20/05/2008
Comeza unha nova edición do festival de Cans que este ano inclúe longametraxes
Mañá comeza en Cans (Porriño) a quinta edición do festival de curtametraxes máis peculiar de Galicia. Entre as súas particularidades (proxeccións en galpóns, adegas e alpendres, máis os chimpíns como medio de transporte), este ano presenta varias novidades. En primeiro lugar que os seus premios teñen contía económica, en segundo lugar, que abre o cartel para as longametraxes. Entre elas destaca a longametraxe gore “Maldito bastardo!”, que hoxe se preestrea e Santiago. O certame, no que este ano está convidado Juanma Bajo Ulloa, destaca pola súa aposta a prol de producións audioviusais galegas. .
Amplía a nova>>
19/05/2008
A Torre de Hércules centra a temática dos premios 3D que se entregarán en Mundos Dixitais
Aínda non foi presentado oficialmente, pero os organizadores xa avanzaron unha pequena mostra do que será esta edición do festival de animación Mundos Dixitais. A Fundación Caixa Galicia acaba de remitir unha nota de prensa que avanza que 200 traballos procedentes de 35 países participarán nesta edición e cuxos finalistas se coñecerán este venres. Ademais, entre as novidades, destaca que A Coruña acollerá a entrega do 3DAwards, os coñecidos como “Óscars da infoarquitectura” que organizan a comunidade CGArchitec.com, e que este ano ten como tema a Torre de Hércules. Ademais, Mundos Dixitais estrea unha canle de televisión propia que se pode seguir na rede. .
Amplía a nova>>
15/05/2008
Dygra leva ao mercado de cine de Cannes a versión en inglés da súa última película
Hoxe comeza unha das citas máis importantes da cinematografía, o Festival de Cannes. Un evento que, ademais da cita competitiva, conta cunha sección paralela de mercado (Marché du film), ao que asistirá Dygra coa versión inglesa de “O espírito do bosque”, a súa última longametraxe de animación que contará coas voces de Angelica Huston e Sean Astin. Unha produción que chegará ás carteleiras o vindeiro 5 de setembro..
Amplía a nova>>
14/05/2008
O Consorcio dá a coñecer os traballos seleccionados para o seu programa de promoción de documentais
“Liste, pronunciado Líster” de Nós, Productora Cinematográfica Galega, “Barreiros, motor humano” de La Región, S.A, “Kalapattar, aos pés do monte Everest” de Ficción Producciones e “Manuel e Elisa” de Tic Tac Producciones son os catro documentais escollidos para o catálogo DOCS 08, o programa de promoción do documental do Consorcio Audiovisual de Galicia. Ademais da contía económica para actividades de promoción, elaborarase un catálogo que conterá dous DVDs que inclúen as obras en versión orixinal con subtítulos en castelán, inglés e francés. .
Amplía a nova>>
14/05/2008
O venres chega ás carteleiras A crise carnívora, a primeira longametraxe feita en flash
Continental estréase na animación este venres con “A crise carnívora”. Produción que, ademais, ten o mérito de ser a primeira longametraxe feita en flash. A película conta as aventuras dun grupo de depredadores cando a hiena Crevel decide rachar co pacto vexetariano. A versión en galego, que se poderá ver en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo, conta coas voces de "Os Tonechos" e de Manuel Manquiña, Antonio Durán “Morris”, Xosé Manuel Piñeiro e Xosé Luis Bernal “Farruco”, entre outros..
Amplía a nova>>
13/05/2008
A Mesa denuncia o incumprimento do Plan de Normalización na dobraxe do cinema
O 22 de maio estréase en toda España a última entrega de Indiana Jones, que levará o título de “Indiana Jones e o Reino da Caveira de cristal”. O filme que chega ao Estado en español e en catalán, pero non en galego. Un feito que aproveitou a Mesa para denunciar que non se cumpre o fixado no Plan de Normalización Lingüística, que contempla a dobraxe de dez títutlos cinematográficos ao ano na nosa lingua, mentres que a realidade sitúanos nunha media de tres. .
Amplía a nova>>
12/05/2008
O Festival de Cans aumenta o aforo e vende entradas pola rede
Naceu como unha alternativa cómica ao festival homófono, o de Cannes, pero acabou por converterse nunha proposta sólida. Nesta edición do certame de Cans (O Porriño), a Asociación Cultural Arela conseguíu incrementar o aforo para chegar a 600 prazas. Ademais, no web do festival poderase mercar un dos 120 pack que inclúe unha camiseta e entradas para as proxeccións (cun custe de 14 euros). A orixinal actividade terá lugar do 21 ao 24 de maio. .
Amplía a nova>>
12/05/2008
Unha mostra achega a Santiago a produción recente do audioviusal cubano
"El Benny" (Jorge Luis Sánchez, 2006), "Tres veces dos" (Pavel Giroud, Lester Hamlet e Esteban Insausti, 2004), "Nada" (Juan Carlos Cremata, 2001), "La Pared" (Alejandro Gil, 2006) e "Viva Cuba" (Juan Carlos Cremata, 2005) son as producións que fan parte da I Mostra de Cine Cubano que comeza hoxe en Santiago. Unha actividade que é o resultado dun convenio asinado entre a Secretaría Xeral de Comunicación e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) asinado en 2007 para estreitar lazos entre ambos países a partir do patrimonio audiovisual. Na presentación da actividade, Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, anunciou que despois de verán haberá tamén unha mostra de cine arxentino..
Amplía a nova>>
08/05/2008
O MARCO presenta un ciclo para exhibir os vídeos xurdidos ao abeiro do land Art
A finais dos anos sesenta, un grupo de artistas comezaron a explorar a posibilidade de trasladar o seu obxecto de traballo a espazos naturais. Foi así como naceu o que despois se bautizaría como “land art. Para coñecer unha mostra do seu traballo, o MARCO programa hoxe e mañá (repetirá o 15 e 16 deste mes) un ciclo de vídeo que permite facer un itinerario fílmico polas mostras deste movemento. Proxeccións que nos farán un percorrido por todo o mundo a partir propostas desenvolvidas polos artistas entre 1969 e 2008..
Amplía a nova>>
08/05/2008
O Festival de Curtametraxes de Cans crea contía económica para os seus premios
Dota economicamente os seus premios, (repartirán 8.000 euros), programa dúas longametraxes e dous documentais e haberá máis lugares de proxección. Estas son as principais novidades da quinta edición do Festival de Cans, un certame que organiza a Asociación Cultural Arela. A cita será entre os vindeiro 21 e 24 deste mes en Cans, O Porriño, nas mesmas datas que ten lugar o festival de cine da localidade homófona, Cannes..
Amplía a nova>>