18/06/2009
Escritores, editores e libreiros protestan ante a desaparición do Servizo de Cultura da televisión pública galega
As entidades asociativas representantes destes tres colectivos -Asociación de Escritores en Lingua Galega, Asociación Galega de Editores e Federación de Libreiros de Galicia- fixeron onte público un comunicado conxunto no que amosaban a súa “fonda preocupación” pola decisión da nova directiva da CRTVG” segundo a cal fica suprimido este servizo creado en 2005 e nomeadamente pola inmediata supresión do programa
Libro Aberto, o único centrado na divulgación e coñecemento da literatura do país. As asociacións agoiran unha falta de visibilidade dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da produción editorial que poden ser atopadas nas librarías. Aproveitan o comunicado as tres asociacións para lamentar outras decisións da Xunta como a derrogación do decreto do galego na educación ou a modificación da Lei de Función Pública para eliminar a proba de galego obrigatoria nos procesos selectivos de acceso á Administración autonómica. A TVG contestou con outro comunicado no que asegura que o equipo directivo está a traballar nunha mellora da oferta cultural de cara ao outono co obxectivo de levar os programas relacionados cos libros,a música, a lingua, a arte, etc., fóra de horarios que puidesen ser considerados residuais para colocalos en franxas centrais do día. Tamén aseguran desde a TVG que están en negociacións cunha persoa “de recoñecido prestixio no mundo das letras galegas” como futuro condutor dun deses programas..
Amplía a nova>>
16/06/2009
O sector audiovisual inicia contactos coa dirección da CRTVG
Representantes dos guionistas, produtores, realizadores, técnicos e do clúster do audiovisual reuníronse este luns co director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, para analizar a situación do sector. É a primeira dunha serie de xuntanzas que pretenden achegar as estratexias a abordar a longo prazo para este sector. Os profesionais levan meses denunciando o incumprimento da lexislación por parte do ente público (a lei que lle obriga a investir un 5% dos seus orzamentos) o que motivaba, na súa opinión, a paralización do sector. Ademais, segundo figura na nota de prensa remitida pola CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo solicitou unha comparecencia urxente na Comisión Parlamentaria da CRTVG para informar aos deputados sobre a reestruturación do organigrama. .
Amplía a nova>>
15/06/2009
Onde está a felicidade? e Brasil somos nós foron seleccionadas para o Fondo de coproducións
Dos nove proxectos presentados, o Consorcio Audiovisual Galego deu a coñecer os nomes dos dous traballos seleccionados para participar no fondo de axudas á coprodución galego-brasileiro. Da banda da ficción,
Onde está a felicidade? (Filmanova Invest e Pulsar Produçoes artísticas) conta a historia de Teodora que decide facer o Camiño de Santiago como resposta ás crises persoais e profesionais da súa vida. Do lado do documental,
Brasil somos nós segue ao recoñecido músico Carlos Núñez no seguimento das pegadas do seu bisavó emigrado a país suramericano en 1904, nunha viaxe que o leva a descobrir a cultura e a música brasileira. O fondo está convocado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e pola Agência Nacional do Cinema de Brasil (Ancine)..
Amplía a nova>>
12/06/2009
Libro aberto cae da grella da CRTVG
O final de temporada do programa
Libro aberto, da CRTVG, semella ser tamén a súa despedida. Luis Rei Núñez, director do espazo, enviou esta mesma mañá unha carta de despedida xa que, segundo sinala, os novos directivos tomaron "a decisión de suprimir o Servizo de Cultura" da compañía, do que depende este programa canda a
Miraxes,
Planeta cine,
Alalá,
Onda curta e
Ben falado!, que se enfrontan tamén a un futuro incerto. Segundo indica o director de
Libro aberto, o equipo xa recibiu a comunicación de que o programa non voltará en setembro, aínda que ignoran que a despedida é definitiva. A última emisión, xa gravada con anterioridade á suspensión, está programada para a noite do vindeiro 24 de xuño, completando a entrega 127 do espazo.
