Novas | 2711 a 2720 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

26/05/2009
A montaxe de Graham Vick sobre o Ouro no Rin abre o ciclo Ópera no cine

O Festival Mozart xa está en marcha. Despois dun dos primeiros pratos fortes, a montaxe de Mitridate que tivo lugar a semana pasada, hoxe comeza unha das súas actividades secundarias: o ciclo Ópera no cine. Un apartado que pretende achegar a ópera noutro formato diferente do habitual, en pantalla grande. A primeira das gravacións proxéctase hoxe na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña ás 19:00 horas. Trátase de O ouro do Rin de Wagner que Graham Vick (escenógrafo homenaxeado nesta edición) proxectou para o Teatro Nacional de Sao Carlos de Lisboa que gravou a Radio Televisión Portuguesa. Entidade que cedeu dúas gravacións ao festival para incorporar a este ciclo gratuíto. . Amplía a nova>>

26/05/2009
Continental prepara tres videoxogos para as consolas de Nintendo, a Wii e a DS

Comezaron no mundo dos videoxogos cun traballo para pecé, o ELE (evento Ligado á Extinción) con catro persoas no plantel máis a colaboración dos departamentos de dúas universidades galegas (Santiago e Vigo). Agora, Continental acaba de dar un salto de xigante ao conseguir a certificación de Nintendo, que só posúen media ducia de empresas en toda España, e que lles autoriza a desenvolver contidos para as consolas deste xigante xaponés (Wii e DS). Para esta plataforma están a desenvolver tres videxogos en paralelo: Emotional training, para pór a proba as habilidades emocionais dos xogadores; unha máquina de verdade para saber “quen engana mellor” e unha chimenea manexable por control remoto. Este último espera que esté dispoñible na tenda virtual (webstore) de Nintendo este ano. Continental games é a división de animación de Continental, que espera converterse en breve nunha compañía independente para facer unha aposta máis forte neste sector nos vindeiros cinco anos.. Amplía a nova>>

25/05/2009
Dani de la Torre e Jorge Morais gañan na VI edición do Festival de Cans

Por nada de Dani de la Torre e O pintor de ceos de Jorge Morais son os gañadores da VI edición do Festival de Cans. O xurado valorou a cinta de Dani de la Torre “por ser unha peza na que todos os elementos dunha curtametraxe están equilibrados”. No caso de O pintor de ceos, o xurado destacou “cada plano está traballado ao límite”. No caso deste traballo, intégrase no catálogo de Curtas09 que edita o Consorcio Audiovisual Galego. Os actores de Uruguay 2030, Henar Jiménz e Edga Blanco recibiron os premios pola súa interpretación. No caso do masculino, o galardón foi compartido con Vicente de Sousa por Queres ser director de cine?.. Amplía a nova>>

22/05/2009
A Xunta inicia os trámites para nomear a Sánchez Izquierdo como director xeral da CRTVG

O Consello da Xunta acordou onte iniciar o procedemento para nomear ao director xeral da CRTVG. O candidato proposto é Alfonso Sánchez Izquierdo (Sidi Ifni, 1949), xornalista vencellado ao xornal La Región durante tres décadas. Tal e como establece a lei da CRTVG, a proposta pasa agora ao Consello de Administración do ente público que emitirá un parecer (non vinculante) antes da súa aprobación definitiva. Ademais, en virtude da lei da transparencia, a súa designación pasará polo Parlamento, concretamente pola Comisión de Control da CRTVG. Sen embargo, non é necesario que haxa consenso entre os diferentes grupos xa que non se establece ningún tipo de marioría para dar o visto e prace á designación, . Amplía a nova>>

20/05/2009
A data límite do apagón analóxico terá lugar en abril do 2010

Sábado, 3 de abril de 2010. Esta é a data límite para o cesamento das emisións da televisión en analóxico. É a mesma desde que se leva falando da famosa Televisión Dixital Terrestre (TDT), aínda que a Xunta establecera un calendario no que se planificou un apagamento gradual das emisións analóxicas que comezou na Fonsagrada a finais de 2008 no marco dun proxecto piloto. Pero o cambio do goberno en San Caetano, cos atrasos que supuxo na toma de decisións, a falta de cobertura e un baixo nivel de peneatración da TDT fixo adiar todas as previsións. Agora, o Ministerio de Industria confirma que haberá permisividade cos retrasos marcados polo goberno galego, pero será inflexible coa data definitiva do apagón do 2010.. Amplía a nova>>

