolóxica comezamos con Héctor Carre (A Coruña, 1960) xa que este venres 13 chega ás carteleiras “A promesa”, protagonizada por Carmen Maura, Ana Fernández, Evaristo Calvo, Xulio Lago e Luísa Mérelas. E unha semana máis tarde, o venres 20, poderase ver a primeira longametraxe de Jorge Coira (Rábade, 1971). Titúlase “O ano da carracha” está protagonizada por Javier Veiga, Verónica Sánchez e Félix Gómez e chega logo de presentarse en Madrid e no Festival de Cine de Málaga.

Consulta a web de La Promesa e a ficha de “O ano da carracha”

. Amplía a nova>>

09/08/2004
José Sacristán, Juan Antonio Bardem e Pilar Miro son os homenaxeados na 9ª edición do Festival de Cine de Ourense

O festival de cine de Ourense comeza xa a perfilar a programación da que será a súa novena edición, que se desenvolverá do 6 ao 13 de novembro. José Sacristán será o Premio Concello de Ourense, Juan Antonio Bardem o premio Memoria Histórica e o cine de Pilar Miro protagoniza a sección “Cine en Feminino”. Brasil será o país convidado e haberá tamén as clásicas seccións “Cine e emigración”, “Eixo atlántico”, “Inédito en Ourense” e a retrospectiva ao cine galego e as películas restauradas. Ademais, a organización recibiu 480 películas, das que só haberá 70 seleccionadas (10 longametraxes, 50 curtas e 10 documentais), o que confirma a boa saúde da que goza o festival.

Máis información sobre as anteriores edicións na nosa hemeroteca e no web do Festival

. Amplía a nova>>

05/08/2004
Hoxe comezan as Xociviga con dúas xornadas de preámbulo

As Xociviga, as históricas xornadas de cine e de vídeo de O Carballiño, comezan hoxe. E fano dun xeito diferente ás 20 edicións anteriores porque durante dous días ofrecerán un aperitivo do que será propiamente o programa deste ano, que se desenvolverá do 21 ao 29 de agosto. A relación co audiovisual e coa historia lusa está moi presente, e sobre estes aspectos inciden as dúas xornadas de preámbulo. Nelas inaugurarase a exposición “O 25 de abril”, ademais dunha serie de conferencias sobre a revolución dos cravos e a súa relación co documental, que forman parte de “Documentalia”, unha das seccións desta edición.

Consulta o programa neste web e máis información sobre as xornadas na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

04/08/2004
O director Isidro Ortiz roda en Galicia a longametraxe "Somne"

Os galegos Nancho Novo, Chete Lera, Uxía Blanco xunto con Goya Toledo e Óscar Jaenada están estes días en Santiago rodando "Somne, o que soña". Unha película do director Isidro Ortiz que narra o desenvolvemento dun proxecto que busca transmitir información entre ordenadores e seres vivos durante as horas do soño. Mais non é a única produción prevista para rodar en Galicia, xa que Pontevedra acollerá a gravación de "Residencial Caribe", a primeira longametraxe do director Ángel Peláez que pretende analizar as diferenzas e similitudes da irmandade cultural entre Cuba e Galicia.

Máis información sobre Somne en La Voz de Galicia e sobre “Residencial Caribe” na edición de hoxe de Diario de Pontevedra

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org