Novas | 3721 a 3730 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

23/12/2005
A Xunta alude a complexidade dos informes técnicos para prorrogar a concesión de licenzas de radio e televisión

Malia que as licenzas de televisión dixital de cobertura autonómica se concederon hai varios meses, non foi o caso das de ámbito local. E non se van resolver, polo menos, en tres meses. O Consello da Xunta acordou onte fixar este prazo de prorroga para resolver o concurso público polo que se conceden estas licenzas mais as de radio dixital tanto local como autonómica. A complexidade dos informes técnicos así como as contradicións na documentación sobre estas licenzas obrigaron ao actual executivo a tomar esta medida.

Máis información no Consello da Xunta e en El Correo Gallego e sobre o procedemento nos nosos arquivos

. Amplía a nova>>

20/12/2005
O CGAI proxecta un documental que recupera imaxes gravadas por Díaz Noriega na cadea

José Ernesto Díaz-Noriega filmou a súa prisión nunha cadea estremeña en 1939 cunha cámara que mantivo oculta. Sabíase das imaxes por varias publicacións pero considerábanse desaparecidas ata que o cineasta húngaro Peter Dorgacs as descubriu mentres realizaba o seu documental “O can negro”, centrado na Guerra Civil Española. Unha largometraxe que se proxectará no CGAI o vindeiro 23 de decembro e que suporá a estrea destas imaxes dun dos primeiros realizadores considerados galegos dos anos setenta.

Máis información en La Voz de Galicia e na ficha de José Ernesto Díaz Noriega

. Amplía a nova>>

20/12/2005
Unha serie de TVE-G resumirá a historia do actual estatuto

En medio da celebración das vodas de prata do noso Estatuto, a Televisión Española en Galicia achega o seu gran de area aos festexos. Faino coa emisión dunha serie de once capítulos que pretenden servir de repaso pola historia recente do noso país desde a aprobación do Estatuto en 1981 ata a actualidade. Non é a única novidade da televisión pública, xa que a TVG porá en marcha novos espazos culturais en “prime time” ademais de dous anuncios para animar aos consumidores a regalar libros este Nadal. Un dos programas comezará a emitirse en xaneiro e recollerá a actualidade e as tendencias da cultura galega, o segundo comezará despois de Semana Santa e será específico de libros e literatura.

Máis información en La Voz de Galicia sobre a serie de TVG en Galicia e sobre as novidades culturais da TVG

. Amplía a nova>>

19/12/2005
O goberno presenta un borrador para definir unha produción audiovisual galega

¿Que é unha produción galega? ¿unha película rodada aquí? ¿con capital galego? ¿que estea no noso idioma? A definición do que é unha produción galega é máis importante do que parece. Ademais de constituír a marca de identidade dun traballo, dese criterio dependen as subvencións e as liñas de axuda do goberno ao sistema audiovisual.. Amplía a nova>>

15/12/2005
As dúas producións que compiten polo Goya a mellor longametraxe de animación son galegas

“O soño dunha noite de San Xoán” (Dygra) e “Gisaku”(Fílmax e Bren) son dúas producións galegas e únicas rivais na categoría de mellor longametraxe de animación para a XX edición dos Premios Goya. Unha edición na que “Obaba” de Montxo Armendáriz se ergue como favorita con dez candidaturas entre as que figura mellor película, mellor director e mellor actor revelación. Séguelle “Princesas” de Fernando León, con nove candidaturas e Ninette de Jose Luís Garci con seis. As coproducións das principais empresas do noso país optan a numerosas estatuíñas. De Continental figuran “Para que non me esquezas”, candidata a actriz protagonista (Emma Vilarasau), actriz de reparto (Marta Etura) e dirección artística; “Un rei na Habana” a mellores efectos especiais; e “Heroína” a mellor actriz protagonista (Adriana Ozores) que interpetaba o papel de Carme Avendaño na súa loita contra o narcotráfico. Por outra banda, Camarón, na que participou Filmanova Invest, compite en cinco categorías: mellor actor, actriz de reparto, dirección de produción, vestiario e maquillaxe. “Fráxiles”, de Fílmax, a produtora de Xulio Fernández, opta a mellor música e efectos especiais.