20/05/2009
O Teatro Jofre de Ferrol acolle hoxe a estrea do Club da Calceta

Primeiro foi unha novela, despois unha obra de teatro e agora unha película. O Teatro Jofre de Ferrol acolle hoxe (20:30 horas) a estrea do telefilme O Club da Calceta, a adaptación da obra de María Reimóndez. Dirixido por Antón Dobao conta a historia de Matilde (Susana Dans), Anxos (Sonia Castelo), Rebeca (Katia Kléin), Elvira (Mela Casal), Luz (María Vázquez), Maruxa (Inma Colomer), Rusa (Antela Cid) e Pitusa (Camila Bossa), unhas mulleres moi diferentes entre si que acoden a clases de calceta, onde expoñen as súas frustracións ao tempo que toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Producido por Ficción xunto coa TVG e Diagonal Televisión, foi rodado integramente na cidade de Ferrol entre setembro e outubro de 2008. O telefilme fai parte da serie Un mundo de historias, proxecto creado por Antón Dobao centrado na adaptación de obras literarias galegas. Amplía a nova>>

20/05/2009
O milagre dos cans

Por máis que se intente trasladar o ambiente (os chimpíns, a Can parede, os coloquios nas leiras….) nada é comparable co que se vive alí. É unha cita ineludible para os que gusten da cultura tradicional, pero tamén das curtametraxes. A sexta edición de Cans abre as súas portas esta tarde co mesmo estilo e filosofía de sempre: o agroglamour. Pero que a festa non agoche a súa verdadeira dimensión, a de promoción do sector audiovisual no que Cans desenvolve un importante labor. . Amplía a nova>>

18/05/2009
Aberto o prazo de recepción de varios festivais de curtametraxes

Desde hai unha semana Curtocircuíto, o festival de promoción da curtametraxe de Santiago, xa ten aberto o seu prazo de inscrición. Non é o único certame que abriu os seus prazos, xa que o Festival Internacional, Nacional e Interparroquial de Cine Centrifugado y Canalla de Sada tamén acaba de abrir o prazo de presentación de traballos. En ambos os dous casos, pódense presentar curtametraxes de ámbito internacional. O Festival de Cine Centrifugado e Canalla recibe material ata o 18 de xuño, e ata un día despois, o Curtocircuíto de Santiago.. Amplía a nova>>

15/05/2009
A Xunta continúa sen designar a persoa responsable do sector audiovisual

A situación do sector audiovisual continúa a estar no aire. Case un mes despois de desvelarse que haberá unha dirección xeral de Promoción do Sector Audiovisual e contidos Dixitais que se integra organicamente na consellaría de Economía e Industria, este departamento continúa sen ter un titular. O seu nomeamento permitirá establecer a nova política audiovisual da Xunta, despois de que o Partido Popular prometera unificar as competencias nesta materia, antes divididas entre Cultura e Presidencia. Xunto co director xeral de Promoción do Sector Audiovisual, falta por nomear no novo organigrama da Xunta, o de política financeira.. Amplía a nova>>

12/05/2009
O Observatorio Europeo do Audiovisual revela que España ó terceiro país produtor de películas

Con 150 filmes no 2008 España é, segundo o Observatorio Europeo do Audiovisual (entidade que mantén o Consello de Europa), o terceiro país produtor de películas, despois de Alemaña e Francia. Sen embargo, a mesma entidade defende que as películas só conseguiron atraer ao 1.4% dos asistentes aos cinemas da Unión Europea. Un punto menos que hai catro anos, o que confirma a tendencia á baixa de asistentes do cinema español. A versión cinematográfica de Mamma Mia! e a última entrega de James Bond, Quantum of Solace encabezan os listados con maiores ingresos.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org