Novas | 2681 a 2690 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

09/07/2009
A Coordinadora do Audiovisual protesta contra a Lei do Audiovisual

A Delegación do Goberno na Coruña recibirá hoxe a misiva que a Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego lle envían ao presidente do Goberno, José Luís rodríguez Zapatedro. Nela, os traballadores destes sector manifestan a súa total oposición ao anteproxecto da Lei Xeral do Audiovisual, ao considerar que tenta "desvirtuar a lexislación europea relativa á obriga das televisións de dedicar o 5 por cento ás producións cinematográficas de empresas independentes". Na carta, o colectivo tamén se opón a que esa porcentaxe se destine á produción de series. A ministra e o conselleiro de Cultura, o Instituto de de Cinematografía, os grupos parlamentarios galegos e españois e os colectivos estatais do sector tamén recibirán copias desta carta.. Amplía a nova>>

08/07/2009
Realidades de mentira

Se hai alguén que pensa que O curioso caso de Benjamin Button é unha película de imaxe real, recomendamos que non siga lendo esta reportaxe. E que tampouco se achegue por calquera dos escenarios de Mundos Dixitais, o festival de infoarquitectura, animación, videoxogos e gráficos computerizados que abre hoxe as súas portas na súa Coruña. . Amplía a nova>>

30/06/2009
O CGAC centra o seu ciclo de cine de verán na profesión xornalística

“Os xornalistas teñen nas súas mans o poder de contaren os feitos obxectivamente ou de os manipularen até que se adapten ás súas necesidades”. E estas dúas visións, que explica a coordinadora do programa no seu folleto, Ana González, son as que se recollen no ciclo “Xornalismo en 35 mm”. É o acontecemento que organiza o Centro Galego de Arte Contemporánea dentro da súa programación de verán no contorno do edificio (se o tempo o permite). As sesións terán lugar todos os mércores ás 22:30 horas e proxectarán filmes de Billy Wilder, Elia Kazan, Sydney Pollack, Sidney Lumet ou Costa-Gavras.. Amplía a nova>>

30/06/2009
O sector audiovisual crea unha coordinadora para defender os seus intereses

A paralización das institucións competentes en materia audiovisual e a indefinición da política a seguir por parte da Xunta despois de producirse o cambio de goberno son os motivos polos que actores, directores, técnicos, realizadores e guionistas acaban de crear unha Coordinadora para defender os seus intereses. A entidade, que ten como voceiro a Vicente Montoto, acaba de emitir un comunicado no que propoñen un dialogo regularizado coas administracións, convocar as comisións das axudas que han de estar formadas por especialistas e a coordinación coa TVG das axudas concedidas pola Consellaría de Cultura. A entidade solicitou unha entrevista co director xeral de Promoción da Cultura o pasado 11 de xuño sen que, polo momento, teñan recibido unha resposta.. Amplía a nova>>

29/06/2009
As series compartirán cos filmes o investimento obrigado do 5%

A actual Lei Xeral das Telecomunicacións establece que as televisións deberán investir un 5% dos seus ingresos no cine. Unha porcentaxe que nunca satisfixo os intereses das televisións e foi obxecto de conflito co goberno en numerosas ocasións. Agora, no anteproxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual que foi aprobado no último Consello de Ministros (e inicia así o seu trámite parlamentario) nese 5% tamén se poden incluír series de televisión. Iso sí, cunha limitación: o 60% desa porcentaxe obrigada ha de ser para financiar longametraxes. Ademais, a lei establece outro mecanismo corrector, o que obriga a TVE a dedicar un 1% máis que as cadeas privadas dos seus ingresos (un 6% en total). O control e o seguimento dos investimentos estará en mans do Consello Estatal de Medios Audiovisuais (entidade independente cuxos membros serán elixidos polo Parlamento con marioría de dous terzos), outra das grandes novidades do novo texto xurídico.. Amplía a nova>>