Amplía a nova>>
11/06/2009
A Xunta elimina a anunciada Dirección Xeral de Promoción do Sector Audiovisual que dependía de Economía
Durante a campaña electoral os populares comprometéronse a unificar as competencias en material audiovisual (no bipartito repartidas entre Cultura e Presidencia); no deseño do novo organigrama da Xunta crearon a Dirección Xeral de Promoción do Sector Audiovisual e Contidos Dixitais que se integraba na Consellaría de Economía e Industria; e agora, cando se fai pública a estrutura orgánica desta consellaría, anuncian que “en consonancia cos obxectivos de economía e austeridade” se suprime a Dirección Xeral de Promoción do Sector Audiovisual. As súas competencias nesta materia pasan a ser asumidas polas Secretarías Xerais de Medios e de Modernización e Innovación Tecnolóxica que dependen directamente do Presidente, Alberto Núñez Feijóo..
Amplía a nova>>
10/06/2009
As descargas de películas na Internet tamén contarán para as axudas do ICAA
Ignasi Guardans, o novo director do Instituto da Cinematografía e Artes Audiovisuais, anunciaba onte, ante a sorpresa xeral, que as descargas de Internet computarán igual que a venda de entradas nas salas, nas axudas á amortización no despacho de billetes das películas españolas. Pero non foi a única novidade, xa que os telefilmes tamén recibirán axudas desta entidade. Todas estas medidas figuran na orde ministerial que está en fase de elaboración e que nuns dez días serán enviadas aos diferentes sectores cinematográficos, comunidades autónomas e Comisión Europea. A previsión do ICAA é que se publique no BOE en outubro. Deste xeito, achégase unha revolución no sistema de axudas ao cinema estatal, que pasa a considerar a rede ao mesmo nivel que as salas tradicionais. Ademais, Guardans engadiu que a promoción segue a ser a gran materia pendente do cinema. .
Amplía a nova>>
10/06/2009
A colaboración é a clave da segunda fase do Plan de Internacionalizacion do Clúster
Unha ducia de empresas participaron estes días na última iniciativa do Clúster Audiovisual Galego co obxectivo de achegar ferramentas para que as empresas galegas poidan vender os seus produtos no estranxeiro. O encontro pretendía achegar novos modelos de mercadotecnica e comercialización para as empresas participantes asentados na produción consorciada. Con esta iniciativa abórdase a segunda fase do Plan de Internacionalización do Clúster que pon o énfase na necesidade de traballar de xeito colaborativo..
Amplía a nova>>
09/06/2009
Televisión de Galicia retoma esta noite o documental sobre as vacas tolas
Despois de ser cancelada a súa emisión por “razóns de responsabilidade social”, a Televisión de Galicia recupera no seu horario habitual a serie documental
A Caixa Negra. E faino co capítulo que comezou o conflicto a semana pasada, aquel que lembra a crise alimentaria que se produciu no país despois da alarma social creada polo mal das vacas tolas. .
Amplía a nova>>
09/06/2009
Sombras e luces da TDT
Hai máis de tres anos anunciouse a chegada da Televisión Dixital Terrestre como a gran revolución televisiva. Mesmo chegou a dicirse que a revolución era só comparable co paso do branco e negro a cor. A menos dun ano de producirse o apagón analóxico, a TDT segue a ser unha gran descoñecida. Achegamos un manual para os galegos que aínda non se manexan neste proceloso mundo. .
Amplía a nova>>
05/06/2009
TVG adía a decisión de emitir o documental sobre as vacas tolas
Foron as “razóns de responsabilidade social” as que obrigaron á nova dirección de Televisión de Galicia a adiar a emisión do capítulo da serie
A Caixa Negra que lembraba o mal das vacas tolas. Así o afirmaron nun ambiguo comunicado no que aseguraron que a serie recuperará o seu horario normal de emisión o vindeiro martes. O que non aclaran desde o gabinete de prensa da TVG é se se emitirá o documental censurado ou se continuará coas outras entregas desta serie composta por 13 capítulos. Pero o vídeo xa está ao dispor dos usuarios desde onte en Youtube. Filmanova, a produtora da serie, asegura non ter nada que ver coa aparición dese video no coñecido portal..
Amplía a nova>>