Novas | 2671 a 2680 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

03/08/2009
Mario Iglesias presentará o seu último filme nunha sección non competitiva de San Sebastian

O director Mario Iglesias presentará o seu último filme Relatos, no Festival de Cine de San Sebastián. Vaino facer no marco da sección Made in Spain, que proxecta filmes recentes realizados en todo o Estado. Relatos conta a historia dunha escritora ama de casa que ten que visitar a un psicoterapeuta porque sufre de episodios de pánico nocturno. Relatos é o cuarto filme deste autor pontevedrés. . Amplía a nova>>

31/07/2009
Dúas películas e un telefilme incorpóranse ás rodaxes de verán

Alacante, Negueira de Muñiz, Santiago... son algúns dos escenarios nos que estes días se están a rodar novas producións galegas. Ignacio Vilar rodará entre A Fonsagrada e Asturias, a súa nova produción Vilamor, que conta os conflictos dun escritor que regresa á súa localidade natal. Canda este, entre Santiago, Tui, Razo e Vedra estase a rodar O bonito crime do carabineiro, unha comedia negra protagonizada por Manquiña, Toño Casais e César Cambeiro que adapta un conto de Camilo José Cela. Pecha este repaso polas rodaxes das producións galegas, O diario de Carlota, un filme xuvenil que conta as desventuras dunha adolescente de 17 anos. A película, que coproduce Milou Films, estase a rodar en Alacante.. Amplía a nova>>

28/07/2009
Dúas producións ródanse en Galicia no medio do parón do sector audiovisual

Se no verán pasado se rodaron preto dunha vintena de producións audiovisuais (entre longametraxes, documentais e curtametraxes), nesta ocasión o panorama é ben diferente. Nestes momentos estase a rodar en Galicia dous traballos: un deles en Gondomar e será o primeiro “western” galego. Chámase Naipe de sangue, está dirixido por José Ballesta e Miguel Anxo Fernández e protagonizado por Eladio Santos e Silvia Superestar. O outro título é As imaxes perdidas, a outra mirada, a última longametraxe de Juan Pinzás que se está a rodar en Vigo, Baiona e Santiago. Nesta ocasión, Pinzás conta coa participación de Paul Naschy e Javier Gurrachaga. . Amplía a nova>>

27/07/2009
O Festival Celta de Lorient estreará un documental sobre a estadía de Castelao na Bretaña

Castelao estivo catro meses na Bretaña (Francia) estudando os cruceiros desa terra. Daquela viaxe sairía o libro As cruces de pedra na Bretaña, un estudo histórico, descritivo e a antesala doutra publicación moi coñecida de Castelao,As cruces de pedra da Galicia. Esa estadía é a que percorre un documental dirixido por Alain Pennec con imaxes da Cinemateca da Bretaña e o Centro Galego de Artes da Imaxe que se estreará no marco do Festival Celta de Lorient. É unha das citas destacadas dun encontro que terá lugar do 31 de xullo ata o 8 de agosto. O festival contará con abondosa presenza galega nesta edición, xa que teñen confirmada a súa asistencia desde Carlos Núñez ata Crema de Gaita, pasando por Moxenas Musical Galego, Berrogüetto, Son de Seu ou Xacarandaina.. Amplía a nova>>

24/07/2009
Os concellos non custearán a transición á Televisión Dixital Terrestre

“Liberaremos aos concellos de calquera tipo de investimento e garantiremos tamén que se verá a televisión a través da nova tecnoloxía cun incremento da calidade da imaxe” explicou o presidente Núñez Feijoo ao anunciar o Plan Específico de Encendido Dixital. Un proxecto que se presentará e concretará “concello a concello” en setembro e que se insire no plan de transición a televisión dixital. Para o desenvolvemento dese plan conta cun orzamento de 9 millóns de euros, que achegan entre a Xunta e o Ministerio de Industria. . Amplía a nova>>

21/07/2009
Antón Reixa é o presidente da Plataforma Tecnolóxica do Audiovisual

Seis meses despois de se presentar ao público a Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega (I+dea), os seus integrantes acaban de elixir ao seu Comité Xestor. Trátase do grupo que pretende liderar a actividade da plataforma, definindo os seus obxectivos e propondo iniciativas para dinamizar a innovación tecnolóxica no sector (desde a parte máis técnica á produción de contidos). O comité está presidido por Antón Reixa, o vicepresidente é Antonio Pose, mentres que Antonio Rodríguez del Corral, Carlos Carballo e Noemí Varela son vogais. . Amplía a nova>>

20/07/2009
Sae á venda a BSO composta por Sergio Moure para “Un bo home”

A banda sonora orixinal composta polo coruñés Sergio Moure de Oteyza para a longametraxe "Un bo home", ven de saír á venda en CD, editada por JMB/Karonte. A música foi gravada na Coruña coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia. Moure ten unha importante traxectoria como compositor para o audiovisual conseguindo candidaturas aso premios Goya e Mestre Mateo par algúns dos seus traballos. Moure tamén fai labores como profesor participando nos Master de Produción Audiovisual da Universidade da Coruña e dirixiu os Seminarios de composición de música de cine da Coruña 2006-2007, organizados pola Deputación provincial e a Fundación Paideia. O pasado 13 de marzo foi a estrea absoluta do seu Concerto nº 1 Admónitum, pola Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Víctor Pablo Pérez no Palacio da Opera da Coruña. “Un bo home” é unha produción audiovisual con participación galega a través de Milou Films, dirixido por Juan Martínez Moreno o filme estreouse a finais de abril. O compositor está traballando arestora na longametraxe "Retornos", dirixida por Luis Avilés. . Amplía a nova>>

20/07/2009
Miguel Gomes e Nuno Beato fanse cos premios do festival de cinema Filminho

A segunda edición do festival de cinema galego e portugués xa ten gañadores. A longametraxe de Miguel Gomes Aquele Querido Mês de Agosto e a curta de animación A miña vida nas túas mans de Nuno Beato son os títulos recoñecidos con Grande Premio Filminho. Canda estes, Diana Gonçalves recibiu o Grande Premio Minhoto polo seu documental Mulleres da Raia.. Amplía a nova>>

17/07/2009
Desaparece o programa Banda Curta da TVG

Despois de oito meses en antena con 27 programas emitidos, “Banda Curta”, o programa de música en directo que se viña emitindo todos os sábados na TVG, non terá continuidade despois do verán. Así o fixo saber hoxe o director do programa, Alfonso Pato, por medio dun comunicado. Músicos como Iván Ferreiro, Coque Malla, Silvia Superstar, Dr. Explosion, Lamatumbá, Christina Ronsenvinge, The Homens, Josele Santiago, Def con Dos, David Fonseca, Ruxe-Ruxe, Ectoplasma, Sugar Mountain, Som do Galpom, Cornelius, Moon Cresta e ata 45 bandas pasaron en directo pola discoteca LP45 de Ordes onde se gravava o programa. Banda Curta era o único formato dedicado en exclusiva á música pop e rock da televisión pública galega.. Amplía a nova>>

16/07/2009
A segunda edición de Filminho conta con 49 filmes

Filminho, a Festa do Cinema Galego e Portugués, iniciaba onte a súa segunda edición en Tomiño. Desta volta, o festival proxectará un total de 49 títulos, seleccionados entre 250 candidatos. As proxeccións repártense entre o auditorio de Goián e mais o de Vila Nova da Cerveira, en Portugal. Entre as obras que se poderán ver destaca un filme sobre o 25 de abril de Edgar Pêra ou Ruínas de Manuel Mozos, que resultou premiada no festival de cine de Marsella.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org