25/06/2009
Un foro analiza as posibilidades dos contidos dixitais para os novos medios

A televisión dixital (TDT), o novo marco regulador do sector audiovisual, os contidos multiplataforma, a animación dixital e os videoxogos e a rendibilidade do negocio audiovisual son os contidos do foro Novos Medios e Contidos Audiovisuais-NovoMed 09 que organiza Agapi. O encontro terá lugar os días 9 e 10 de xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación e reunirán a expertos e profesionais que están a traballar no desenvolvemento de proxectos innovadores. . Amplía a nova>>

23/06/2009
Un proxecto pretende crear unha rede de distribución de contidos a través de Internet

Proxectar a mesma película en varias localidades ao mesmo tempo ou a realización de videoconferencias son os obxectivos que persegue Cinemadix, un proxecto que promove a escola de produción audiovisual O raio verde. O proxecto, que pretende crear un novo circuíto de distribución a través de Internet, está en fase de busca de socios financeiros para o seu desenvolvemento.. Amplía a nova>>

22/06/2009
Un seminario da Fundación Seoane percorre a historia da animación

A animación fai parte das nosas vidas e é un dos xéneros cinematográficos que está a gañar terreo co paso do tempo. Ademais, é unha ferramenta artística que atrae a atención de especialistas das artes plásticas, a estética, a socioloxía, a política ou a crítica de cine. A súa evolución, desde as orixes de Disney á Warner pasando polo anime xaponés, ata a actualidade será obxecto de análise nun seminario que se desenvolve na Fundación Seoane. Será do 7 ao 10 de xullo e contará coa presenza de Juan Carlos Pena, director de producción de Dygra Films, o historiador Luciano Berriatúa, e Alberto Casal, director de Xabarín Club da TVG, entre outros.. Amplía a nova>>

18/06/2009
Péchase a estrutura da Xunta sen aclarar a adscrición do audiovisual

Se no bipartito as competencias en materia do sector audiovisual se mantiñan entre a Consellaría de Industria, a Secretaría Xeral de Comunicación e a Consellaría de Cultura, no actual goberno estarán entre a Secretaría Xeral de Medios, a de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a de Cultura (mediante a Agadic). Así o resumiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta no que se pechou a estrutura orgánica do novo goberno. Feijóo confirmou que está por definir o modelo concreto pero que será “unha única política audiovisual, cun único interlocutor”. Ademais, Feijóo quixo destacar a importancia que ten o audiovisual do que dixo que era “un dos sectores importantes da nosa economía”.. Amplía a nova>>

18/06/2009
Escritores, editores e libreiros protestan ante a desaparición do Servizo de Cultura da televisión pública galega

As entidades asociativas representantes destes tres colectivos -Asociación de Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Editores e Federación de Libreiros de Galicia- fixeron onte público un comunicado conxunto no que amosaban a súa “fonda preocupación” pola decisión da nova directiva da CRTVG” segundo a cal fica suprimido este servizo creado en 2005 e nomeadamente pola inmediata supresión do programa Libro Aberto, o único centrado na divulgación e coñecemento da literatura do país. As asociacións agoiran unha falta de visibilidade dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da produción editorial que poden ser atopadas nas librarías. Aproveitan o comunicado as tres asociacións para lamentar outras decisións da Xunta como a derrogación do decreto do galego na educación ou a modificación da Lei de Función Pública para eliminar a proba de galego obrigatoria nos procesos selectivos de acceso á Administración autonómica. A TVG contestou con outro comunicado no que asegura que o equipo directivo está a traballar nunha mellora da oferta cultural de cara ao outono co obxectivo de levar os programas relacionados cos libros,a música, a lingua, a arte, etc., fóra de horarios que puidesen ser considerados residuais para colocalos en franxas centrais do día. Tamén aseguran desde a TVG que están en negociacións cunha persoa “de recoñecido prestixio no mundo das letras galegas” como futuro condutor dun deses programas.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org