16/01/2006
O CGAI recibe os fondos do documentalista sueco Mikael Morling que rodou nos anos setenta na costa de Bueu e na Illa de Ons
Mikael Morling é documentalista sueco que rodou en Galicia (en 1972) un documental que recolle a vida cotiá da hoxe desaparecida comunidade de pescadores da Illa de Ons e varias estampas da costa de Bueu. O seu traballo, dun forte carácter antropolóxico e etnográfico, formou parte do arquivo do seu irmán, o antropólogo Staffan Morling e a súa dona, Josefa Otero Patiño. Foron precisamente eles os que acaban de ceder todo ese material ao CGAI, centro dependente da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. Un material que será exhibido por primeira vez ao público o vindeiro 19 de xaneiro nunha homenaxe que lle dedican no Centro Social do Mar a Staffan Morling, profesor dunha universidade sueca e autor de diferentes estudos publicados en galego..
Amplía a nova>>
16/01/2006
Dygra amplía as posibilidades de negocio cunha tenda virtual
A produtora de animación Dygra acaba de poñer en marcha un proxecto para diversificar a súa vía de negocio. Xa non chega só con vender as películas, senón que agora cómpre buscarlle a máxima rendabilidade aos traballos. Para iso creou unha tenda en Internet na que venderá material das súas producións de animación como: bosquexos a lapis dos personaxes, fotogramas finais, guións, cancións... pero sempre en formato dixital para que non haxa gastos de envío.
Máis información na tenda
. Amplía a nova>>
16/01/2006
O sector audiovisual escolle hoxe unha comisión para presentar unha alternativa ao modelo de subvencións
Cando a Xunta presentou o seu borrador de subvencións o pasado mes de decembro apuntaba a necesidade de contar con todos os integrantes do sector. Pois ben, o modelo do goberno exposto por Manolo González (que diferenciaba un modelo de produción ou coprodución maioritaria e unha coprodución minoritaria galega para acceder ás subvencións) pode contar cunha contraproposta. Segundo publican os xornais do Grupo Correo Gallego, hoxe reúnense os integrantes de AGAPI e AEGA para consensuar un modelo que lle presentar ao goberno de cara ás subvencións deste 2006.
Máis información sobre a proposta de Manolo González no noso tema e sobre a reacción do sector en Galicia Hoxe
.
Amplía a nova>>
13/01/2006
O operador galego do cabo, R, busca contidos para as súas emisións en dixital e vídeo baixo demanda
Cine de adultos e estreas, animación para nenos e adolescentes, documentais, series e ficción, deportes e informativos. Son os contidos que pretende incorporar R, o operador galego do cabo, a partir de abril cando inicie as súas emisións en dixital, e de setembro, cando inicie un servizo de VOD (vídeo baixo demanda). Para iso a empresa, que ofertará o servizo de televisión a 58.000 fogares dos 145.000 abonados que terá a final de ano, busca contidos. Os interesados poden poñerse en contacto con Alfonso Martínez, responsable de contidos audiovisuais e interactivos de R, nos números de teléfono 981 911 240 e 607 075 480, e no enderezo electrónico amartinezm@mundo-r.net.
Máis información no web de R
. Amplía a nova>>
12/01/2006
A estrea da serie de ficción "A vida por diante" de TVG obtivo un 23.6% de share
A serie que relata a historia de cinco mulleres despois do naufraxio que acaba coa vida dos seus homes foi un éxito de audiencia. A estrea da serie “A vida por diante” foi seguida por 257.000 espectadores e obtivo un 23.6% de share, que a situou por riba da oferta da competencia. Seguindo coa TVG, o ente público anunciou que muda as súas frecuencias de emisión da TDT (televisión dixital terrestre). O cambio aféctalle primeiro ás provincias de Ourense e Lugo que terán que resintonizar as televisións o día 12 de xaneiro. As novas canles serán a 62 para Ourense e a 59 para Lugo, no lugar da canle 63 actual..
