01/12/2005
Un seminario analiza na Coruña a presenza do Quixote a través da tecnoloxía audiovisual
“Donkey Xote” é o título dunha das producións nas que traballa Fílmax sobre a figura de Don Quixote. Pero tamén é unha das mostras das que se falará no seminario que hoxe comeza na Coruña sobre a relación entre esta personaxe literaria e as novas tecnoloxías. Na cidade herculina conclúen tamén outras xornadas nas que a Universidade da Coruña e a Real Academia Galega pretenden achegar recursos para facilitar a incorporación do galego en novos espazos como a ciencia ou a investigación.
Máis información en La Voz de Galicia sobre o seminario do Quixote e sobre as xornadas arredor da lingua e usos
.
Amplía a nova>>
30/11/2005
Cineuropa 2005 pecha hoxe as súas portas coa tradicional maratón de cinema
Entre o “Touro Salvaxe” de Scorsese e “Barton Fink” de Joel Coen pasarán cinco filmes que conforman o clásico maratón co que se pechará esta edición de Cineuropa. O festival de cine de Compostela pon fin a un mes de cinema entregando o Premio do Público a un vello coñecido deste certame. Trátase do danés Lars Von Trier, que repite con “Manderlay” o premio que xa gañou con “Os idiotas”. O premio na sección internacional recaeu en "A Indian máis rápida do mundo" de Roger Donalson. Ademais, as cifras do certame contabilizan que unhas 17.000 persoas asistiron ás proxeccións.
Máis información en Compostela Cultura
.
Amplía a nova>>
29/11/2005
Galicia iníciase na televisión dixital terrestre con moitas zonas de sombra
Mañá, 30 de novembro, comeza a nova televisión, coñecida como a televisión dixital terrestre (TDT). Pero, segundo publica hoxe La Voz de Galicia, case a metade do territorio non poderá acceder ás novas canles aínda que os usuarios compren o decodificador que se precisa para entrar na era dixital. O sistema leva funcionando desde o 2002, de feito, as cadeas xeralistas estatais levan tempo emitindo en dixital aínda que mañá sexa o punto de partida oficial. Iníciase o proceso de convivencia dos formatos analóxico e dixital que durará ata o 2010, cando se produza o apagón analóxico e a cobertura alcance ao 98% dos fogares. No caso galego, a televisión dixital traerá consigo catro canles de carácter autonómico, dúas para a TVG e outras dúas que concedeu o anterior goberno en funcións para La Voz de Galicia e a Cadea Cope.
Máis información en La Voz de Galicia e no web da Televisión Dixital e sobre as licenzas de televisión dixital en Galicia nos nosos arquivos
.
Amplía a nova>>
25/11/2005
Miguelanxo Prado presenta na Coruña “De Profundis”, a súa incursión na animación de autor
Logo de visitar o festival de Cannes, o filme “De Profundis”, a proposta de Miguelanxo Prado na animación de autor, presentábase onte o Acuarium Finisterrae da Coruña. A produción, que está a cargo de Continental Films, Desembarco Producións e Zeppelín Filmes co apoio de Estrella Galicia une a animación e a música nun proxecto moi persoal. O filme conta cun orzamento de tres millóns de euros e durará oitenta minutos, a razón dun debuxo feito aman por cada dous ou tres segundos.
Máis información en La Voz de Galicia, en Galicia Hoxe e en AVG
. Amplía a nova>>
18/11/2005
Ourense acolle o inicio da VII Semana Audiovisual mentres o Festival enfila a recta final
Coa homenaxe aos irmáns Bilbatúa pola súa traxectoria documental, o Festival de Cine Independente de Ourense chega á súa recta final. O sábado terá lugar a gala de clausura na que, ademais da proxección de “Mulleres infieis” de Rodrigo Ortúzar, saberanse os gañadores desta décima edición. Mentres este evento chega ao seu fin, o que comeza é a VII Semana Audiovisual enmarcada dentro das actividades do Outono Fotográfico e que se centra nunha serie de proxeccións (21-25) de actividades como a espeleoloxía, escalada ou o descenso polos canóns. Por último, do 25 ao 27 en Noia terá lugar a VII Mostra de Curtametraxes, na que compiten 35 cintas.
