Novas | 281 a 290 de 4079

<< Anterior Siguiente >>

28/11/2022
O home e o can triunfa no Festival de Cine sobre Discapacidade

O XV Festival Internacional de Cine sobre Discapacidade de Collado Villalba (FECIDISCOVI) recoñeceu a produción galega O home e o can con dous dos seus galardóns. O xurado do certame escolleu o filme dirixido por Ángel de la Cruz como merecente do premio á mellor película desta edición este 26 de novembro.. Amplía a nova>>

25/11/2022
O Festival Cinema Miúdo achega a Ames 60 curtametraxes

As casas da cultura de Bertamiráns e O Milladoiro, en Ames, acollen entre os días 24 e 27 de novembro a quinta edición do Festival Internacional Cinema Miúdo. Esta iniciativa proxecta un total de 60 curtametraxes, entre elas 37 a concurso chegados de Francia, Noruega, China, Rusia, Portugal, España, Estonia ou Galicia, organizados en catro categorías por idades.. Amplía a nova>>

24/11/2022
Chega aos cines o documental '10 de Marzo' de Roi Cagiao

A data do 10 de marzo de 1972 quedou para a historia española, galega e ferrolá asociada para sempre a uns acontecementos definitorios da represión do réxime ditatorial que naquel momento gobernaba España co Xeneral Franco como dirixente. Aquel día, Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores dos estaleiros Bazán, en Ferrol, morreron como consecuencia dos disparos da policía durante a represión dunha manifestación sindical. Canda eles, houbo un lote importante de feridos e detidos. O filme '10 de Marzo', dirixido por Roi Cagiao con guión do realizador e máis de Iñaki Varela, busca mergullar aos espectadores nos sucesos acaecidos neses días abordando todo o proceso de penetración das comisións obreiras e do partido comunista dentro do estaleiro Bazán, as tensións na negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo e a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado "Proceso dos 23" no que os principais dirixentes obreiros foron xulgados tres anos máis tarde. O filme chega este venres ás salas de Galicia, e este xoves preséntase nunha preestrea no cine DUPLEX (Ferrol) e no CODEX Cinema de Lugo, No primeiro dos recintos as entradas xa están esgotadas e contará ademais da proxección con presentación e coloquio co director e equipo do filme; en Lugo, ás 20:30 horas de hoxe xoves a preestrea irá acompañada de presentación e coloquio co produtor e equipo do filme.. Amplía a nova>>

22/11/2022
O ano de María Casares encara a fin con importantes accións

A recta final da celebración do centenario de María Casares tivo o seu punto de partida onte, a coincidir coa data exacta de nacemento da actriz, o 21 de novembro. Coa efeméride como pano de fondo, a Cidade da Cultura abriu unha mostra bibliográfica para achegar ao público o percorrido vital desta destacada figura da cultura. A exposición, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de xaneiro na Biblioteca de Galicia, está composta por fondos propios da institución, cun total de 29 libros e oito revistas ás que acompañan material audiovisual como DVD ou discos. Ademais disto o Teatro Colón da Coruña (un espazo para o que hai quen reivindica o renomeamento como Teatro María Casares) acolleu a estrea en Galicia do documental "María Casares, a muller que viviu mil vidas", dirixida polo realizador coruñés Xavier Villaverde e producida por Agallas Films. A película, que tivo a súa estrea absoluta na recente Seminci de Valladolid, estará próximamente dispoñible na plataforma FILMIN. A estrea enmarcouse na celebración do encontro internacional "María Casares. Cen anos de vida", que desde onte se está a celebrar na Casa Museo Casares Quiroga da cidade herculina. Alí reúnense estes días arredor da memoria da actriz figuras da cultura e da investigación histórica como María Lopo, Marion Chénetier-Alev, Johanna Silberstein, Nathalie Cabrera, Sabela Hermida, Mabel Rivera, Esther Lázaro, Alberto Ramos, Emilio Grandío, Xosé Alfeirán, Francisco Xavier Redondo Abal e Manuel Aznar Soler.. Amplía a nova>>

21/11/2022
Os Premios da Crítica amosan unha "Galicia infinda" de propostas salientables

O lema "Galicia é infinda", debido ao poeta Florencio Delgado Gurriarán, presidiu o acto de comunicación do ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia, que tivo lugar este sábado na sede de Afundación de Vigo. Alí os diferentes xurados das modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica, compostos por ata 56 persoas, fixeron públicas as súas decisións.. Amplía a nova>>

18/11/2022
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona

O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia. . Amplía a nova>>

18/11/2022
Culturgal reforza os espazos profesionais na súa 15 edición

A conmemorar os seus quince anos Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, presentaba este 18 de novembro a súa programación. Pontevedra acollerá unha vez máis a cita, que se desenvolve entre os días 24 e 27 con Eva Alonso a se estrear na dirección. Co lema 15 anos cos fíos da Cultura , a feira estará aberta ao público a partir do día 25 desde as 11 da mañá, con entradas que custan 4 euros para persoas adultas, 3 euros para menores de 16 anos, e que son de balde para crianzas de ata tres.. Amplía a nova>>

17/11/2022
Eloy Domínguez Serén estrea hoxe en Xixón "Al otro lado del mar"

O filme "Al otro lado del mar", asinado a dúas mans polo galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno Álvarez fai hoxe a súa estrea mundial no 60 Festival Internacional de Cine de Xixón. A película, que participa na sección oficial 'Tierres en trance', xa tivo hoxe un pase restrinxido ás 9 da mañá para prensa e persoal acreditado e terá a estrea oficial ás 19:30 horas en OCine. En "Al otro lado del mar" Eloy Domínguez e Samuel Moreno amosan a correspondencia fílmica que mantiveron entre ambos ao longo de tres anos e cada un desde a súa terra de orixe, Galicia e Colombia. Estas cartas filmadas amosan as reflexións compartidas entre eles así como a súa amizade sostida pola loita en común contra a soidade. Cargadas de pouso teórico , nelas ambos cineastas amósanse accesibles e abertos, confesionais e achegados.. Amplía a nova>>

14/11/2022
Dous novos documentais conmemoran os vinte anos do Prestige

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollía este 13 de novembro a presentación de 20 anos de dignidade, documental co que a Plataforma Nunca Máis conmemora dúas décadas das mobilizacións populares contra a catástrofe do Prestige. O filme, dirixido por Xosé Aragunde, recolle "recolle testemuñas de diferentes persoas que participaron de xeito directo na xénese de Nunca Máis, mais tamén da xente do mar que posúe unha visión directa da catástrofe".. Amplía a nova>>

09/11/2022
Preséntanse tres vídeos complementarios ao estudo sobre a muller no audiovisual galego

O informe " A representatividade e a representación das Mulleres no Audiovisual Galego. Ficción 2020" da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuais (CIMA) servirá de base para un acto hoxe no que tomará parte a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, a decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres-Romay e a directora de Igualdade da Uvigo, Águeda Gómez. O evento, que poderá seguirse en directo hoxe ás 17:00 horas pola canle de YouTube da deputación incluirá a presentación dos vídeos "Análise de Planos con perspectiva de xénero", "A representatividade das Mulleres no sector" e "desenvolvemento da proposta didáctica", para comezar logo un debate/conversa ao que se sumarán a actriz Mariana Carballal e a socióloga Amada Trabada. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org