Amplía a nova>>
10/01/2006
O Teatro Principal de Santiago acolle unha mostra de cine para lembrar as víctimas do franquismo
A concellaría de Cultura de Santiago, Amnistía Internacional e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica traballan xuntos para lembrar as víctimas do franquismo. Fanno a través de “Unha inmensa prisión”, un ciclo de cine que se celebra gratuitamente ata o domingo no Teatro Principal. No programa repasarase a historia do franquismo a través de diferentes filmes, entre os que destaca o documental de Basilio Martín Patino “Queridísimos vergudos” (1977).
Máis información en Compostelacultura.org, o portal da concellaría de cultura de Santiago
. Amplía a nova>>
09/01/2006
A Radio Galega presenta a súa nova programación coincidindo coa mudanza de grella de TVE en Galicia
Novas voces, outros títulos, diferentes contidos. Tanto a Radio Galega coma a Televisión Española en Galicia presentan a súa nova programación neste comezo do ano. No primeiro caso, co lema "Con todos, para ti", preséntanse novos espazos específicos sobre cine, literatura e música, debates políticos ou programas de variedades. Pola súa banda, a Televisión Española en Galicia modifica o seu horario de emisión, polo que os programas que se emitían a partir das 19:30 da tarde pasan a emitirse a partir das 14:30. Programas coma "Consumidores, Conversas na dúas" ou "Fiestras culturais" poderán verse á hora do xantar en La 2 de TVE.
Máis información en Vieiros, e no web da CRTVG
Amplía a nova>>
05/01/2006
Chega a nova da rodaxe de "Memorias dun neno labrego" para 2007 mentres se presenta a serie "A vida por diante"
O director ourensán Ismael González anunciou que xa conseguiu financiamento para acometer, en 2007, a rodaxe da versión cinematográfica de "Memorias dun neno labrego". O filme contará cun guión do propio González no que tamén participará Xosé Neira vilas. Canda a esta nova, coñecemos que o vindeiro luns se celebrará a presentación da serie "A vida por diante", que dirixe Carlos Sedes e que se centrará na vida do mar. Será no Clube Internacional de Prensa de Compostela. A produción conta coa presenza de actores coma Tamar Novás, Mela Casal ou Víctor Mosqueira.
Máis información en Galicia Hoxe, e no web da CRTVG
. Amplía a nova>>
29/12/2005
O Consorcio pon en marcha un plan para aumentar as baixas cifras de exportación de produtos audiovisuais
Acudir a festivais como a Berlinale, Cannes ou Clermont-Ferrand ou mercados como o MiPCOM ten como obxectivo aumentar a exportación de productos audiovisuais feitos en Galicia. O Consorcio Audiovisual acaba de anunciar a posta en marcha do segundo Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego anunciando unha cifra: só se exporta o 0.47% do que se factura. O plan incorpora un cambio de idea das Film Comissión que tamén promocionará Galicia como espazo de rodaxe, nos mercados estranxeiros. A Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística incorpóranse ao Consorcio.
Máis información no web do Consorcio Audiovisual
.
Amplía a nova>>
26/12/2005
O IGAPE e Caixa Galicia aproveitan a presentación do web do Clúster para incidir no seu apoio ao audiovisual
Creouse hai tres anos, pero acaba de remudar para converterse nun referente da comunicación na rede para a produción audiovisual galega. O venres presentouse a nova web do Clúster Audiovisual Galego que realizou Softgal co financiamento do IGAPE e de Caixa Galicia. Dúas entidades que aproveitaron a ocasión para insistir en que continuarán financiando os produtos audiovisuais. Outros que reiteran axudas, son os do goberno para a Real Academia Galega. Agora, a Consellaría de Innovación e Industria acaba de asinar un convenio de colaboración para a produción de servizos e contidos do web da Academia. Entre os preto de 50.000 euros que achegan inclúese a publicación na rede do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (Volga)
Máis información en La Voz de Galicia e no web do Clúster; sobre os cartos para o web da RAG en El Correo Gallego
.
Amplía a nova>>