Novas | 311 a 320 de 4079

<< Anterior Siguiente >>

03/10/2022
'A mazá de ouro' de Jaime Chávarri gaña o Premio Xacobeo do OUFF

O Festival de Cine de Ourense (OUFF) clausurou esta 27ª edición entregando os premios da sección oficial e o resto do palmarés competitivo e dando a coñecer os Premios Xacobeo e Premio do Público. "A mazá de ouro", filme co que o realizador Jaime Chávarri volveu á dirección de cine tras case dúas décadas de ausencia, foi o designado para recibir o Premio Xacobeo á mellor produción galega. O filme puido verse nun pase especial no mesmo día da gala de peche. Pola súa banda o público do OUFF decantouse tamén por unha produción galega para outorgarlle o seu recoñecemento, neste caso polo novo filme de Ángel de la Curz, 'O home e o can', que se estreou no certame ourensán.. Amplía a nova>>

03/10/2022
Os premios Mulleres no Foco recoñeceron a Lucía Catoira, Paula Cons e Chelo Loureiro

A segunda edición dos premios Mulleres no Foco, que organizan a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas (CIMA), celebrou este 30 de setembro a súa gala na capital do Lérez. Chelo Loureiro, gañadora de dous premios Goya e activista polo recoñecemento das mulleres no audiovisual levo un dos galardóns. Outro recoñecemento foi para "o traballo infatigable e o talento"de Paula Cons, xornalista, documentalista e directora e o terceiro recibiuno a directora de fotografía Lucía Catoira pola súa "mirada comprometida desde a cámara".. Amplía a nova>>

30/09/2022
A longametraxe luso-francesa "Restos do vento" gaña a Calpurnia do 27º OUFF

A 27ª edición do do Festival de Cine Internacional de Ourense xa ten palmares de competición oficial con ata dez galardóns e dúas mencións especiais, a falta de coñecerse o Premio do Público e o Premio Xacobeo á mellor producción galega do certame, que se desvelarán hoxe na propia gala de entrega de galardóns no Auditorio Municipal. A decisión do xurado de longametraxes encabezado polo director santiagués Alfonso Zarauza foi outorgar o premio Calpurnia á mellor película para "Restos do vento" (Portugal/Francia), de Tiago Guedes. Na sección de curtametraxes, OUFF en Curto, os premios ás mellores pelíuclas de ficción e documental foron para dous producións de realizadores galegos. O vigués Guillermo Oliveira, por 'Sauerdogs', no apartado ficción e 'O que queda' de Alejandro Rodríguez na competición Documental.. Amplía a nova>>

30/09/2022
O Museo de Pontevedra celebra un simposio sobre Carlos Velo

Os vindeiros 4 e 5 de outubro o Museo de Pontevedra acolle o simposio O cine de Carlos Velo, León Felipe e os poetas do exilio republicano en México. O encontro, promovido polo Museo e a Fundación Carlos Velo, desenvolverá dúas xornadas de conferencias, proxeccións audiovisuais e un recital poético "para achegarse á figura do cineasta galego e a súa relación coas republicanas e republicanos que -como el- estiveron no exilio no país centroamericano".. Amplía a nova>>

28/09/2022
A 44ª Semana de Cine de Lugo reparte os seus premios oficiais

A Semana de Cine de Lugo pechou a súa 44ª edición presentando o seu palmarés, onde fai destacar a opción do público asistente na Sección oficial, que se decantou coas súas puntuacións pola longametraxe francesa 'Mentes maravillosas', de Bernard Campan e Alexandre Jollien. Ademais diso, entre público e xurado concederon outros cinco premios. É de destacar tamén que o premio á mellor película galega desta edición do certame fixo coincidir a público e xurado, resultando a longametraxe 'Julia' (2020) de Jacobo Lagüela Castro a premiada por ambos. A película fala sobre a extinción e abandono do rural a través dos ollos da súa protagonista, unha avoa de 87 anos de idade coa esperanza de salvar as súas raíces e de comunicar a importancia das mesmas ás xeracións que están por vir.. Amplía a nova>>

26/09/2022
A Filmoteca de Galicia reabre a súa sala de proxeccións

Este vindeiro martes, 27 de setembro, terá lugar a reapertura ao público das instalacións da Filmoteca de Galicia (anteriormente CGAI) na Casa da Cultura Salvador de Madariaga coa volta da programación de proxeccións á sala de cine José Sellier. Estas instalacións estiveron pechadas desde o pasado ano para a realización dunhas obras de renovación que incluíron unha reforma completa do espazo de exhibición, coa modernización na cabina de proxección, na súa dotación tecnolóxica e de substitución de butacas e demais mobiliario.. Amplía a nova>>

23/09/2022
O Galician Freaky Film Fest achega sesenta filmes a Vigo

Unha proxección de The Thing, de John Carpenter, con ocasión dos 40 anos da súa estrea, abre este 23 de setembro as actividades do sexto Galician Freaky Film Fest (GFFF) en Vigo. Na mesma sesión poderá verse o The Hunchback of Notre Dame con música ao vivo da man da Caspervek Orquestra.. Amplía a nova>>

21/09/2022
Play-Doc presenta o programa internacional VENTURA de apoio ao cine independente

A Asociación Cultural Enfoques, responsable da organización do festival internacional de cine Play-Doc de Tui, ven de anunciar a posta en marcha do proxecto VENTURA, unha iniciativa aglutinadora, de encontro e de apoio para cineastas e a produtores internacionais de películas independentes con ambición artística. VENTURA ten como obxectivo potenciar voces singulares e está ideado como un espazo de traballo híbrido que combina as actividades presenciais coas virtuais, a través del proponse acompañar os proxectos cinematográficos en todas as súas fases para contribuír a xerar e alimentar unha comunidade internacional de profesionais da industria audiovisual con sede en Galicia. Ata o 21 de outubro poden inscribirse para participar no programa proxectos de calquera país, independentemente da etapa na que se atopen –desenvolvemento, produción ou postprodución–, sen restricións con respecto á duración, o formato ou o xénero cinematográfico.. Amplía a nova>>

20/09/2022
O filme portugués Amor Fati imponse no Festival Primavera de Cine

Cos premios do público e do xurado á mellor longametraxe, o filme da portuguesa Cláudia Varejão impúxose na XI edición do festival vigués. O xurado destacou desta obra a "poesía que destila en cada unha das súas imaxes. Unha película que nos ensina a experimentar o amor sen adxectivalo, alén das convencións que limitan a liberdade de gozalo con independencia de como ese amor se materializa".. Amplía a nova>>

19/09/2022
Os cineastas Eloy Domínguez e Lois Patiño comparten premio no FIC Bueu

As curtametraxes 'Rompente', de Eloy Domínguez e 'El sembrador de estrellas', Lois Patiño comparten "ex aequo' o Premio R á mellor curtametraxe galega desta edición do FIC BUEU. O Festival Internacional de Cinema de Bueu remataba a parte da competición da súa 15 edición facendo público o palmarés da sección oficial, no que o filme francés 'L'enfant salamandre', do director Théo Degen facíase co primeiro premio. Pola súa banda, o público elixía a cinta 'Vlekkeloos', da cineasta dos Países Baixos Emma Branderhorst. Da mesma orixe (Países Baixos) viña tamén a historia gañadora do Premio Descubertas, 'Minimal sway while starting my way up', da realizadora Stéphanie Lagarde. O director Salvador Sunyer leva o Premio á mellor curtametraxe española pola súa obra 'Alopècia Androgènica'.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org