11/04/2007
As televisións públicas de Galicia e Portugal asinan un convenio para lembrar o Zeca Afonso
Cúmprense vinte anos da morte do Zeca Afonso, o coñecido cantautor portugués. Con motivo da efeméride as televisións públicas de Galicia e Portugal, a galega e a RTP, acaban de asinar un convenio para realizar unha homenaxe musical a esta figura. Un programa que se gravará este venres no Pazo da Cultura de Pontevedra e se emitirá polas dúas cadeas no 25 de abril, data na que se cumpre o trixésimo terceiro aniversario da Revolución dos Cravos..
Amplía a nova>>
04/04/2007
Santiago crea un Festival de Autor mentres Vigo estrea un de curtametraxes
Manuel Manquiña e Santiago Segura contra Luís Eduardo Aute e Antonio Vega. Son os protagonistas dos dous festivais de recente creación que terán lugar en Vigo e en Santiago, respectivamente. Na cidade olívica a Asociación de Novos Cineastas (Axoci) acaba de convocar a primeira edición do Festival de Curtametraxes Cidade de Vigo que se sucederá o 11 e 12 de maio. Na capital de Galicia, o Multiusos Fontes do Sar acollerá o vindeiro 21 de abril as actuacións da primeira edición do Festival de Autor Cidade de Compostela. Un acto organizado por GX Produccións e que conta co apoio da Concellaría de Cultura.
Máis información sobre o festival de Compostela en Galicia Hoxe
.
Amplía a nova>>
03/04/2007
A Fundación Caixa Galicia prepara outro ciclo de películas sobre o paso do tempo
Mentres hai sedes nas que aínda programan pases do ciclo de proxeccións “Entre cine e literatura”, a Fundación Caixa Galicia acaba de estrear outro. Baixo o titulo “Xogando co tempo” a entidade financeira reúne once títulos que reflicten tanto na temática, como na súa forma unha relación espazo-temporal propia. “Blade Runner”, “Ao final da escapada”, “Magnolia”, “O padriño” ou “Rebeca” son algúns dos títulos que se poderán ver en versión orixinal subtitulada nas sedes que a entidade ten espalladas por Galicia.
Consulta os horarios e as localidades no web da Fundación Caixa Galicia
.
Amplía a nova>>
03/04/2007
Curtocircuíto abre o prazo de recepción de curtas e micropelículas
Malia que extraoficialmente leva meses traballando, a terceira edición de Curtocircuíto, o festival de curtametraxes de Santiago, comezou a visibilizarse nas últimas semanas. A última mostra tivo lugar onte, día no que se abriu o prazo para enviar curtametraxes e micropelículas que competirán na sección oficial. Os traballos, que deberán chegar antes do 30 de xuño, non deberán exceder os 25 minutos no caso das curtas e de trinta segundos no caso das micromovies.
Consulta o programa no web de Curtocircuíto
.
Amplía a nova>>
02/04/2007
A Secretaría Xeral de Comunicación dá a coñecer nun catálogo de formación
Cursos e obradoiros de capacitación profesional, formación de posgrao e introdución de diversas técnicas de coñecementos para mellorar a bagaxe dos creadores audiovisuais. Estes son algúns dos contidos dos cursos que forman parte do catálogo de Formación audiovisual para este ano que acaba de presentar a Secretaría Xeral de Comunicación. Unha oferta que pretende equilibrar as demandas do sector e a cualificación profesional dos traballadores do sector.
Máis información no web da Xunta
.
Amplía a nova>>
29/03/2007
A Fundación Luís Seoane premia trailers de películas que nunca se realizarán
Un trailer pretende ser unha síntese que capta a atención do espectador e que o convide a ver unha película. Son pezas audiovisuais con sentido propio e por iso, están no punto de mira da Fundación Luís Seoane. Baixo o nome de “Premio Lente Negra” os maiores de 16 anos poderán participar neste certame que premiará os trailers de películas que non existirán nunca.
Máis información no web da Fundación e en La Opinión
.
Amplía a nova>>
28/03/2007
Unha conferencia pecha o ciclo da Fundación Caixa Galicia sobre as relacións entre cine e literatura
O director de cine José Luís Cuerda, o crítico Antonio Gasset e o catedrático de Historia do Cine, Luís Hueso participan esta tarde (Fundación Caixa Galicia. Cantón Grande, 21-23) na mesa redonda que clausura o ciclo cinematográfico “Entre libros e escritores. Cinema e creación literaria”. Un programa que se desenvolveu nas sedes que ten a Fundación Caixa Galicia por toda Galicia entre xaneiro e marzo.
Máis información no web da Fundación
.
Amplía a nova>>
26/03/2007
Unha ollada sobre a convivencia na áfrica pos-apartheid faise co premio de longametraxes de Play Doc
“The Mother´s house” chegaba ao festival de Documentais de Tui, Play Doc, avalada por unha grande cantidade de premios, e a súa “sutil mirada coa que observa unha historia complexa” en palabras do xurado, fíxoa merecedora do premio á mellor longametraxe (3.000 euros máis trofeo). En curtametraxes “A girl named Kai” de Kaei King Xue e “I want to be a pilot” de Diego Quemada Díez compartiron os 1.000 euros do galardón. O premio Atlántico para producións galega e portuguesa foi para “Ainda há pastores?” de Jorge Pelícano, o premio especial TVG levouno “Sisters in law”, o que concede o consorcio (Foco Galicia ) foi para “Bs.As” de Alberte Pagán, e os irmáns Joaquín e Lautaro Mateo Morales gañaron o Play Avid Doc por “Historias da liña azul”.
Máis información no web do Play Doc e na nosa hemeroteca
.
Amplía a nova>>
22/03/2007
Poland Nights, rodada en Galicia e con actores do país, foi candidata ao premio do Festival Europeo de Cine Independente
Nerea Barros e Xoque Carbajal son os actores galegos que participan no filme británico “Poland Nights”. Un filme rodado entre Londres, Polonia e Santiago de Compostela a primavera pasada e dirixido por Martin Gauvreau que fixo parte da selección oficial a mellor longametraxe no Festival Europeo de Cine Independente. Un certame que foi comparado co Sundance americano e que ten 11 categorías de premios. Ao final, o premio foi para a película holandesa "Nu".
Máis información no web do Festival
.
Amplía a nova>>
22/03/2007
A Axencia Audiovisual Galega estrea unha canle de emisión de contidos en Play Doc
Primeiro foi Teutubo (un directorio que recompila traballos audiovisuais galegos na rede), e agora chega Teutubo tv, unha canle para emitir os actos que organiza a Axencia Audiovisual Galega, dependente da Consellaría de Cultura. A estrea deste servizo terá lugar esta fin de semana no marco do Play Doc de Tui, coa emisión a través de videoconferencia das xornadas sobre "O futuro do documental".
Máis información no web da Axencia Audiovisual Galega e no apartado concreto de TeuTubo TV
.
Amplía a nova>>