Máis información sobre O soño dunha noite de San Xoán, Gisaku, Para que non me esquezas e Camarón e sobre o resto de candidaturas en El País

. Amplía a nova>>

14/12/2005
O Ateneo Ferrolá proxectará traballos independentes nas V xornadas de curtametraxes

Os traballos audiovisuais de Luís Avilés Baquero, Carlos Alberto Alonso, Dani de la Torre e Carlos Atanes conforman o cartel das V Xornadas de Curtametraxes que organiza o Ateneo Ferrolá. Unhas sesións que terán lugar os días 26, 27 e 28 de deembro (a partir das 20:00 horas) e que se completará co especial “Taxi: vivir rodando”, unha serie de curtametraxes de diferentes países relacionadas con este medio de transporte. . Amplía a nova>>

12/12/2005
Preto de 15.000 espectadores seguiron a décima edición do Festival de Cine de Ourense

O Festival de Cine de Ourense acaba de ofrecer as contas da súa última edición. En total 14.237 persoas se achegaron ata as proxeccións ou actividades organizadas dentro do programa que tivo lugar do 12 ao 19 de novembro. Deste festival pasamos a outra festa do cine, a dos Goya que entregará os seus premios o vindeiro 29 de xaneiro. E o vindeiro 15 de decembro saberemos se “O soño dunha noite de San Xoán” ou “Gisaku” figuran entre os finalistas aos premios máis importantes do Estado.

Máis información sobre o festival de cine de Ourense no seu web e sobre os prolegómenos dos Premios Goya en El Correo Gallego

. Amplía a nova>>

07/12/2005
Os problemas orzamentarios centran o debate do I Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual

O panorama sobre a aplicación do audiovisual na educación é "bastante negro" e mesmo retrocedeu en Galicia, segundo apuntaron os participantes no I Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual que se está a celebrar estes días en Compostela. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a súa intención de que se incorpore o audiovisual ao currículo escolar.

Máis información en La Voz de Galicia e en El Correo Gallego

. Amplía a nova>>

02/12/2005
Unha mostra, un foro e un mercado analizan en Oleiros o audiovisual menos coñecido do país

Míster Misto Films, a Deputación da Coruña e o concello de Oleiros inauguraron onte “Nova Factory 05”. Trátase dunhas xornadas nas que se dan a coñecer os proxectos galegos cun trasfondo social e cultural feitas en formatos que non acostuman a ser habituais. O seu obxectivo é conseguir que atopen circuítos alternativos de difusión. Por iso, Nova Factory é máis que un mercado, un foro e unha mostra de traballos, é un punto de encontro para todos os creadores do audiovisual galego.

Máis información no seu web

. Amplía a nova>>

01/12/2005
O Parlamento nomea o Consello de Administración da CRTVG e o Consello Asesor da TVE-G

Xa se coñecen os nomes dos asesores da televisión do país. 12 para o Consello de Administración da CRTVG e 13 para o Consello Asesor da Televisión Española en Galicia. O primeiro fórmano: Jesús Pérez Varela, Jose Antonio Santiso Miramontes, Manuel Jiménez Moran, José Luís Iravedra, María Esther Regueiro e Ana Peón polo PP; Juan Carlos Araújo, Antonio Rodríguez, Éster Paredes e Moisés Rei polo PSdG e Lois Ovelleiro e Cecilia Pérez polo BNG. No caso do Consello Asesor da TVE-G polo PP están Susana Tojeiro, José Luís García, María Fernanda Blanco, Ángel Sicart, Agustín Regueira, Ángel Currás, Alberto Durán, os socialistas Juan José Quintáns Paredes, José Francisco Lorenzo Regal, Esther Fontán e Eugenia Dolores. Completa a listaxe Miguel Túñez e Xulia Guntín polo BNG.

Máis información no web do Consello Asesor da RTVE-G(composición, normativa, funcións) e Consello de Administración da CRTVG

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org