Novas | 3101 a 3110 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

06/02/2008
A Xunta convoca as axudas para facer estudos sobre a implantación da TDT

Ben é sabido que a televisión actual será substituída pola dixital en 2010. Por iso, cómpre facer as migracións para que a chegada da TDT sexa o máis efectiva posible. Por iso, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual acaba de convocar as subvencións aos concellos para que realicen estudos de cobertura do sinal, realización de proxectos técnicos e dotación de equipamentos para o servizo de televisión dixital terrestre.. Amplía a nova>>

06/02/2008
Realizadores cubanos e galegos fan catro produtos audiovisuais no marco da Feira do Libro de La Habana

Galicia é país convidado na Feira do Libro da Habana. Unha efeméride que a Consellaría de Cultura non quere festexar só con literatura, por iso, encargoulle á xornalista Comba Campoy o deseño dun programa audiovisual que inclúe proxeccións, debates e unha actividade de tipo creativo. O resultado desta última parte chámase “Ópticas cruzadas” e facilitou que realizadores galegos e cubanos elaborasen catro traballos audiovisuais. Uns proxecto que tamén se poderán ver no Festival de Cine Pobre de Gibara e en diferentes localidades galegas.. Amplía a nova>>

04/02/2008
“Nocturna” gaña o Goya a mellor produción de animación nunha gala na que “A Soedade” deu a sorpresa

As favoritas eran “O orfanato”, “As trece rosas” e, por último, a produción rodada en Vigo, “Sete mesas de billar francés”. Sen embargo, “A Soedade”, a segunda longametraxe de Jaime Rosales, deu a sorpresa ao acadar os Goya a mellor director e mellor película. Con todo, “O orfanato” foi a gran vencedora ao facerse con sete estatuíñas, entre elas, mellor guión orixinal e mellor director novel. A conta galega incrementouse grazas a “Nocturna”, a produción de animación de Filmax feita no estudo compostelano Bren. . Amplía a nova>>

01/02/2008
O CGAI estrea “After hours”, unha sección para ampliar o seu horario de proxeccións

“Kurt Cobain: About a son” (2006) de AJ Schack, o documental que gañou o premio á mellor película no último Festival In-Edit de Barcelona, estrea hoxe “After hours”. Trátase da nova sección que ten o Centro Galego de Artes da Imaxe para ampliar o seu horario de programación ata as 23:00 horas, un feito que facilita o acceso ás proxeccións. Dentro desta sección vanse proxectar ademais “Election (Hak Se Wui)” (venres 8), “A xinecóloga” e “Túnel” (venres 15), “Election 2 (Hak Se Wui Yi Wo Wai)” (venres 22) e “Metal: A Headbanger´s Journey” (venres 29).. Amplía a nova>>

31/01/2008
Constitúese a compañía Medios Audiovisuais Galegos que se encargará da canle autonómica de La Voz

Corporación Caixa Galicia (cun 18%); Inveravante, presidida por Manuel Jove (cun 15%) e La Voz de Galicia (cun 67%) constitúen a sociedade Medios Audiovisuais Gallegos S.L. Unha entidade que aglutina a Radio Voz Galicia, Voz Audiovisual e Medios Digitais de Galicia (compañía titular da licenza de TDT) para desenvolver a televisión dixital terrestre de cobertura autonómica, ademais de reforzar a oferta de Radio Voz e a Produtora Voz Audiovisual.. Amplía a nova>>

31/01/2008
Nace a primeira sociedade con capital público para financiar películas de gran orzamento

Deuse a coñecer hai catro meses pero o convenio que fixa as súas características asinouse onte. Caixa Galicia (cun 51%) e a Xunta (cun 49%) acaban de constituír SempreCinema Producións, unha entidade pioneira en todo o estado que ten como obxectivo coproducir filmes con vocación comercial. Os requisitos para que esta sociedade financie películas é que sexan longametraxes, teñan un orzamento superior a 2.2 millóns, o capital galego na coprodución sexa un mínimo de 440.000 euros e teñan unha clara vocación comercial. Ademais, as produtoras que opten a contar con cartos desta sociedade (un máximo de 600.000 euros) deberán ter estreado en salas dúas longametraxes e ter suficientes recursos humanos para levar a cabo o proxecto.. Amplía a nova>>

30/01/2008
A Axencia Audiovisual Galega difunde os documentais dentro do programa Cinemas Dixitais

Primeiro foi o momento dos telefilmes e agora chega o dos documentais. O programa “Cinemas Dixitais” que, segundo a nota de prensa da Consellaría de Cultura, quere “achegar o cine ás localidades que non teñen pantalla de cine”, céntrase agora nos documentais. A vivenda e urbanismo, a memoria histórica, a emigración e os movementos sociais son os eixes deste programa que inclúe 18 documentais. O traballo de Paco Lodeiro, “Os satélites”, abrirá no Fórum Metropolitano da Coruña este ciclo de proxeccións. . Amplía a nova>>

30/01/2008
Un ciclo de vídeo repasa no MARCO a historia da animación

A historia da animación é un dos pratos fortes da programación expositiva do MARCO, Museo de arte contemporánea de Vigo, para os vindeiros meses. Unha exposición que se complementa cun ciclo de vídeo no que se exhibirán os traballos realizados por creadores españois contemporáneos. O ciclo, que terá lugar os sábados (19:00 horas) ata o vindeiro 1 de xuño, fai un repaso pola historia da animación. As proxeccións inclúen desde o filme de Segundo de Chomón que foi pioneiro no uso de técnicas e efectos de animación, ata as obras de artistas máis recentes como Vicente Blanco ou Diego Santomé. . Amplía a nova>>

30/01/2008
A Dirección Xeral de Comunicación facilita un espazo na rede para presentar as solicitudes ás subvencións

Coa implantación do servizo telemático da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual acaba de habilitar un acceso directo para poder presentar as solicitudes a calquera das liñas de axuda que xestiona. Unha forma que permite o rexistro ordinario e que xa está dispoñible. Neste intre, a convocatoria dea xudas abertas, é a dirixida a funcións sen ánimo de lucro para a adquisición de material audiovisual e multimedia.. Amplía a nova>>

29/01/2008
Diferentes entidades participan no proceso de dixitalización e renovación da CRTVG

Consellaría de Cultura, Fundación Cidade da Cultura, Consellaría de Innovación e Industria, as tres universidades, a Secretaría Xeral de Comunicación, o CESGA, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT) ou o que é o mesmo, todas as entidades que teñen que ver cos eidos dixital e audiovisual colaborarán no proceso de renovación da CRTVG e as súas sociedades (a saber, a Televisión de Galicia e a Radio Galega). Un proceso que implica desde a remodelación das súas instalacións para a dixitalización de todos os seus procesos e que implicará un maior control de calidade das emisións, así como a mellora da súa rendibilidade, tanto económica como social.

Máis información no web da Consellaría de Cultura

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org