Máis información no web do Festival de Cine de Ourense , no web do Outono Fotográfico, e sobre a mostra de Noia en El Correo Gallego
.
Amplía a nova>>
17/11/2005
Concha Velasco e Álex de la Iglesia están presentes na homenaxe a Luís García Berlanga
Á homenaxe de Joaquím de Almeida, no marco das actividades do décimo aniversario do Festival de Cine Independente de Ourense, úneselle o de hoxe, o de Luís García Berlanga. Sobre el versará a biografía que presentan José Luís Castro de Paz e Julio Pérez Perucha. Complétase esta homenaxe cunha mesa redonda que pretenden explicar a achega deste director no marco da comedia española. Para iso contará coa presenza de Concha Velasco, Álex de la Iglesia, Manuel Gómez Pereira, Kepa Sojo e Javier Ángulo.
Máis información no web do Festival de Cine
. Amplía a nova>>
16/11/2005
O Consorcio Audiovisual de Galicia pasa a depender da Consellaría de Presidencia, a través da súa Dirección Xeral de Comunicación
O cambio de lugar da Dirección Xeral de Comunicación dentro da estrutura orgánica da Xunta leva parello outras remudas. Entre elas, segundo confirmou o gabinete de prensa de Cultura, está que o Consorcio Audiovisual de Galicia pasa a depender da Consellaría de Presidencia a través da citada dirección xeral. Sen embargo, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), continúa sendo competencia da Consellaría de Cultura. Polo demais, desde o goberno aínda non se deron a coñecer os nomes que presidirán e dirixirán ambas entidades.
Máis información en El Correo Gallego e consulta o decreto que regula a composición e funcionamento do Consorcio no seu web
.
Amplía a nova>>
15/11/2005
Un traballo de “Al filo de lo imposible” abre a Semana de Cine Submarino
O mércores 16 comeza en Vigo unha nova edición da “Semana de Cine Submarino”. Un evento que ofrece proxeccións e conferencias sobre o medio mariño, a medio camiño entre a sensibilización cidadá no tema e o carácter espectacular das imaxes. Entre a listaxe de actividades que compoñen o programa destaca a proxección inaugural, a cargo do equipo de “Al filo de lo imposible”, que presenta o seu documental "Mergullo estremo nos naufraxios da Gran Guerra".
Máis información sobre as outras Semanas de Cine Submarino
.
Amplía a nova>>
11/11/2005
Antón Reixa substitúe a Xulio Fernández como presidente do Clúster
O Clúster audiovisual remudou onte a súa cúpula directiva. Antón Reixa foi nomeado novo presidente, cargo que asumiu mantendo o anterior organigrama, facendo fincapé en dous aspectos, as novas tecnoloxías e a creatividade dos novos talentos. Incorpóranse ao comité estratéxico, Beatriz Legerén, de Interacción e Luis Nuñez, de Studio XXI, así como o nomeamento de Xosé Manuel Barreira como coordinador.
Máis información no web do Clúster
.
Amplía a nova>>
11/11/2005
A Xunta organiza un congreso sobre educación audiovisual
“Audiovisual nas aulas”, “Cine para convivir” e “Pé de imaxe” son algúns dos programas que pretenden achegar o currículo educativo ao mundo audiovisual. Sobre a experiencia destas iniciativas e sobre a necesidade de que os programas escolares se actualicen vai o “I Encontro Internacional sobre Educación Audiovisual” que organiza a Xunta de Galicia. Terá lugar do 5 ao 7 de decembro e a inscrición está aberta ata o 25 de novembro.
Máis información no web do Consorcio Audiovisual de Galicia
. Amplía a nova>>